Unha das moitas posibilidades que ofrece a cidade de Ferrol aos centros escolares para organizar saídas ao exterior é unha visita guiada ao Museo da Construción Naval que xestiona a Fundación Exponav. Sendo como é un dos máis importantes adicados ao tema aínda resulta un gran descoñecido, polo que os percorridos que se organizan para os colexios ofrecen a posibilidade de que os nenos entren desde moi pequenos en contacto cunha realidade que, no caso dos que son da comarca de Ferrol, é moitas veces a historia das súas propias familias. Os compoñentes didáctico e lúdico dánse a man para facer da visita unha experiencia inesquecible para os rapaces.

O museo está situado no fermoso edificio das Ferrarías, dentro do Arsenal Militar, que é característico polas súas chemineas no exterior e polas súas incribles bóvedas no interior. As visitas adecúanse ás idades dos participantes e así ofrécense obradoiros de xogos piratas ou de elaboración de nudos, os dous cunha excelente acollida.

Os escolares poden aprender que características ten que reunir un obxecto flotante para que sexa considerado un barco; saber como evolucionaron os estaleiros; coñecer o destacado papel desenvolvido polos de Ferrol e Fene no conxunto da construción naval mundial; observar os restos da fragata Magdalena, que naufragou nas costas de Viveiro, e mesmo ver as enormes diferencias entre una embarcación do século XVIII e outra actual.

Hai un montón de sorpresas que non imos destripar aquí pero, para dar algunha pista, só ver a recreación do traballo nunha ferraría dos primeiros tempos da construción naval ou descubrir de onde veñen moitas expresións mariñeiras que hoxe utilizamos a diario xa merece a pena.

Tedes máis información para poder reservar a vosa visita en www.exponav.org e ademais é gratuíta para os centros escolares.