Santiago é un dos máis importantes centros de peregrinación do mundo e un lugar moi atractivo para as excursións escolares. Raro é que nalgunha das etapas escolares os alumnos non fagan unha visita á capital de Galicia. Pero ás veces non é necesario ir ata Compostela para sentirse como un peregrino e gozar co camiño. Desde Ferrol sae o Camiño Inglés, o que percorrían os viaxeiros desde Inglaterra para visitar a tumba do apostolo Santiago. E aínda que o ideal sexa facer toda a ruta, se só dispoñemos dunha xornada haberá que elixir. Así, ou ben se viaxa en autobús ou se fai polo menos parte do camiño a pé.
A proposta que facemos na nosa revista é a de coñecer os primeiros tramos do Camiño Inglés. Este empeza no porto de Ferrol percorrendo Narón e Neda. É unha excursión acaída para os colexios de Ferrolterra e na que poden aprender moito de historia, arte e natureza.
No mesmo peirao de Curuxeiras no que arrinca a ruta xacobea atópase a oficina Via Compostellam. É un centro de atención aos peregrinos de recente apertura. Tamén se pode coñecer o teatro Jofre, unha xoia modernista que ofrece a posibilidade dunha visita guiada. Por último é recomendable pasear polo barrio da Magdalena e o Cantón ata o Museo da Construción Naval. Neste edifico agóchanse moitos tesouros.
O Camiño Inglés en Narón e Neda
Xa en Narón é imprescindible a visita ao mosteiro de San Martiño de Xuvia, un edificio do século XII, de camiño ao muíño de mareas das Aceñas, un dos poucos que quedan en Galicia destas características. E nesta zona é onde se xuntan o Camiño Inglés co que leva a San Andrés de Teixido, en Cedeira. Tamén en Narón está o paseo marítimo de Xuvia, unha enorme zona de ocio á beira da ría onde gozar de parques infantís ou simplemente paseando.
E cruzando o río, os nosos peregrinos chegan a Neda, onde está o único albergue desta primeira etapa, preparado para recibir aos camiñantes. A igrexa de Santa María e o espectacular casco histórico ao que se entra polas rúas Paraíso e Real poden dar idea aos excursionistas de como eran os pobos dos séculos XVII e XVIII. Así, moitas casas aínda conservan os soportais desa época e a Torre do Reloxo situada no Concello foi construída tres anos antes da Revolución Francesa.
Pola súa banda, os alumnos do colexio Lestonnac de Ferrol, que aparecen nas fotografías, participan no proxecto «Camiña comigo, camiño contigo», que inclúe un montón de actividades e ten por obxecto poñer en valor o patrimonio histórico do Camiño Inglés. Seguro que a experiencia lles resulta inesquecible. Pódese consultar máis información nesta ligazón e na nosa revista tedes as recomendacións para estes primeiros tramos do Camiño.