NEDA

Separador

PERCORRIDO POLA NATUREZA

  • Monte de Ancos 43°31’03.6”N 8°08’28”W
    Concello de Neda

  • Tel. 981 380 039
    neda.gal

  • Ferrol 13 Km
    A Coruña 53 Km
    Viveiro 78 Km
    Santiago 97 Km

Unha das vistas da Ría de Ferrol que goza de maior popularidade na zona é a que se pode admirar dende o miradoiro de Ancos, situado nun monte do concello de Neda de 262 metros de altitude.
Desde aquí, a vista abarca unha ampla panorámica na que se poden contemplar a totalidade da cidade de Ferrol e a desembocadura do río Grande de Xuvia. Ademais, nos días despexados poden chegar a verse no horizonte a vila de Sada e a cidade de A Coruña.
O camiño para chegar á cima do monte de Ancos é bastante esixente, pois hai que percorrer unha vía de tres quilómetros cunha acusada pendente do 14%. Polo tanto, non é unha actividade axeitada para facer con nenos e nenas pequenas e tampouco é recomendable en días calorosos. Con todo, non é necesario subir a pé, pois o miradoiro conta cun espazo para estacionamento de coches e autobuses, o que facilita as excursións escolares.
A contorna do monte de Ancos caracterízase non só pola beleza da súa paisaxe senón tamén polo valor ambiental da súa fauna e flora. No 2018 o concello iniciou un proceso de repoboación de especies arbóreas autóctonas como as castiñeiras, co obxectivo de previr a extensión de incendios e favorecer a conservación do hábitat natural da zona.
Ademais, no cumio máis baixo dos tres que compoñen o monte poden verse os restos do castro de Ancos. Este asentamento está relacionado coa lenda da antiga cidade de Libunca, unha urbe que supostamente estivo habitada na zona ata ben entrada a Idade Media.
Xa na vila destaca o paseo marítimo, que limita nun extremo co concello de Narón e noutro con Fene. Este espazo dispón de varios servizos para facer unha parada durante a excursión, como bancos e áreas de descanso, tres parques infantís e unha pista polideportiva para xogar ao aire libre.

  • Idades: Desde Primaria a Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física

  • Recomendacións: Levar prismáticos ao monte de Ancos enriquecerá a visita. Tamén son recomendables no paseo marítimo para observar as aves que alí descansan

rutas por Ferrol

XOGANDO COA AUGA

  • Fervenza Belelle 43°28’56.1”N 8°07’16.8”W

  • Concello de Neda. Tlf. 981 380 039

    www.neda.gal

Na vila de Neda a auga é un elemento característico, pois os caudais dos ríos que pasan polo concello enchen todos os seus recunchos. Un dos espazos máis emblemáticos nos que a auga é a protagonista é a Fervenza do Río Belelle, unha das paisaxes fluviais máis atractivas da comarca. Este salto de auga é de 45 metros e na súa base hai varias pozas naturais nas que é habitual ver a xente bañándose no verán. As mellores épocas para admirar a fervenza son o outono e o inverno, pois o caudal do río Belelle aumenta e a auga cae con maior forza polas rochas.
Para contemplar esta fermosa caída de auga pódese seguir unha ruta circular que comeza no pazo de Isabel II, unha antiga fábrica de tecidos inaugurada no 1843 onde hai espazo para estacionar. A partir de aquí, o camiño discorre á beira do río Belelle e constitúe unha valiosa mostra do pasado industrial da localidade. Neste lugar chegaron a existir ata 40 instalacións entre as que se contan muíños, fábricas e ferrerías. No primeiro tramo do itinerario pásase ao lado do antigo muíño da Barcia e da central hidroeléctrica de Neda, construída a comezos do século XX e aínda en activo.
Tras atravesar o río Belelle, uns paneis informativos indican distintos camiños que se poden tomar. Unha das opcións conduce directamente ao pé da fervenza, mentres que outra se dirixe a un miradoiro-cenador de madeira dende onde tamén é visible este espectacular salto de auga. A terceira alternativa permite subir ata o miradoiro de Viladonelle, que ofrece unha preciosa panorámica da paisaxe fluvial.
A boa calidade da auga nedense explica a popularidade do seu produto máis coñecido, o pan. O seu bo sabor e textura fan que Neda sexa coñecida polos galegos como a capital do trigo de Galicia. Desde hai máis de 30 anos organízase aquí a chamada Festa do Pan na primeira fin de semana de setembro.

  • Idades: Desde Infantil a Bacharelato

  • Materias: Educación Física, Ciencias Naturais, Xeografía e Historia, Bioloxía

  • Duración: Estímase en media xornada cada unha das rutas
    Recomendación: Levar auga e roupa e calzado axeitados para camiñar. Ter especial coidado durante o inverno porque o chan pode estar esvaradío

rutas por Ferrol