A actividade dun porto comercial é fascinante, igualiño que os barcos, non si? Pois en Ferrol temos a posibilidade de descubrila grazas ao programa de visitas de escolares que ten en marcha desde hai anos a Autoridade Portuaria. Na súa web hay un enlace adicado especialmente a esto –premede aquí– no que tiveron a amabilidade de colgar a portada da nosa revista DeExcursión e a páxina adicada a este programa.

Os profesores poden facer varias rutas guiadas polo porto de Ferrol, dependendo da idade dos cativos e os seus intereses. Unha delas vai polo porto interior, ao que se pode chegar en bus ou en lancha e onde podemos descubrir o Centro de Coordinación e Servizos. É case como a sala de control dun aeroporto e os técnicos ven todo o que pasa nas instalacións a través de 54 cámaras. Tamén se pode visitar a lonxa de pescado, outro lugar de grande interese.

Outra ruta discorre polo porto exterior, o lugar onde están os peiraos con máis profundidade de calado e ao que chegan os barcos máis grandes. Os nenos teñen alí outro centro de control, no que poden descubrir como funcionan os enormes guindastres da terminal de contedores e das instalacións de Endesa, polas que entra o carbón con destino á central das Pontes.

E por último, os grupos escolares poden optar por ir a Cabo Prioriño e visitar o Centro de Interpretación no que a Autoridade Portuaria ten unha exposición permanente sobre as baterías defensivas desta zona litoral e outras curiosidades. Alí ao lado está a Batería de Viñas, do séculoa XVIII, e o faro de Cabo Prioriño, que indica aos barcos onde está a entrada da ría de Ferrol.

Os interesados en programar visitas poden poñerse en contacto co porto de Ferrol chamando ao número de teléfono 981 338 000.