Aprender a comer ben e a ter unha alimentación axeitada é un hábito saudable que os nenos e nenas teñen que adquirir desde o principio. Organizar saídas escolares que poidan axudar neste camiño non sempre fácil é un recurso co que o profesorado pode contribuír a conseguilo. Na revista DeExcursión propoñemos tres excursións ben «alimenticias», empezando por unha visita aos supermercados Gadis en Ferrol, onde cada ano desenvolven o programa Alimentes.  Trátase dunha iniciativa que utiliza material didáctico axeitado para alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e de Primaria co que se pode traballar na aula, antes de ir coñecer o supermercado.

Os colexios interesados poden traballar, coa colaboración de Gadis, catro bloques temáticos de gran importancia para a educación dos rapaces e rapazas: alimentación saudable, vida activa, consumo responsable e desperdicio alimentario. Toda unha proposta didáctica e lúdica que de seguro será moi divertida e proveitosa para os pequenos e que se pode concertar a través da mesma páxina web do programa.

Unha segunda proposta é a visita ás conserveiras de Cariño. Esta importante industria é un factor clave na economía deste municipio da comarca do Ortegal e na coñecida empresa Conservas La Pureza están abertos ás visitas de centros escolares para lles ensinar as instalacións da fábrica, como traballan para envasar os produtos de primeira calidade que utilizan e, por suposto, para organizar unha degustación coa que se chupar os dedos. As conservas son alimentos naturais, que se manteñen frescos, aportan vitaminas, teñen un baixo impacto ecolóxico e ademais son económicas. O percorrido por esta empresa do Concello de Cariño forma parte da Ruta Conserveira.  O contacto para as visitas guiadas son os teléfonos 981 405 004 ou 650 870 525, ademais do correo electrónico info@lapureza.es.

Visita escolar á conserveira La Pureza de Cariño

Para rematar, que mellor postre que unha visita á Casa do Mel do Concello de As Pontes, onde os rapaces e rapazas poderán ter acceso a toda a sabedoría popular relacionada coa apicultura. Os voluntarios da Asociación Apícola do Eume, que xestiona as instalacións, organizan actividades adaptadas á idade do alumnado, que pode elixir entre construír unha trampa para avespas velutinas ou fabricar unha vela coa cera das abellas. Na Casa do Mel hai á venda todo tipo de produtos de alimentación procedentes da colmea, desde o propio mel ata polen ou xelea real, pero tamén outros como cera ou mesmo cosméticos. Para concertar visitas pódese chamar ao teléfono 661 003 616 ou enviar un correo electrónico a casadomel@vodafone.es.

Actividades na Casa do Mel de Goente, en As Pontes

[/fusion_text][/fusion_builder_column][/fusion_builder_row][/fusion_builder_container]