XEOPARQUE CABO ORTEGAL

A POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO NATURAL
Concellos participantes: Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño

Na área norte da provincia da Coruña atópase un complexo xeolóxico de gran valor que aspira a converterse no Xeoparque de Cabo Ortegal. Conta cunha extensión de 630 quilómetros cadrados que se distribúe polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Actualmente agarda ser recoñecido co distintivo internacional de Global Geopark que concede a UNESCO e cuxa candidatura resolverase en novembro de 2021. De obter este recoñecemento, convertiríase no segundo xeoparque de Galicia, xunto co de Montañas do Courel, declarado no 2019.
Neste territorio existen 52 Lugares de Interese Xeolóxico, dos que polo menos cinco teñen relevancia internacional. Unha das peculiaridades deste espazo vén dada pola existencia de rochas na superficie que normalmente están a 70 quilómetros baixo a terra, pois en moi poucos sitios do planeta é posible ver o que sucedeu nas profundidades do globo terráqueo.
Existen diferentes rutas guiadas para descubrir os segredos xeolóxicos da zona, da man de Francisco Canosa, un dos promotores do proxecto e autor da guía xeolóxica onde se recollen os sete itinerarios para coñecer o xeodestino en profundidade. Co Proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal búscase promover e difundir o sustrato xeolóxico da área que comprende, así como poñelo en valor, non só para os máis de 28.000 habitantes dos municipios implicados, senón para que este sexa un referente turístico e de divulgación sobre o patrimonio xeolóxico.
Aínda que no ámbito do xeodestino existen numerosos puntos de interese, nos percorridos propostos por Canosa é posible coñecer elementos tan interesantes e de gran
valor como o Macizo do Limo en Cariño ou as formacións rochosas e o litoral de Teixido en Cedeira. Neste último punto atópanse tamén os cantís máis elevados da Europa Continental, de 600 metros de altitude.


No norte do xeoparque están os cabos de Estaca de Bares e Ortegal, que son o punto máis setentrional da península Ibérica. Outro dos grandes atractivos da ruta é a visita á praia de Teixidelo, a única de area negra non volcánica que existe no mundo.
Este espazo xeolóxico foi moi estudado desde mediados do século XX, coincidindo sempre en todos os informes no excepcional valor científico do lugar, onde hai materiais rochosos como anfibolitas, granulitas e gneises, destacando tamén, que o xeodestino é o punto mundial de maior afloramento de ecloxitas.
Ademais, no xeoparque existen grandes acumulacións de minerais no interior de covas, como en Cerdido ou Moeche, onde hai estalactitas e estalagmitas de cor azul e verde que se atopan nas antigas minas de cobre. Por outra parte, esta superficie posúe tamén unha importante diversidade de fauna e flora, razón pola que todo o litoral ten algún grao de protección de ámbito europeo.
Este territorio permite a adultos e escolares ser testemuña dun dos periodos máis apaixoantes da historia do planeta. O Xeoparque do Cabo Ortegal xorde da importancia da xeoloxía na zona, pero persegue tamén alcanzar o desenvolvemento sostible, onde se contribúa á dinamización social, cultural e económica dos concellos implicados, convertendo a este espazo nun destino turístico de calidade.

MAPA INTERACTIVO
