O Centro de Interpretación de Caldoval ten chea a axenda dos venres con visitas de centros educativos de aquí a xuño. É un éxito para o museo, que abriu as súas portas no pasado setembro. E tamén unha mostra do interese que colexios e institutos teñen case sempre por coñecer mellor a historia, e máis no caso da historia local.

Así, o Centro de Interpretación do Caldoval acolle un xacemento atopado no municipio e correspondente aos baños privados dunha vila romana. Ao igual que fan para o público en xeral os sábados e domingos, os expertos en patrimonio do museo son quen de realizar visitas guiadas cada venres para grupos escolares, nas que explican o «sofisticado» sistema «spa» que tiñan os romanos. No percorrido tamén se explica cómo era a súa vida, que viñeron facer ás costas de Mugardos e outras moitas cousas, como a importancia que daban ao deporte e os xogos que practicaban.

O de Caldoval é un xacemento único no noroeste peninsular, precisamente polo ben conservados que están os baños privados. Coa finalidade de amosar de forma divertida e didáctica este patrimonio aos centros educativos, os responsables do museo teñen deseñado varios obradoiros. Na páxina web do museo hai un apartado para as visitas escolares, no que se pode acceder a un dossier didáctico sobre as diferentes actividades.

Obradoiros

Os obradoiros aos que se poden apuntar os colexios son:

  • Pintores/as de Roma: para alumnos de Infantil e Primeiro ciclo de Primaria.
  • Artistas dos Mosaicos: para alumnos de Primaria.
  • Ludi Romani: de Primaria e Secundaria.
  • O Perfume do César: para Secundaria.

A visita guiada dura aproximadamente 45 minutos. E os grupos que realicen a visita guiada e un destes obradoiros adicarán en total unhas dúas horas.

Toda a información sobre a reserva da visita pode consultarse a través deste enlace.