O Teatro Jofre de Ferrol acollerá este sábado día 20 ás 3 da tarde, e por terceiro ano consecutivo, unha ópera amateur, resultante do traballo que estes días están a realizar docentes de toda a comunidade coa Asociación LOVA. Previamente e durante oito xornadas de 9 a 18.30h, os profesores aprenden as técnicas deste proxecto para levalas ás aulas e poñelas en práctica cos seus alumnos durante o curso.
Como xa comentamos en entradas anteriores, LOVA (La Ópera, un Vehículo de Aprendizaje) é un proxecto educativo que ensina aos máis pequenos a confiar na capacidade dos seus compañeiros e a superar retos en equipo mediante a creación dunha compañía teatral e unha ópera. Organízanse por profesións e cada neno ten unha tarefa concreta dentro do grupo que só pode desempeñar el: escribir o guión, deseñar a escenografía, compoñer a música, confeccionar o vestiario, realizar campañas de prensa, recadar fondos, etc. Ao final de todo estrean a súa creación, dunha media hora, sen axuda dos profesores nin de ningún adulto. Eles son os creadores e os únicos responsables da súa ópera. Ao final, o obxectivo do proxecto non é tanto a creación dunha ópera senón o crecemento persoal e profesional dos nenos, así como a construción dun futuro nun ambiente de confianza, colaboración, esforzo e aprendizaxe. Ensínaselles tamén a non compararse entre eles xa que cada un ten un papel importante que se complementa co dos seus compañeiros.
Ten as súas orixes nun proxecto educativo realizado nos anos 70 por Bruce Taylor e Joann Forman para a ópera de Seattle. Tal foi o éxito que nos 80, a iniciativa chegou ata o Metropolitan Opera Guild de Nova York, lugar onde Mary Ruth McGinn, mestra de primaria estadounidense, coñeceu a idea que, posteriormente, decidiu levar ás súas clases. LOVA chegou a España no ano 2006 da man desta profesional e, dende entón, todos os anos no verán, imparte cursos de formación por toda a península para que os docentes aprendan estas técnicas e poidan transmitir os coñecementos aos seus alumnos durante o ano escolar. En total, o proxecto chegou a quince Comunidades Autónomas e pouco a pouco vanse ampliando as actividades relacionadas co tema grazas á súa acollida.
LOVA traballa os obxectivos educativos das aulas: desenrolo cognitivo, social e emocional de nenos e nenas. O procedemento de traballo é sempre o mesmo. Primeiro de todo, investígase que é o que saben os nenos sobre a ópera e as compañías teatrais e comézase o curso desde os seus coñecementos. Posteriormente, fundan a compañía cun nome que eles elixen, escollen as profesións nas que máis cómodos se senten e comezan a traballar xuntos creando e ensaiando ata conseguir o resultado final, que é a representación. Tal como din os propios nenos e nenas participantes, “fixemos esta ópera para que nos deixen opinar, porque nós tamén temos ideas” (“Los piratadas de las Ideas Kids Opera Company, 1º de Primaria de Nuestra Señora de la Victoria”).
“Fixemos esta ópera para que nos deixen opinar,
porque nós tamén temos ideas”.
Dende os seus inicios, LOVA experimenta un crecemento constante grazas a docentes que atopan neste proxecto a resposta ás súas inquedanzas pedagóxicas. A combinación entre as súas gañas de aprender e mellorar e a innovación do proxecto converten a LOVA nunha valiosa ferramenta educativa. O traballo, a experiencia e o compromiso profesional das/dos docentes fan posible unha educación que se fundamenta no respecto, no esforzo, na imaxinación e na busca na felicidade.
E ti, ¿atréveste a crear?