O vindeiro xoves 22 celébrase o Día Mundial da Auga e sen dúbida serán moitos os centros educativos que organicen algunha actividade con este motivo. Pero en comarcas como as de Ferrol, Eume e Ortegal hai unha excelente oportunidade engadida: a de visitar diferentes zonas que teñen a auga como protagonista en todas as súas versións. Son excursións que se poden facer nunha xornada escolar e que se poden enfocar de moi diferentes xeitos segundo os aspectos que queiran tratar os profesores/as.
Para enumerar os moitos recursos que temos ao noso alcance hai que empezar, falando dunha data como esta, polo parque didáctico Aquaciencia, situado no parque de Ferrol, un pulmón verde en plena cidade que dispón de diferentes enxeños que funcionan ou se moven coa auga e que son do máis axeitado para clases de Física, Matemáticas, Ciencias Naturais… Hai desde un transbordador ata un reloxo de auga, un machuco, un ariete hidráulico, e moitos máis.
Se o que queredes é ver a forza da auga en todo o seu esplendor nada mellor que se achegar ata a Fervenza de Neda, unha impresionante caída natural que nestas datas móstrase espectacular, despois da cantidade de chuvia que caeu. Para chegar hai que dar un paseo a pé polo medio dun camiño bordeado de bosques a carón do río Belelle, nunha zona de gran beleza.
Temos tamén praias de todo tipo: desde as máis salvaxes, como a de Doniños, en Ferrol, ou a da Frouxeira, en Valdoviño, ata outras máis tranquilas como as de Ares, Cabanas, Cariño ou Cedeira e mesmo outras intermedias, como a de Morouzos, en Ortigueira, todas elas fermosísimas. Os acantilados, espectaculares nos concellos de Cedeira, Ortigueira e Cariño -cos seus aguillóns- e as propias rías que forma a auga nas nosas comarcas, e que son as que imprimen carácter aos concellos que as bordean, son outros recursos relacionados co Día Mundial da Auga.
Non faltan as lagoas naturais en Doniños (Ferrol) e Valdoviño e o lago artificial das Pontes, que é un dos máis grandes e o máis profundo construído en toda Europa e que se fixo aproveitando o oco da mina de Endesa. Un auténtico espectáculo.
Falando da auga, e do mar, non se pode esquecer a posibilidade de visitar o Porto de Ferrol, tanto o interior -cun interesante Centro de Coordinación e Servizos- como o exterior, onde está o Centro Interpretación de Cabo Prioriño, e ata de facer un percorrido polos moitos faros que temos na zona.
Á beira dos ríos hai moitas áreas recreativas como a da Cobeluda, en Neda; Os Currás, en San Sadurniño; Souto Grande, en Moeche ou O Castro en Cerdido, así como rutas de muíños como a de Esmelle. De todas estas e moitas outras posibilidades informamos nas rutas da revista DeExcursión, así que non hai escusa para deixar de celebrar o Día Mundial da Auga cunha saída escolar. Animádevos!