Santa Marta de Ortigueira e o do Rosario, este último situado no concello de San Sadurniño, son os dous únicos conventos que a día de hoxe existen na comarca de Ferrol, na que resultan moito máis numerosos os mosteiros. Estos últimos edificios son aqueles nos que habitan monxes en clausura, mentres que os conventos, tamén coñecidos co nome de priorato, son establecimentos relixiosos ocupados por unha comunidade composta por clérigos regulares, sexa homes o mulleres.
A historia do convento do Rosario remontase ao século XVI, máis concretamente á primavera de 1508, momento no que o primeiro señor de San Sadurniño, Fernando de Andrade, e a súa muller Inés de Castro y Lanzós, reconstruíron unha igrexa facendo uso das pedras e outros materiais dun antigo templo románico e, unha vez rematada, solicitaron unha bula do Papa Julio II para establecer unha colexiata que pasaría a estar atendida por cinco capeláns. O segundo señor de San Sadurniño, Xoán Freire de Andrade, muda os capeláns por regulares da orde franciscana, sendo o seu fillo, Pedro de Andrade, o que finalmente encomenda o convento á orde de Santo Domingo, institución que a rexirá ata a súa desaparición no século XIX. Na actualidade, o edificio conventual acolle o cuartel da Garda Civil e a Casa da Xuventude pero conserva un claustro con sete arcos de medio punto a cada lado e un xardín central, así como a escaleira pola que se accede ao piso superior e realizada en “pedra de Moeche”. No exterior, o viaxeiro pódese atopar con vellos castiñeiros, un horreo, un cruceiro e unha fonte pola que se accede a través dunha escalinata que con os seus 50 chanzos separados por cinco descansos corresponden aos misterios do Rosario, símbolo da orde dos Dominicos. A súa construción, tamén realizada en pedra de Moeche, sitúase no século XVIII e aínda hoxe conserva a inscrición da orde fundada por Domingo de Guzmán: “Laudare, Benedicere, Praedicare”. A igrexa parroquial perteñeceu ao convento ata 1835 e no seu interior están os sepulcros dos I, II e IV Señor de San Sadurniño, así como o de Inés de Castro.
O misterio rodea o convenio de Santa Marta de Ortigueira, do que se descoñece a data da súa construción pero que se calcula que puido acontecer cara ao 1302. Sobre o que si existe certeza é que estaba situado fóra dos muros da vila, unido á muralla e próximo á porta da vila, así como a concesión de esmolas para a súa fundación. O cenobio de Santa Marta dispuxo de casa de estudios ata a reforma da Orde de Predicadores, no século XVI, e posteriormente impartiu cátedras de teoloxía moral, filosofía, gramática e instrución primaria. A edificación primixenia, construída na primeira metade do século XIV, foi arrasada polas lamas dun incendio acontecido no ano 1550 e, despois de sucesivas reparacións, os frades da orde de Santo Domingo ergueron un edificio de nova planta entre 1748 e 1776. A finais do século XVIII, o cenobio só contaba cunha renda de 14.626 reais de vellón. O convento de Santa Marta participou na reorganización da resistencia ás tropas francesas durante a Guerra da Independencia (1808-1814) e a súa actividade foi suprimida polos decretos de exclaustración do ano 1835. O convento co claustro, e a igrexa co seu atrio, ocupan unha superficie total de 5.000 metros cadrados, acollendo agora o Concello, o Teatro de Beneficencia e a igrexa parroquial. O tempo da vila de Santa Marta é de nova construción, de cruz latina e, entre as súas riquezas, no seu interior acolle importantes retablos, así como unha lápida sepulcral de alabastro con letras góticas do século XVI, que garda os restos de Martín de Basoa.