As clases soltas fan desta práctica unha boa alternativa para saídas escolares

As praias de Ferrol e Valdoviño son xa un referente no deporte do surf. Cada vez ten máis afeccionados, pero non é necesario ser un experto para pasalo ben tentando cabalgar na táboa. Así, moitas escolas da zona ofrecen aos nenos e nenas a posibilidade de recibir clases soltas dun só día. Nelas poderán comprobar si este é o seu deporte ou, alomenos, gozar do contacto co mar. Ademais terán a oportunidade de facelo non só no verán, xa que funcionan durante todo o ano. Por iso, esta convírtese nunha actividade axeitada para programar unha saída escolar. Aquí aparecen os enlaces ás webs de dúas das escolas: www.monosdemar.weebly.com e www.ferrolsurfschool.com.

Un futuro museo do surf en Valdoviño

Ademais, en breve o surf terá un aliciente engadido en Ferrolterra coa apertura do primeiro museo que se adica a esta actividade. Será o Océano Surf Museo e terá a súa sede no edificio da Casa da Cultura de Valdoviño. Trátase dunha iniciativa deste Concello e da asociación Océano Surf, impulsora do famoso campionato Pantin Classic. O museo segue a senda de centros deste tipo que existen noutros paraísos para a práctica deste deporte como California. Entre as primeiras persoas en doar material para este proxecto está Vicente Irisarri, fundador do Océano Surf e pioneiro desa actividade na Comunidade. Pola súa banda, o actual presidente da entidade, Jesús Busto, é o autor do traballo sobre a historia do surf en Galicia que serve como referencia para o museo. Este é precisamente unha das bazas que xogará Valdoviño en materia turística.

Ademais, a Mancomunidade aposta tamén polo surf coa «marca» Costa das Ondas. Nela se engloban un conxunto de medidas para difundir os atractivos deste deporte e a idoneidade da costa desta zona para a súa práctica.

Entre as rutas para excursións escolares que aparecen nesta web fálase da devandita práctica deportiva tanto en Valdoviño como na adicada á praia de Doniños, en Ferrol.

clase surf ferrol

Quentando na area