O XII Encontro Escolar de Xogos Tradicionais celebrarase o vindeiro 12 de maio na leira do arboreto de San Sadurniño, organizada polo Concello e a asociación Brinquedia. Se aínda non coñecedes este espazo non deixedes de visitar este enlace, porque veredes que xa só o escenario é atractivo dabondo para os nenos e nenas. A iniciativa está aberta a centros de toda Galicia e á parte de xogos haberá exposicións e talleres. Á xornada de convivencia poden asistir, ademais dos alumnos e o profesorado, tamén ás familias, que poderán compartir a comida campestre que se organizará a mediodía.
A mañá adicarase a ir probando os 30 xogos tradicionais que estarán a diposición dos nenos e nenas, e que serán na súa maior parte grupais. Pola tarde haberá exhibicións de billarda, loita galega, cocha, chave, lanzamento de goxo e birlos celtas. Todas estas actividades estarán coordinadas por monitores e monitoras e se completarán con obradoiros de construción de enredos. Os visitantes poderán mercar xogos e libros especializados e asistir en directo ao proceso de fabricación artesanal de aparellos de xogo para todas as idades. E os nenos e nenas participantes recibirán agasallos.
Para obter máis información sobre o encontro pódese visitar o blog de Brinquedia.
Á marxe desta xornada, visitar San Sadurniño sempre é unha boa opción para as excursións escolares. Ao arboreto, o Pazo da Marquesa (hoxe edificio do Concello), o propio paseo polo río Xuvia e a área recreativa dos Currás, que recomendamos, entre outras cousas, en DeExcursión, súmanse os propios xardíns municipais. Despois da última remodelación contan cun espazo onde xogar ao tres en raia, o brilé ou as chapas. A antiga pista de tenis da marquesa foi reconvertida para estes usos e engadíronse randeeiras e un bambán. Tamén se deseñou unha pasarela nunha árbore a xeito de fortín e construíronse dous recintos para xogar á chave ou á rá. Para estes dous últimos deportes tradicionais o Concello adquiriu o equipamento necesario -chaves, a rá, fichas e pellos- que poden solicitarse na Casa da Cultura.