PORTO
FAROS E SENDEIROS
Sede: Peirao de Curuxeiras s/n. Ferrol
Tlfo. 981 338 000
www.apfsc.com // ferrol@apfsc.esFerrol 0 Km
A Coruña 50 Km
Viveiro 87 Km
Santiago 93 Km
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao xestiona un dos recursos da paisaxe marítima máis atractivos para visitar: os faros da costa das nosas comarcas.
No litoral de Ferrol atópase Cabo Prioriño, no que hai un faro construído en 1854. Nesta zona sitúanse tamén a batería de Prioriño (recuperada polo Porto), e a de Punta Viñas, que foi trasladada a este espazo no ano 2007.
Na parroquia de Covas localízase o Cabo Prior. Os cantís que rodean o faro descenden pouco a pouco, cunhas escadas de pedra que permiten alcanzar o extremo, onde hai unha punta rochosa e unha portabandeira, e nas súas inmediacións outras tres baterías de costa.
O faro de Punta Candieira, a nove quilómetros da vila de Cedeira, é outro dos puntos costeiros de interese para realizar unha excursión. Accédese desde o Monte Purrido por unha estreita estrada cunha baixada chea de curvas. Leva funcionando desde 1954 e ten unha vista privilexiada do mar, nunha zona de forte ondada.
As rochas máis antigas da península están no Cabo Ortegal, cunha fermosa atalaia que actúa á vez como miradoiro, nun punto que fai de división entre Cantábrico e Atlántico.
E no límite da provincia de Lugo con Asturias atópase Illa Pancha, cunha paisaxe de grande valor xeolóxico. Neste illote conectado por unha ponte hai un faro desde 1857, substituído por outro a finais do século XX, pois o antigo funciona agora como hotel.
Tamén depende da Autoridade Portuaria unha das rutas máis populares pola costa galega: a que percorre Punta Socastro, máis coñecida como O Fuciño do Porco. Situado en O Vicedo, este percorrido permite adentrarse na natureza e camiñar por un circuíto de escadas de madeira sobre un saínte rochoso no mar, desde onde hai unhas vistas inmellorables de todo o contorno. É unha visita máis axeitada para alumnado maior, pois o traxecto de ida e volta é longo e sen áreas para descansar.
Idades: Quinto e Sexto de Primaria, ESO, Bacharelato
Materias: Xeografía e Historia, Educación Física, Ciencias Sociais
Recomendacións: Para visitar calquera dos faros é recomendable levar protección contra o vento e prismáticos