PONTEDEUME
MERCADO MUNICIPAL E PAZO DOS ANDRADE
Praza do Conde s/n, Pontedeume
www.mercadopontedeume.galFerrol 19 Km
A Coruña 39 Km
Viveiro 78 Km
Santiago 82 Km
A vila de Pontedeume estreou a comezos de 2021 o seu novo mercado, ubicado no antigo pazo dos Andrade. Este espazo promove o crecemento da economía local e o consumo de produtos saudábeis e de proximidade través dunha gran variedade de postos: froitarías, peixarías, carnizarías, alimentos ecolóxicos…
O pazo foi unha das propiedades máis destacadas da familia Andrade dende que en 1371 se asentou no pobo. Esta edificación chegou a ter unha superficie de 1.250 metros cadrados, ocupando gran parte da actual praza do Conde desde finais do século XVI. Foi construída probablemente por Fernán Pérez de Andrade, nun área na que anteriormente xa existira unha fortaleza, testemuña das revoltas Irmandiñas.
O pazo distribuíase arredor dun patio central con arcadas apuntadas e contaba con sala de audiencia, cociña, sala de xustiza, así coma outras estancias como unha capela ou o senlleiro Torreón, que aínda se conserva na actualidade. Pese a mantenerse como propiedade dos Andrade, a edificación foise deteriorando. En 1905 pasou a mans municipais e, aínda que pretendéuselle dar diversos usos, acabou caendo á metade da década dos anos 30.
Tradicionalmente na praza xa se viñan realizando feiras de gando, o que favoreceu a construción nos anos 50 do Mercado Municipal (hoxe rehabilitado) en substitución do pazo. Como complemento deste, desde os anos 70 vense celebrando o Feirón dos sábados na explanada dianteira e nas rúas anexas, o que contribúe á revitalización do comercio da zona, sendo actualmente un dos símbolos do municipio.
Esta excursión é unha forma de achegar aos escolares non só a historia do espazo, senón tamén á importancia de comprar produtos locais e de calidade. Permite fomentar a alimentación saudábel, onde predominen froitas, hortalizas, peixes ou carnes frescas. Tamén axuda a facer consciente ao alumnado da importancia da compra de proximidade, reducindo a pegada de carbono, cun estilo de vida máis sostíbel e respectuoso co medio.
Idades: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato
Materias: Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Xeografía e Historia, Bioloxía
Horario e duración: De luns a sábado, de 9.30 a 13.30 horas. Sobre 2 horas
Servizos: Variedade de tendas de alimentación.
Máis información: Vídeo promocional do Mercado Municipal:
RUTA DOS ANDRADE
Oficina de Turismo-Torreón dos Andrade
Praza do Conde s/n, 15.600 Pontedeume
pontedeumeturismo.esFerrol 19 Km
A Coruña 39 Km
Viveiro 78 Km
Santiago 82 Km
Un pasado cheo de historia agóchase tras as estreitas e empedradas rúas de Pontedeume, que en decembro de 2020 festexou o 750 aniversario da súa fundación. Como parte da celebración, inaugurouse un monolito nos xardíns do Convento dos Agostiños, que se integra xunto ás figuras do rei Alfonso X e o oso e o xabarín, emblemas da familia Andrade.
A etapa de maior esplendor deste pobo estivo estreitamente vencellada á familia Andrade. A localidade tivo moita importancia no desenvolvemento da comarca e posúe un casco antigo cun patrimonio de gran valor.
A ponte de pedra que dá nome á vila edificouse entre 1863 e 1870, sendo remodelada anos máis tarde ata quedar cos 15 arcos actuais.
Un dos símbolos máis característicos de Pontedeume é o Torreón dos Andrade, construído a finais do século XIV. Con 18 metros de alto, é o derradeiro resto que se conserva do pazo medieval, que completaba o recinto amurallado que se estendía pola ribeira.
No centro histórico está tamén a praza do Conde, na que se atopa o Mercado Municipal e a fonte do Pilón, no espazo antigamente ocupado pola casa-pazo. Seguindo pola rúa de Couceiro Freijomil chégase ata a primitiva praza do Rollo (actual praza Real), presente na fundación da vila e ampliada en 1617. Nela encóntrase a Casa Consistorial. Nas inmediacións ubícase o pazo do arzobispo Raxoi, que data do século XVIII.
Pasar pola igrexa parroquial de Santiago é outra das paradas obrigadas. A capela maior coa sacristía vella foi mandada construír por Fernando de Andrade no primeiro terzo do século XVI. Bordeando o atrio, xunto ao que foi a porta do Postigo, consérvase a base da antiga muralla.
Idades: Primaria, ESO, Bacharelato
Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Historia do Arte
Duración: Media xornada
Servizos: Durante o percorrido os visitantes atoparán gran variedade de tendas onde poder adquirir, entre outros, recordos ou alimentos
Máis información: Na web de turismo do Concello de Pontedeume pódese atopar información detallada para elaborar unha ruta polo casco antigo da localidade. Vídeo promocional Exposición “750 anos construíndo a historia de Pontedeume”: