A ruta megalítica do concello de Cabanas é unha excelente oportunidade para que os rapaces e rapazas poidan aprender prehistoria.
Nun municipio que mestura perfectamente o verde dos bosques co azul do mar -así o reflicte o seu lema: «A fraga feita mar»- hai moitas opcións para organizar unha saída escolar, e na revista DeExcursión propoñemos tres rutas: a do Campo do Oito ás Fragas do Eume; a da praia da Madalena ao Río Castro e a devandita ruta megalítica.
Andaina do Concello
Precisamente o último sábado de xaneiro o propio Concello organizou unha andaina de nove kilómetros entre o edificio consistorial e o Marco do Salto. Aínda que esta distancia só é adecuada para escolares dos últimos cursos, non por iso se debe deixar de visitar o punto de destino da ruta, esa pedra mítica que figura entre as numerosas lendas galegas e á que se atribúen poderes máxicos, entre eles a curación de meigallos.
Xunto ao Marco do Salto, a ruta megalítica inclúe un percorrido polo antigo Camiño Real que unía Cabanas con As Pontes, mámoas e outros restos do xacemento castrexo do Pico do Castro ou penedos de formas caprichosas como a man do indio ou a tumba de Santo Estevo. Contemplar as pegadas que quedaron impresas na «pena da leción» é outra posibilidade dentro deste itinerario que permite ter tamén unhas excelentes vistas da desembocadura do río Eume e a confluencia das rías do golfo Ártabro.
Pero a ruta megalítica non é a única proposta para que os centros escolares aproveiten unha xornada especial en Cabanas. Ademais de practicar o sendeirismo, teñen a oportunidade de participar nun programa de ocio activo que organiza o Concello en colaboración co club KDM. Entre outras posibilidades, inclúe rutas en kaiak que sen dúbida serán unha experiencia inesquecible. Todas as nosas propostas pódense consultar nesta ligazón.