NARÓN

ALDEA NOVA
Lagoela s/n. San Estevo de Sedes
15596 Narónaldeanovagranja@gmail.com
Ferrol 15 Km
A Coruña 56 Km
Viveiro 72 Km
Santiago 99 Km

No lugar de Lagoela atópase Aldea Nova, un Parque Temático Integral de Desenvolvemento Rural cuxa misión é a posta en valor e o respecto pola natureza e a tradición e identidade galega. Inaugurouse en 2008 e, tras un período de inactividade, reabre este ano as súas portas con importantes transformacións con respecto ás anteriores instalacións.
O recinto conta con máis de 35.000 metros cadrados de superficie que permiten facer unha gran diversidade de actividades. En Aldea Nova a oferta lúdica e de lecer é moi ampla, permitindo aos centros adaptar a visita aos intereses e necesidades do grupo. Durante a excursión, os escolares poden mergullarse na natureza e coñecer a través de guías especializados as árbores autóctonas que habitan o monte de Aldea Nova, o funcionamento da horta e do invernadoiro ou a vida das abellas cunha visita ao apiario. Tamén é posible asistir a un obradoiro no que aprenderán a facer o seu propio pan nun forno tradicional ou coñecer no seu museo etnográfico as ferramentas de labranza tradicionais coas que se traballaba o campo no pasado.
O parque conta cun aulario habilitado para impartir obradoiros e charlas de distintas temáticas educativas e dispón de aulas-laboratorio equipadas con microscopios. Un dos principais atractivos deste edificio é o seu planetario, cunha cúpula de seis metros na que os nenos e nenas poden visionar proxeccións e asistir a explicacións sobre o espazo exterior.
Ademais de todo isto, o espazo aspira a convertirse nun parque de aventuras que contará con tirolesas, zonas tipo rocódromo e espazos para organizar guerras de “laser tag”.
As instalacións dispoñen dun comedor interior con capacidade para uns 150 comensais e dun amplo patio cuberto con luz natural apto para xogos e actividades, de modo que os días nos que o tempo non acompañe a excursión poida aproveitarse igualmente.


Idades: De Infantil á ESO
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
Duración: Media xornada ou xornada completa. As instalacións dispoñen dun albergue de 40 prazas se se quere organizar unhas xornadas de convivencia ou un campamento
Prezo para escolas: entre 10 e 12 euros por neno, segundo as horas. O parque funciona todo o ano, tamén en fin de semana
Máis información: Para concertar unha excursión ou coñecer máis detalles hai que poñerse en contacto co Concello de Narón.
