NARÓN

Separador

RUTA DOS MUÍÑOS

  • Saída do Mosteiro de
    San Martiño de Xuvia
    43°29’53.6”N 8°10’26.9”W

  • Tel. 981 337 700 Ext. 2301
    turismo.naron.es/ruta-de-los-molinos

  • Ferrol 5 Km
    A Coruña 52 Km
    Viveiro 87 Km
    Santiago 95 Km

O inicio desta andaina está no mosteiro de San Martiño de Xuvia, que cun interesante pasado foi declarado Ben de Interese Cultural. Está situado no paso do Camiño Inglés, e é o punto de comezo do percorrido ata San Andrés de Teixido.

A Ruta dos Muíños é un traxecto de 14 quilómetros que bordea o río Xuvia, mostrando ao seu paso diferentes lugares de interese do concello, de importancia histórica e cultural e tamén paisaxes de gran singularidade e beleza.

Neste itinerario atópanse igrexas, pontes, presas e por suposto, aceas. O traxecto pasa xunto a muíños como o das Aceñas, o de Xuvia, o de Entrerríos ou a presa do Rei que, construída no século XVIII, abastecía de auga á Real Casa da Moeda de Xuvia. No camiño tamén se atopan a ponte románica de Piela, a mítica fonte de Odín e a igrexa de Doso, enclavada nunha antiga área de culto celta.

Na andaina destaca o magnolio de Xuvia, unha árbore centenaria plantada no século XVIII e que a día de hoxe é a máis singular da localidade e unha das máis antigas de todo o continente.
Para poñer en valor estes espazos, o Concello organiza actividades culturais e musicais durante o verán na contorna do magnolio. E co obxectivo de facer a experiencia aínda máis completa, nos paneis informativos ao longo da ruta hai códigos QR para escanear co móbil, que conteñen audioguías sobre o itinerario.
O percorrido remata na Área Recreativa do Pedroso (ver páxina dedicada a esta zona) , un amplo espazo natural con bancos e mesas, parque infantil e un cámping. Pódese facer un descanso aquí antes de rematar a excursión, deixando ao alumnado un tempo para xogar no medio da natureza.

  • Idades: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física

  • Duración: A duración é de 2 horas en bici e 4 horas andando cunha lonxitude de 14 Km. Ten unha dificultade media.

  • Recomendacións: Non facer esta ruta en época de choiva polas inundacións nas zonas próximas ao río.

  • Máis información: A cafetería da área recreativa de Pedroso está aberta no verán, o resto do ano abre para eventos ou as fins de semana en primavera. Información da ruta en Wikiloc en es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-muinos-31086664

MAPA INTERACTIVO

rutas por Ferrol

ALDEA NOVA

No Monte dos Nenos atópase a Granxa Escola Aldea Nova, un enorme parque temático dedicado a poñer en valor a identidade galega e os valores tradicionais. Foi inaugurado no 2008 e ofrece diferentes actividades e obradoiros cos que achegar aos pequenos a vida nas aldeas.

Nos máis de 35.000 metros cadrados de superficie hai espazo para facer case de todo. O recinto permite megullarse na natureza e na cultura autóctona galega. Durante a xornada é posible visitar a recreación dun castro e o seu dolmen, e ademais, contan cunha casa museo onde se expoñen algunhas das ferramentas de labranza tradicionais, coas que ensinar aos escolares como traballaban no campo os seus devanceiros. E para poñelo en práctica hai unha horta e un invernadoiro no que os rapaces poden converterse en agricultores por unhas horas, aprendendo o básico sobre os cultivos.

Un dos elementos de maior atractivo de Aldea Nova para os rapaces e rapazas é a súa granxa. Nesta hai numerosos animais que están encantados de recibir visitas. E para os máis atrevidos, en Aldea Nova é posible vestirse de apicultor e visitar as colmeas, así como aprender a realizar candeas e, por suposto, desgustar o mel.

Por outra parte, tamén lle danimportancia á astronomía e ao coñecemento do ceo. Por iso contan cunha enorme cúpula de seis metros no seu planetario, onde proxectan películas sobre o universo e as estrelas.

Situada nun lugar privilexiado e cunhas vistas incribles, esta granxa escola ofrece unha experiencia moi completa grazas a todas as instalacións e actividades que posúe. As visitas son deseñadas entre os monitores e o profesorado de xeito específico para cada grupo, adaptándose sempre as idades do alumnado e aos seus intereses.

  • Idades: Infantil, Primaria, ESO

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia

  • Duración: Media xornada ou xornada completa. Hai un albergue con 40 prazas, que ofrece a posibilidade de alongar a visita varios días, e un comedor con capacidade para 150 persoas.

  • Prezo para escolas: entre 10 e 12 euros por neno, segundo as horas. O parque funciona todo o ano, tamén en fin de semana

  • Máis información: A granxa escola conta tamén cun aulario onde se poden impartir diferentes cursos e cunha pista de herba para practicar diferentes actividades, desde equitación ata tiro con arco.

rutas por Ferrol

ÁREA RECREATIVA DE PEDROSO

A Área Recreativa de Pedroso é unha zona de descanso no medio da natureza, nun espazo catalogado como Zona Natural Protexida, ao carón do río Xuvia. É un lugar moi axeitado para pasar unha xornada de lecer coa familia ou para realizar excursións escolares polo seu completo equipamento.

Aquí está o muíño de Pedroso, que data do ano 1800, pero que foi restaurado e posto en funcionamento de novo no 1999. Actualmente está configurado como un emprazamento etnográfico ao que se realizan visitas. Na contorna tamén hai outros muíños rehabilitados, como o das Aceñas ou o de Entrerríos.

Esta área de natureza conta con espazos de sol e sombra onde sentarse a descansar despois de bañarse no río, ao que se accede a través dunhas escadas de madeira en forma de grada.Esta paraxe posúe mesas, bancos e grellas para poder xantar, así como un parque infantil para os pequenos, aínda que o campo é suficientemente amplo como para desfrutar co alumnado facendo diferentes actividades ao aire libre. Paneis explicativos informan das especies animais que se poden observar neste contorno. Ademais, hai unha zona de acampada con cabanas de madeira e un bar, pero que só abre no verán, e de forma ocasional nas fins de semana ou en eventos na primavera.

Para chegar ata esta área recreativa é posible facelo a través dalgunha das rutas de sendeirismo da contorna, aínda que tamén se pode acceder en transporte privado, en coche ou autobús, xa que está afastada de zonas urbanas. Conta con dous aparcadoiros, un na parte fluvial e outro nas proximidades da zona de mesas e grellas.

  • Idades: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física

  • Recomendacións: Non facer as rutas pola zona en época de choivas polas inundacións próximas ao río.

  • Indicacións: Accédese desde a autovía Ferrol-Vilalba AG-64, saíndo dirección Xuvia pola AC-862 e desviándose cara onde está sinalizada a 1Km. Tamén se pode chegar por Neda, pola autopista Coruña-Ferrol, continuando ata O Couso e preguntar alí.

rutas por Ferrol