XEOPARQUE CABO ORTEGAL

Separador

A POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO NATURAL

  • Concellos participantes:Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño

A zona norte da provincia da Coruña é un xeodestino galego que merece moito a pena visitar, especialmente polos seus cantís, as praias salvaxes e polas súas extensas lagoas. Grazas ao traballo conxunto dos Concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, este territorio, duns 630 quilómetros cadrados de superficie, busca se converter no Xeoparque do Cabo Ortegal, o segundo en Galicia. Esta iniciativa englóbase dentro do novo concepto introducido pola Unesco para impulsar o desenvolvemento do territorio. Os sete municipios apostan polos valores naturais e culturais da zona e traballan conxuntamente para potenciala no plano produtivo, cultural e histórico, así como para facer do lugar o motor dun turismo de calidade.

Ademais, esta iniciativa contribúe ao desenvolvemento destes concellos e á súa integración na rede europea e global de xeoparques. A importancia desta zona recae na súa beleza e singularidade, xa que conta cun total de 52 lugares de interese xeolóxico e cinco sitios de relevancia internacional, nos que se atopan formacións únicas ou case imposibles de ver noutros lugares do mundo.Hai diferentes rutas que percorren os lugares máis interesantes e son guiadas por Francisco Canosa, un dos impulsores do proxecto e o autor da guía xeolóxica que recolle os sete itinerarios principais que se deben facer para coñecer a composición xeolóxica da zona.

Nestes percorridos poderemos ver formacións rochosas únicas e espectaculares como as do Macizo do Limo en Cariño ou as do litoral de Teixido en Cedeira, así como os restos volcánicos de hai 470 millóns de anos que podemos atopar en Ortigueira. Outro destino interesante é a antiga explotación mineira de cobre que hai en Moeche, onde se poden observar estalactitas e estalagmitas de cor azul, verde, branca e negra. Os itinerarios inclúen tamén a visita á única praia de area negra non volcánica de todo o planeta e a lugares nos que houbo no pasado afloramentos de lava, granitos negros ou glaciares.

Ao norte do xeoparque poderemos atopar o punto máis setentrional da península Ibérica, situado entre os cabos de Estaca de Bares e Ortegal, e no litoral que descende ata Cedeira álzanse os cantís máis altos de toda a Europa continental, que teñen máis de 600 metros de altura.Todo o Xeoparque de Cabo Ortegal constitúe un lugar único con moita historia e cunha gran variedade de especies vexetais e animais que non podemos perder. Dende a Deputación destacan que se trata dunha gran iniciativa e un exemplo de conservación e posta en valor da riqueza natural do lugar, de aí a súa contribución para lograr este obxectivo.

Apuntes

rutas por Ferrol