ORTIGUEIRA

Separador

A vila

  • 43° 43′ 25″ N, 7° 52′ 46″ O

  • Casa do Concello
    Praza de Isabel II, s/n
    Tlfo. 981 400 000

  • Ferrol 53 Km
    A Coruña 98 Km
    Viveiro 35 Km
    Santiago 141 Km

A vila de Ortigueira ten un interesante pasado histórico que se remonta ata o 35.000 a.C. Na contorna hai achados arqueolóxicos que, segundo o arqueólogo local Federico Maciñeira, pertencen a antigas poboacións nómadas da Prehistoria.

Adentrándonos na vila podemos coñecer construcións que mostran a arquitectura e estilo de vida de distintas épocas. Os edificios máis salientables son a Casa Consistorial, o Teatro da Beneficiencia e a igrexa, emprazados nun antigo recinto conventual do século XVIII. O teatro inaugurouse no 1850 e no seu interior destacan as pinturas do teito realizadas polos artistas locais Vicente Martínez Laxe e Pedro Castiñeiras.

A época dourada da vila situáse precisamente a finais do século XIX e comezos do XX, dos que quedaron numerosos edificios nobres espallados polo Cantón e a rúa Real e a pegada da intensa actividade cultural e política da zona. Tamén no centro da vila, na praza de Isabel II, atopamos o antigo mercado, que data de 1917, e na rúa Príncipe o antigo Hospital de San Roque, unha construción de finais do XIX que hoxe alberga actividades culturais.

Especial mención merece o barrio do Ponto, con rúas irregulares e estreitas onde residiron os primeiros habitantes de Ortigueira. Pola rúa San Xosé chegamos ao Cemiterio Vello, un espazo arborado que acolleu ata 1849 a igrexa parroquial e os enterramentos adxacentes. O paseo remata na parte norte do Cemiterio Novo, situado na península do Requeixo e cunha impresionante vista da ría.

No outeiro sobre este barrio está outro edificio emblemático: o muíño do Campo da Torre. Construído no 1888 nun lugar onde houbo un poboado castrexo, foi recuperado no 2005 pola Fundación Ortegalia tras anos de abandono.

O casco urbano de Ortigueira ten un impresionante porto deportivo con todos os servizos e, lindando con el, os xardíns que levan o nome de Julio Dávila en homenaxe ao xeógrafo, escritor e historiador local. Esta zona é tamén un bo espazo para os nenos e nenas xa que conta cun parque infantil, o mesmo que a área recreativa do Mourón, ao final do paseo marítimo.

  • Idade: De Infantil a Bacharelato

  • Materia: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Educación Física

  • Máis información: www.concellodeortigueira.com

rutas por Ferrol

ESPASANTE

Espasante é un pequeno porto pesqueiro cuxo encanto teno convertido nun dos principais referentes turísticos de Ortigueira, co aliciente engadido de que conserva a súa esencia. Unha das historias que de seguro interesarán aos escolares é a do porco Antón, unha tradición que se remonta ao século XVIII e que consiste en que cada ano todos os veciños crían un porquiño en liberdade polas rúas do pobo, sorteándoo despois a través dunhas rifas coas que se recadan cartos para as festas de San Antón. O animaliño ten ata a súa propia escultura!

Para percorrer Espasante pódese realizar unha ruta circular moi doada, de só 3 quilómetros, que comeza no paseo marítimo, na praia da Concha, un areal que conta cun pequeno cordón dunar e na que se atopan os restos das antigas fábricas de salgadura da localidade. Dispón de todos os servizos e mesmo dun parque infantil, polo que é unha boa opción para unha xornada de excursión. No traxecto da ruta veremos tamén o areal de Santo Antón, como o anterior de fina area dourada e forma de cuncha.

Dous dos puntos de máis interese desta ruta son o Castro de Punta dos Prados e a Garita de Vela. O primeiro está constituído polos vestixios dun castro marítimo datado entre os séculos IV e I a.C . A súa singularidade son os restos de recintos dedicados a sauna ou baño de vapor.

A Garita de Vela está situada sobre un promontorio de 60 metros, como unha construción dedicada a vixilancia e sinalización construída a principios do século XVIII e que servía como referencia para os navegantes, ademais de alertar dos posibles ataques de corsarios, que abundaban na época. Desde a garita divísase o porto de Espasante e tamén o de Cariño.

Espasante ten sona, ademais de pola súa beleza, pola gastronomía, especialmente polos seus mariscos.

rutas por Ferrol

OS RECURSOS NATURAIS

  • 43° 43′ 25″ N, 7° 52′ 46″ O

  • Oficina de Turismo
    A Lagarea, s/n
    15330 Ortigueira
    Tel. 981 400 000

  • Ferrol 55 Km
    A Coruña 94 Km
    Viveiro 54 Km
    Santiago 137 Km

A ría de Ortigueira e a súa contorna albergan un dos conxuntos paisaxísticos máis fermosos do litoral norte, ademais de ser o fogar de numerosas especies de fauna e flora. Nada menos que 68 tipos de aves migratorias escollen esta zona para pasar o inverno.

Na ría desembocan as augas dos ríos Mera e Baleo, deixando ao seu paso unha exuberante e diversa vexetación. Na contorna do illote do río Mera hai unha área recreativa na que xantar e descansar nun día de excursión.

Outro lugar idóneo para xogar ou relaxarse en Ortigueira é a praia de Morouzos, un areal de dous quilómetros e augas tranquilas ubicado a carón dun amplo piñeiral cunha área recreativa. Próximo a beira da praia atópase a Illa de San Vicente, á que se pode acceder cando baixa a marea. Unha boa proposta é realizar a ruta ata o areal desde o final do paseo marítimo de Ortigueira, que comeza subindo unhas escaleiras de madeira e percorre todo o bordo litoral.

Dende os cantís de Loiba pódese gozar dunha das vistas máis impresionantes da zona desde o que se coñece como “o mellor banco do mundo”, colocado alí por un veciño para que calquera visitante puidese sentar a admirar a beleza e bravura do mar, contemplando nunha ollada, desde o Estaca de Bares, ao leste, ata Cabo Ortegal, ao oueste. Trátase dun recuncho de gran valor xeolóxico que forma parte do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Sobre un dos saíntes da costa de Loiba atopamos a área recreativa do Cadaval. Esta zona é moi axeitada tamén para realizar rutas sendeiristas, como a das algas, que discorre polos cantís vendo unha sucesión de praias virxes.

Outra ruta de interese é a do Casón, un itinerario de 6 quilómetros que percorre dúas fermosas fervenzas, unha coñecida como o Pozo do Inferno, e o xacemento arqueolóxico do castelo do Casón, unha antiga fortiticación da Idade Media. Tamén aquí hai unha área de esparcemento, onde os visitantes poden desfrutar dun agradable tempo de lecer.

  • Idade: De Primaria a Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física

  • Máis información: Neste folleto poden consultarse as distintas rutas de sendeirismo que existen polo municipio:
    drive.google.com/drive/folders/1MqIQxe8J_fzyshjvWMHqLdiOcbUGpvvz

rutas por Ferrol