MUSEO NAVAL

Separador

MUSEO NAVAL

A idea de crear o Museo Naval de Ferrol xurdiu coa finalidade de recuperar e catalogar obxectos de diferentes dependencias da Armada na cidade, e sobre todo para albergar as pezas recuperadas do PECIO DA FRAGATA MAGDALENA, afundida na ría de Viveiro no ano 1810 e localizada nos anos 70 do século pasado en sorprendente bo estado. Para expoñer ao público o que segue a ser unha das xoias da colección pensouse nun edificio singular, a ANTIGA PRISIÓN DE SAN CAMPIO, que data de finais do século XVIII e que é un dos sete inmobles que formaban parte do primitivo Arsenal de Ferrol, obra do enxeñeiro militar Julián Sánchez Bort.
Este cárcere, onde chegou a haber ata 1.500 presos, alberga hoxe uns fondos que mostran toda a historia da Armada, sobre todo desde o século XVIII, a través de diferentes modelos e maquetas, pero a súa peza máis antiga son unhas asas de cobre dunha ánfora romana que datan do século IV antes de Cristo. A súa COLECCIÓN DE ÁNCORAS -única no mundo- expón desde as máis primitivas ata as máis sofisticadas.

Aos escolares chámanlles especialmente a atención os MASCARÓNS DE PROA que se exhiben na planta baixa, aínda que neste mesmo espazo pódense ver moitas outras curiosidades, como a fotografía que se fixo a tripulación do acorazado Alfonso XIII, que resultou premiada co Gordo da Lotería de Nadal a única vez -ata agora- que tocou en Ferrol, ou a medalla da Alemaña de Hitler que recibiu a dotación do cruceiro Canarias, con base en Ferrol, cando acudiu ao rescate do buque insignia da súa Armada, o acorazado Bismarck, onde só atopou dous cadáveres.
O museo ten tamén unha réplica das carabelas de Colón feitas por un monxe do mosteiro de Samos, canóns, torpedos, minas magnéticas e aparatos de navegación, unha sala dedicada ás últimas colonias e mesmo a cadeira que utilizaba Franco cando pescaba a bordo do Azor. Especialmente interesante resulta a utilidade que se buscou para as 19 lareiras que no seu día funcionaron como cociña do presidio: agora recollen diferentes escenas da VIDA MARIÑEIRA NO SÉCULO XVIII, desde os alimentos que levaban nos barcos ata como era unha enfermería da época.

A ficha

  • Museo/Centro de Interpretación
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais/Xeografía e Historia/Tecnoloxía
  • Idades: Desde Infantil ata Bacharelato
  • Duración: Media xornada
  • Horario: De Martes a venres, de 9.30 a 13.30. Sábados, domingos e festivos, de 10:30 a 13:30
  • Prezo: Gratuíto
  • Tenda de recordos
rutas por Ferrol