O Museo Mares de Cedeira naceu coa idea de implicar a todo o pobo na creación dun espazo vivo. Desde o pasado mes de xullo, nel nárrase a historia da vila a través dun dos seus máis importantes protagonistas: o mar. E o reto está conseguido porque cada día os veciños aportan máis material para que o museo non pare de crecer. Está situado na planta baixa da Confraría de Pescadores e nel pódense ver máis de 3.000 pezas e moitas curiosidades. Asi, hai maquetas, vértebras de balea, aparellos de pesca, boias, documentos de embarque, redes e un sinfín de obxectos máis. Tamén chama a atención unha extraordinaria colección de cunchas cedida por un particular. Ademais, cestos, peceiras e testemuñas dalgunhas empresas relacionadas co mar que xa pecharon as súas portas teñen espazo no museo.
E non se pode esquecer facer unha fotografía no simpático «photocall» situado á entrada. Alí os visitantes tomarán a personalidade dun buzo e un pescador para ter un recordo máis desta orixinal excursión.
O Museo Mares colabora con Apader
Visitar o Museo Mares é unha das opcións que Cedeira ofrece aos escolares. Deste xeito poderanse familiarizar cun traballo, o da pesca, que evolucionou extraordinariamente pero que aínda ten moito de artesán. O prezo da visita é de un euro por persoa, para colaborar nos gastos de mantemento. Pero o museo ten tamén unha vertente solidaria, xa que son os rapaces de Apader (Asociación pro Persoas con Discapacidade Intelectual) os que venden as entradas. Estes mesmos mozos ocúpanse dunha tenda na que se poden mercar camisetas, gorras ou bolsas. Os cartos recadados serven para financiar as actividades de ocio do centro de formación ocupacional e a residencia de Apader. O valor da solidariedade é tamén parte da educación.
Podedes atopar moitas propostas para visitar Cedeira nas rutas da nosa web e visitar tamén a do Concello en www.cedeira.gal