Visita de alumnos do Barqueiro a Ortigueira

Ortigueira xa estaba na prehistoria. O concello ten constatada a existencia de poboación nómada desde alomenos 35.000 anos antes de Cristo. Conta con numerosos restos do periodo megalítico entre os que destaca o dolmen do Forno dos Mouros e moitos túmulos que xa foron catalogados nos anos 30 e 40 do século pasado polo historiador ortegano Federico Maciñeira. Na época castreña contaba con habitantes plenamente asentados como demostra o xacemento de Punta dos Prados.

O Forno dos Mouros é un dos monumentos megalíticos dos que está inzado o Camiño dos Arrieiros, unha vía que adoita ser datada na Idade Media pero que probablemente e moi anterior. E a procura da prehistoria foron precisamente hai uns días un grupo de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos do colexio do Barqueiro. Quédalles ben preto, xa que os moitos restos megalíticos están situados entre o Concello de Mañón e o de Ortigueira. A excursión foi organizada pola asociación Nordés, unha entidade xurdida para promover o desenvolvemento das denominadas Terras da Faladora, a serra que discorre por estes dous municipios e polo de As Pontes de García Rodríguez. E tiveron tamén o acompañamento da arqueóloga e técnica municipal de Ortigueira Eva Castro Vigo e das responsables da oficina de turismo da vila.

Descubrir que por onde hoxe pisamos nós fixérono miles de anos antes outras persoas e ter a posibilidade de ver o que eles vían a través das construcións da época que aínda perduran na actualidade é unha forma de aprendizaxe instrutiva, interesante e divertida.

Prehistoria si, pero moito máis

Visitar Ortigueira pódenos achegar á prehistoria, pero tamén á Idade Media, cando obtivo o título de vila e máis adiante de condado e da que data o inicio da construción do convento de Santo Domingo ou o castelo de Casón. E é unha boa forma de coñecer tamén a arquitectura do século XIX, no que se construíron moitos dos edificios nobres do casco urbano, e a indiana, que conta con moitos exemplos representativos na localidade.

As paisaxes naturais, os seus acantilados -co famosísimo banco «máis bonito do mundo»-, as súas praias ou a ría -cunha grande variedade en fauna e especies vexetais- fan deste municipio un destino ideal para unha excursión escolar, sexa cal sexa a orientación que se lle queira dar. Podedes atopar as nosas recomendacións neste enlace.

[/fusion_text][/fusion_builder_column][/fusion_builder_row][/fusion_builder_container]