Un esqueleto de balea de 18 metros é unha das xoias expostas

Imaxe do esqueleto de balea

O Museo da Natureza de Ferrol ofrece unha oportunidade única para que os nenos e nenas comprendan moito mellor o mundo que os arrodea. Esta interesante exposición é xestionada desde hai anos na cidade pola Sociedade Galega de Historia Natural. Desde 2011 sitúase na antiga Casa do Coronel, unha edificación militar en Canido. Alí poderán ver ósos, fósiles, pegadas, cornamentas, coiros, peles e outros restos de animais. Por outra banda, no que se refire ao reino vexetal terán a posibilidade de observar follas de diferentes plantas. E mesmo hai un tronco xigante dunha árbore no que están marcados os seus anos de antigüidade. Estes son visibles nos aneis que se van formando na madeira.

O museo ten visitas guiadas que pode concertar o profesorado nas que os rapaces recibirán explicacións sobre os moitos tesouros que acharán no museo. Estes son froito das coleccións privadas coas que deu os seus primeiros pasos e das incorporacións realizadas ao longo da súa historia. Sen dúbida, entre as que máis chamarán a súa atención atópase un esqueleto de balea de 18 metros de lonxitude. A osamenta colga do teito dunha das salas principais e é unha das máis grandes que se poden ver nun museo.

Outras pezas de interese

Os cetáceos son un dos principais reclamos do Museo da Natureza, xa que hai moitos outros esqueletos e reproducións, pero non o único. Por exemplo, dentro do mundo mariño tamén hai representación de tartarugas, tiburóns e exemplares curiosos como un peixe lúa. E das profundidades abisais veu unha lura xigante conservada nunha furna con formol.

Por outra parte un esqueleto de cervo e outro de porco bravo, cránios de todo tipo e aves momificadas son outras das pezas que se poden ver neste museo. Ademais, cumpre coa norma de que nada do que se mostra se conseguiu facendo dano algún a animais ou plantas.

Tedes máis información neste enlace http://www.sghn.org/Seccion_Museo_Historia_Natural/Exposicions_itinerantes_Museo.html

Un corvo mariño

Cranios de mamíferos