NEDA

Separador

PERCORRIDOS POLA NATUREZA

  • Monte de Ancos
    43°31’03.6”N 8°08’28”W
    Fervenza Belelle
    43°28’56.1”N 8°07’16.8”W

  • Concello de Neda
    Tlfo. 981 380 039
    www.neda.es

  • Ferrol 13 Km
    A Coruña 53 Km
    Viveiro 78 Km
    Santiago 97 Km

A 262 metros de altitude sobre o nivel do mar atópase o Monte de Ancos, que ten unhas vistas excepcionais de toda a ría de Ferrol, dende a desembocadura do río Grande de Xuvia ata a saída por mar da comarca. Nos días de ceo despexado é posible ver a vila de Sada e incluso a cidade da Coruña. Para gozar da paisaxe con total tranquilidade, o lugar conta cunha plataforma sobre a ladeira usada como miradoiro e cun banco de madeira. Moi próximos atópanse os restos do Castro de Ancos, cuxa historia está moi ligada á cidade de Libunca, capital dos Ártabros. Pódese ascender a pé ao Monte de Ancos desde a Ponte de Xuvia. O traxecto é curto, duns 2,94 quilómetros, pero ten unha pendente do 14%, polo que non é apta para nenos moi pequenos. De igual forma, pódese chegar ao lugar en coche ou en autobús, pois dispón de espazo suficiente para aparcar. Hai un tempo, o Concello de Neda tomou a decisión de reforestar os montes locais con especies utóctonas, eliminando o eucalipto e potenciando o crecemento de castiñeiros. Desde entón, os grupos escolares poden plantar árbores nos montes de titularidade municipal da zona.

Outro dos atractivos é, sen dúbida, a Fervenza do Río Belelle que, cunha caída da auga de 45 metros e varias pozas na súa base, é considerada unha das cataratas máis fermosas de Galicia. A única forma de chegar ata ela é a pé, pois o camiño é exclusivamente peonil desde hai uns anos. Pódese deixar o coche nas inmediacións do pazo de Isabel II, xa que conta cun aparcadoiro habilitado para todos os visitantes. Hai moitas rutas pola beira do río Belelle que pasan polos lugares de maior historia da zona. No seu día houbo 40 instalacións entre muíños, fábricas e ferrerías. No camiño podemos atopar tamén unha central hidroeléctrica, aínda en activo, que foi construída a principios de século para subministrar de electricidade a Ferrol. A calidade destas augas contribúe a que o pan de Neda sexa un dos máis sona de Galicia dende fai moito tempo. A primeira semana de setembro celébrase todos os anos na vila a Festa do Pan, na que, ademais de degustación deste produto, hai actuacións e actividades variadas.

A ficha

  • Ruta de natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
  • Idades: Quinto e sexto de Primaria, ESO e Bacharelato
  • Prezo: Gratuíto
  • Duración: Media xornada cada unha das rutas
  • Consello: Levar roupa e calzado axeitados para camiñar e agua
  • Na fervenza e polos seus arredores hai un sendeiro que aparece en varias rutas de
    sendeirismo: www.encantorural.com/ruta/a-coruna/ruta-rio-y-fervenza-do-belelle/49
  • Rutas aptas para escolares en: www.altimetrias.net | www.encantorural.com
rutas por Ferrol

ÁREA RECREATIVA PONTE DA COBELUDA

A área recreativa da Ponte da Cobeluda é un espazo natural, situado no concello de Neda, cunha gran cantidade de posibilidades para o ocio, sobre todo para os escolares. É unha zona arbórea, con especies autóctonas e un campo moi ben coidado, onde se poden facer actividades ao aire libre ou tomar o sol se o tempo acompaña. Constitúe un contorno privilexiado para pasar unha boa xornada con amigos ou en familia. A acollida que tivo este lugar desde os seus inicios deu lugar á construción de diferentes infraestruturas que foron medrando pouco a pouco en función das necesidades e intereses dos usuarios e usuarias. Conta cunha zona de mesas, bancos e grellas onde preparar o xantar, un parque infantil, aseos e unha cafetería onde descansar e tomar refrescos.

Ademais, hai unha piscina natural de 50 metros de longo e 10 de ancho que se formou no río Castro, un afluente do río Grande de Xuvia. Sen dúbida, é o maior atractivo deste lugar. Está aberta desde maio ata a segunda quincena de setembro, polo que é perfecta para unha excursión de principio ou final de curso. Hai varias rutas de sendeirismo pola zona que poden ser interesantes para unha saída escolar, e algunhas delas están especificamente pensadas para nenos e nenas de Educación Infantil. Estes poden dar un paseo duns dous quilómetros pola beira do río Castro, entre campos de labor e espazos con árbores moi representativas das fragas.

A ficha

rutas por Ferrol