SAN SADURNIÑO
ESPAZOS VERDES
Casa do Concello de San Sadurniño
Casal, 16Tlfo: 981 49 00 27
sansadurnino.galFerrol 21 Km
A Coruña 61 Km
Viveiro 74 Km
Santiago 103 Km
O concello de San Sadurniño ten unha gran riqueza de espazos verdes que vale a pena visitar cos nenos e nenas. Hai máis dunha década que o municipio apostou polo enriquecemento destas localizacións con proxectos lúdicos que fomenten a aprendizaxe e a diversión da rapazada en idade escolar en medio da natureza.
Na leira da Cortiña, á beira do río Xubia, atópase o arboreto, un xardín botánico que alberga unha mostra dos principais tipos de bosques autóctonos que existen en Galicia: a carballeira, o souto, o bidueiral, o bosque de ribeira, o faial, o sobreiral e a fraga. Nunha mesma ubicación, a cativaría pode coñecer a diversidade galega e comparar as distintas especies.
O atractivo do arboreto complétase desde o verán coas esculturas en madeira dos artistas locais Carlos García e Marina Goti. Ás imaxes de personaxes de contos infantís xa existentes como Pinocho (a figura parece un pinocho pero non o é, o artista bautizouna como “Agapito”), sumáronse novas figuras mitolóxicas que conforman no seu conxunto a chamada “Fraga Máxica da Cortiña”. Trasnos, gnomos, dragóns e animais de fábula de gran formato son os recén chegados. Todos eles están tallados e pintados artesanalmente a partir de troncos secos de carballo, castiñeiro, ciprés e acacia, de maneira que casan perfectamente coa contorna e se integran no conxunto coma parte dos xogos infantís.
A visita complétase coa horta de conservación de árbores froiteiras autóctonas Carlos Fornos, un conxunto composto por máis de 500 exemplares de diversas especies que nace da vontade de recuperar variedades froiteiras do país en perigo de extinción. Ademais, o espazo conta cun colmear didáctico no que o alumnado pode descubrir a curiosa vida das abellas. É posible realizar unha visita guiada a estes espazos solicitándolla previamente ao Concello.
Idade: De Infantil a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
Máis información: Para visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras e o apiario contactar co concello de San Sadurniño no 981 490 027
Para saber máis poden consultarse folletos e mapas turísticos na web
sansadurnino.gal/paisaxe
Tanto o arboreto como a horta posúen un valor ambiental recoñecido e forman parte da Rede Natura, á que tamén pertencen a zona fluvial e os bosques do río Castro. A serra granítica do Forgoselo, situada nas proximidades, goza da mesma protección. O territorio de San Sadurniño tamén está integrado no Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, que aspira ao recoñecemento como Global Geopark da UNESCO pola súa riqueza xeolóxica e desenvolvemento sostible.
A excursión complétase cun percorrido polo paseo fluvial do Xubia que bordea todo este espazo natural e que conta con diferentes pavimentos (cemento, area, herba, pasarelas de madeira e mesmo algunha ponte). Ao longo do paseo pódense ver diferentes animais como parrulos, gansos, vacas ou cabalos. Na zona hai tamén establecementos de hostalería.
Esta ampla oferta fai de San Sadurniño un destino do máis interesante para visitar cos nenos e nenas. Ademais, ao longo do ano, o concello é sede de varios eventos aos que tamén é recomendable achegarse coa rapazada, como a Carreira Popular, a Feira Rural ou a Feira da Plantación.
Alén dos espazos verdes, a localidade tamén acolle xoias arquitectónicas como o Pazo da Marquesa. A construción orixinal, na que hoxe se sitúa a Casa do Concello, data do século XVI e estivo vinculada ao Señorío de San Sadurniño e ao posterior Marquesado. Durante os primeiros anos do século XX, recibiu a visita de ilustres persoeiros, entre os que se contan escritores, políticos ou mesmo o rei Alfonso XIII. Os xardíns polos que estas figuras paseaban é escenario na actualidade de múltiples eventos culturais e un lugar ideal de paseo e descanso.
OCIO ACTIVO E LECER
Casa do Concello de San Sadurniño
Casal, 16Tlfo: 981 49 00 27
sansadurnino.galFerrol 21 Km
A Coruña 61 Km
Viveiro 74 Km
Santiago 103 Km
Existen diversas rutas que permiten coñecer a localidade de San Sadurniño e a súa riqueza natural, cuxos detalles se poden consultar nos mapas dispoñibles no apartado de turismo da web municipal.
Unha delas é a ruta do río Aceiteiro, afluente do río Xubia, cunha distancia de 3 quilómetros e baixa dificultade. Ao longo do camiño, que parte da Casa do Concello, atópanse algúns muíños, bancos de travesas de madeira, pasarelas e unha ponte de pedra.
Outra ruta interesante é a do río Castro, que percorre a beira deste afluente ata chegar a Igrexafeita. Divídese en dous tramos de seis e tres quilómetros respectivamente, cunha duración total aproximada de 3 horas e media. O itinerario pasa por algúns puntos de gran valor patrimonial, entre os que destacan a fonte de San Roque; a igrexa de Santa María de Naraío, cuxas orixes datan do século XI segundo algunhas investigacións, ou a ponte da Ferraría, que pertencía á familia dos Andrade.
O punto máis emblemático da ruta é o castelo de Naraío, un dos mellores exemplos de arquitectura medieval da comarca, datado no século XIV. Está erixido no alto dun penedo de 30 metros de altura no que se poden ver restos de varias murallas que noutro tempo fixeron da construción unha fortaleza inexpugnable.
Tras a xornada de sendeirismo é recomendable facer parada na área recreativa de Os Currás, dotada dunha ampla oferta de servizos para o lecer. As instalacións contan cunha cancha axeitada para a práctica de diversos deportes e mesas e lareiras para organizar o xantar, ademais dun campo de fútbol e unha piscina situados xusto ao seu carón. Un mural de gran formato realizado polo artista Carlos García dá vida ao espazo.
Idade: De Infantil a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
Información sobre a piscina: Está aberta desde o mes de xuño ata setembro, variando as datas de apertura e peche dependendo do ano.
O horario de baños libres é de luns a venres de 15:00 a 21:00 e sábados, domingos e festivos de 14:00 a 21:00.
As entradas individuais para baños libres teñen un custo de 1,80€ para menores de 14 anos e 3,58€ para o resto do público. Poden collerse cada día na cantina da piscina