O castelo de Moeche, un municipio rural situado no interior da comarca de Ferrol, é un referente histórico para toda Galicia. Construído no século XIV, foi escenario das Revoltas Irmandiñas, que enfrontaron aos campesiños co poder feudal. E cada verán acolle un festival de música folk e xogos populares que reúne a milleiros de persoas. Sen necesidade de agardar ata esa data, Moeche é unha excelente opción para unha excursión escolar. O castelo atópase nunhas magníficas condicións e alberga no seu interior un centro de interpretación. Este é o lugar ideal para que os rapaces e rapazas pódense achegar a un pasado xa remoto pero singularmente atractivo. A vida na Idade Media sempre esperta a fascinación dos máis novos e en Moeche recibirán explicacións de todo tipo ao respecto. Tamén está a disposición dos centros escolares unha unidade didáctica sobre o castelo.
Área recreativa Souto Grande de Moeche
Sendo como é unha visita obrigada, a do castelo non é a única que hai que facer en Moeche. A súa área recreativa, Souto Grande, sitúase á beira do río Xuvia. Conta cunha presa onde se bañar, un campo e unha zona de árbores para compartir unha xornada de xogos ao aire libre -hai tamén un parque infantil- e ata mesas e bancos para comer comodamente. Desde mediados de xuño funciona tamén a piscina situada ao lado. Por iso, cando chega o momento do fin de curso é un bo momento para organizar unha excursión. Esta área recreativa está cerca do castelo polo que se pode compaxinar a visita cultural co tempo de lecer.
Tedes máis información sobre as posibilidades que ofrece este municipio para as visitas escolares na nosa web ou na propia páxina do Concello.