As comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal están cheas de alternativas para facer visitas con nenos. Na revista DeExcursión centrámonos en ofrecer información para que o profesorado prepare as súas saídas e excursións con grupos de alumnos, pero o certo é que a maior parte das nosas propostas valen para calquera familia con pequenos.
Hoxe propoñémosvos catro alternativas diferentes vencelladas ao auga, ao seu aproveitamento e á forma en que inflúe na vida das persoas. Non están todas as que son, pero si son todas as que están.
Aquaciencia, en Ferrol
No parque municipal de Ferrol, o Raíña Sofía, está o xardín didáctico Aquaciencia, único no seu xénero. Alí poderedes descubrir 21 enxeños que aproveitan a auga, desde un ariete hidráulico ata un reloxo de auga, pasando por un transbordador ao que podedes subirvos para atravesar un lago… son máis de 5.000 metros cadrados cheos de enxeños, con paneis explicativos.
Ademáis dun lugar no que descubrir os avances da enxeñería hidráulica, é un espazo con grandes árbores e moi agradable para o paseo. Alí viven moitos pavos reais, que sen dúbida espertarán o interese da cativada.
Abre de martes a sábados, de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas. A entrada é gratuíta.
Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos
O Centro de Interpretación de Caldoval ofrece unha viaxe a un spa da época romana. O espazo acolle os restos dun xacemento único en Galicia, no que podemos apreciar como era e como funcionaba o balneario particular da casa dunha rica familia romana asentada no litoral de Mugardos. O máis recomendable é apuntarse a unha das visitas guiadas e totalmente gratuítas que o centro fai cada fin de semana -para os colexios concértanse os venres-. Hainas todos os sábados e domingos ás 11.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Unicamente hai que chamar para apuntarse ao 687 072 116.
No percorrido descubriremos como vivían os romanos e que relación tiñan coa auga a través da hixiene, o lecer e o deporte. O Centro de Interpretación de Caldoval, ademais, organiza habitualmente xogos para as familias ou talleres, nos que poden participar pequenos e maiores.
Se quere, o público pequeno pode facerse o carné do Clube de Amigos/as de Caldoval e estar sempre informados das actividades que alí se programan.
Museo Mares, en Cedeira
Para achegarse á auga salgada, e máis concretamente á actividade vencellada á pesca, nada mellor que ir ao Museo Mares, en Cedeira, unha localidade que adoita estar entre os primeiros portos de baixura galegos. Desde hai uns anos está aberto na pranta baixa da lonxa local este museo no que se amosan aparellos de pesca, restos de vaixelas recuperadas de naufraxios, maquetas de barcos e moitas cousas máis. É un lugar para aprender e reflexionar sobre a vida mariñeira.
O prezo da entrada é dun euro e o horario de apertura é de martes a domingo, de 10.30 a 13.30 horas.
Rutas polos muíños de Esmelle, en Ferrol
A parroquia ferrolá de Esmelle conta cun importante patrimonio material e inmaterial vencellado á auga, máis concretamente aos ríos. Os veciños e veciñas da zona implicáronse intensamente hai anos na recuperación dos seus muíños, polos que teñen sinalizadas varias rutas para facer camiñando ou en bicicleta. Son percorridos de dúas horas, os máis doados, ou de dúas e media o máis longo.
A «Ruta dos sentidos» vai polo que Álvaro Cunqueiro denominou «a selva de Esmelle» e pon en relación os diferentes espazos que atravesa coa obra «Merlín e familia» do escritor. Mesmo hai unha estatua adicada ao mago Merlín. Percórrese en dúas horas e o trazado é doado.
A «Ruta da Poza das Lagoas» ten a mesma lonxitude e unha dificultade media pasa polo miradoiro de Pedrouzo, cunha vista espectacular sobre a Costa Ártabra.
E a «Ruta dos Muíños» pasa por 22 destas construcións á beira dos ríos Roxedoiro, Saído, Migues e San Xurxo. É un percorrido de seis quilómetros. Pode consultarse toda a información na páxina http://www.blogoteca.com/avvvalle/