SAN SADURNIÑO

Separador

ESPAZOS VERDES Á BEIRA DO XUBIA

  • 43°31’58”N 8°04’22”W

  • Casa do Concello
    Casal, 16. San Sadurniño
    Tlfo: 981 490 027
    www.sansadurnino.gal

  • Ferrol 21Km
    A Coruña 61Km
    Viveiro 74Km
    Santiago 103Km

O municipio de San Sadurniño alberga dous dos máis importantes recursos didácticos de toda a comarca relacionados coa natureza: o arboreto e a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos. O actual curso escolar é unha excelente ocasión para visitalos, xa que no 2019 fanse dez anos desde que se puxeron en marcha estes proxectos na denominada leira da Cortiña, á beira do río Grande de Xubia. Achegarlle á rapazada o coñecemento das árbores autóctonas galegas é, precisamente, un dos principais obxectivos do arboreto, un xardín botánico que se atopa dividido en zonas representativas das nosas principais formacións boscosas: a carballeira, o souto, o bidueiral, o bosque de ribeira, o faial, o sobreiral e a fraga. Percorréndoo, a cativería das escolas poderá observar as diferenzas entre un freixo, un carballo ou un loureiro e aprender a identificar un salgueiro ou un castiñeiro. A excursión desenvólvese nun amplo espazo de lecer no que, ademais, poderán descubrir as esculturas do artista local Carlos García, que reproducen desde personaxes de contos infantís como Pinocho ata a deusa precristiá Navia. Este impresionante enclave situado a carón do paseo do río Xubia e do emblemático Pazo da Marquesa é un punto de encontro para compartir un día en familia. Ao longo do ano alberga outros eventos multitudinarios, entre eles a Carreira Popular e a Feira Rural. A visita complétase coa horta de conservación de froiteiras autóctonas Carlos Fornos, na que se xuntan máis de 500 especies de árbores co obxectivo de recuperar variedades de froiteiras galegas en risco de extinción.

Este espazo está aberto ás visitas guiadas, que tamén poden incluír un achegamento ao apiario didáctico para mostrarlle ao alumnado a vida das abellas, recentemente declaradas como a especie máis importante do mundo.Todo o contorno da ribeira do Xubia no que se asentan o arboreto e a horta forma parte da Rede Natura, na que tamén está a zona fluvial e de bosques do río Castro dentro do Lugar de Interese Comunitario Xubia-Castro, o que certifica a súa calidade ambiental. Nas proximidades atópase a serra granítica do Forgoselo, que goza da mesma protección. A natureza é a protagonista indiscutible desta excursión, pero non pode esquecerse unha visita ao Pazo da Marquesa, unha xoia arquitectónica que data do ano 1526 cunhas características almeas. O edificio estivo vinculado ao Señorío de San Sadurniño e máis tarde ao Marquesado do mesmo nome. Na primeira metade do século XX o pazo e os bosques e xardíns que o rodeaban recibiron unha morea de visitantes ilustres, desde escritores, aristócratas e políticos ata o mesmo rei Alfonso XIII. Na web falamedesansadurnino.org atopamos unha ligazón na que se conta unha anécdota protagonizada pola raíña Victoria Eugenia durante unha desas visitas. Hoxe o pazo acolle as instalacións do Concello e nos xardíns celébranse feiras e mercados aos que acode xente de toda a comarca.

Apuntes

  • Ruta de natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
  • Idades: Desde Educación Infantil ata Bacharelato
  • Para visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras e ao apiario, contactar co Concello de San Sadurniño: 981 490 027
  • Folletos e mapas turísticos descargables en sansadurnino.gal/paisaxe
rutas por Ferrol

LECER, DEPORTE E PATRIMONIO

A área recreativa Os Currás é un espazo de lecer situado a carón do campo de fútbol e a piscina, un lugar recomendable para as excursións escolares e a práctica deportiva que conta tamén cunha cancha multixogos. A zona dispón de mesas e lareiras para organizar comidas ao aire libre e nela destaca un mural de Carlos García sobre San Sadurniño de 30 metros de longo por seis de ancho. Para coñecer San Sadurniño máis polo miúdo hai diferentes rutas, patrimoniais ou naturais. O Pazo da Marquesa, o Convento do Rosario -erixido sobre as ruínas dunha igrexa templaria desaparecida no século XIV -e a capela de Belén -un pequeno templo urbano- forman parte dun percorrido circular de 2,2 quilómetros que se pode descargar na web municipal. A ruta do Río Castro vai polo leito deste afluente do Xubia ata Igrexafeita. Divídese en dous tramos de seis quilómetros cada un e discorre por unha zona incluída no proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal. A fonte de San Roque, un porco de pedra dos Andrade, a ponte da Ferraría e o espectacular castelo de Naraío -unha construción do século XIV situada sobre unha rocha a case cen metros de altura- son algúns dos atractivos deste percorrido.

Apuntes

  • Ruta de natureza
  • Materias relacionadas: Educación Física, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
  • Idades: Primaria, ESO, Bacharelato
  • Información da piscina:
    O prezo é 1,66 euros para menores de 14 anos e de 3,30 para maiores
    Posibilidade de adquirir bonos individuais e familiares
    Aberta desde a penúltima semana de xuño á terceira de setembro
  • Levar roupa e calzado axeitados para camiñar
  • Folletos para descarga en sansadurnino.gal/paisaxe
rutas por Ferrol