MUGARDOS

CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE CALDOVAL

O Imperio Romano aprendeu dos gregos moitos dos seus costumes e filosofía de vida, como o culto ao corpo a través do deporte, os baños termais e o coidado persoal. Comezaron a xurdir instalacións, de titularidade pública ou privada, onde a xente acudía para bañarse, relaxarse ou xogar. Estes lugares contaban con espazos e estancias diferentes. O máis común era que tiveran un “balneum”, o equivalente ao spa actual, con diferentes tipos de piscinas, e “palestras”, que eran espazos ao aire libre onde se podía facer exercicio. Xunto a este patio había unha zona a cuberto onde se podían practicar xogos de mesa ou realizar deporte, sobre todo cando o tempo non permitía usar o recinto exterior.

O restos do xacemento de Caldoval de Mugardos, escavado entre os anos 2002 e 2006, pertencen aos baños dunha vila romana situada en Punta Promontorio, construída por algún comerciante rico ou por algunha personalidade da época. É o único baño deste tipo atopado en Galicia e ofrece a posibilidade de que escolares e familias o visiten de forma totalmente gratuíta, ademais de poder realizar obradoiros e actividades deseñados especificamente para cada grupo de idade. A visita guiada polo recinto ten unha duración aproximada de 45 minutos, e despois pódese facer algúns dos obradoiros ata completar dúas horas.

A ficha

  • Museo-Centro de Interpretación
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación plástica
  • Idades: Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
  • Duración: A duración é de media xornada e o prezo é gratuíto
  • As visitas de grupos escolares fanse os venres de outubro a maio e de martes a venres de xuño a setembro, en horario de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas
  • Recoméndase achegarse ao parque de Río Seco, unha área recreativa con grandes árbores e xogos infantís
  • Información sobre visitas escolares e programa didáctico para descargar en www.museocaldoval.gal/gl/visitar/escolares

O estado de conservación das instalacións é moi bo e demostra a importancia do comercio marítimo desenvolto polos romanos nesta zona dende o século I despois de Cristo ata a caída do Imperio Romano, no século V d.C. Ao entrar no edificio que alberga o xacemento temos a sensación de introducirnos na terra e chegar ata o nivel do mar. Unha vez dentro, podemos ver as diferentes estancias: o “frigidarium” ou salas de auga fría, os vestiarios e as salas de auga quente, “tepidarium” e “caldarium”. Estes baños recibían a calor polo chan grazas a un forno. As actividades que se ofrecen son variadas e renóvanse continuamente. A través delas aprendemos historia e descubrimos que moitos costumes e festas que agora celebramos son herdados dos romanos! No exterior hai unha cancha de xogos e unha pista de lanzamento de peso que leva o nome da deportista mugardesa Belén Toimil, na que en moitas ocasións tamén se organizan actividades para os escolares, como os Ludi Mugardensis, unhas olimpíadas con probas similares ás que practicaban gregos e romanos.

Pintores de Roma (Educación Infantil e primeiro ciclo de Primaria):
O alumnado poderá pintar como os romanos, pero para iso necesitará fabricar as pinturas como se facía na época
Artista dos mosaicos (de segundo a sexto de Primaria):
Por grupos, os escolares poderán pintar os seus propios mosaicos, que se colgaban como decoración nas paredes dos vestiarios
Ludi Romani (Primaria e Secundaria):
A rapazada poderá practicar xogos de mesa como os antigos romanos ou mesmo facer os seus propios taboleiros
A cociña de Apicio (Infantil e Primaria):
A quen non lle gustaría comer e aprender receitas da cociña romana do Arguiñano da época de Marco Gabio Apicio?

Un día na palestra (Secundaria e adultos):
Nesta actividade realízanse os exercicios cotiás dos romanos para manterse en plena forma.
Xoiería romana (Secundaria e adultos):
Entre as persoas da aristocracia levábanse moito as xoias e os ornamentos persoais, e neste obradoiro os nenos e nenas serán os encargados de deseñar varias pezas exclusivas.
O perfume do César (Secundaria e adultos):
Os perfumes e as cremas eran algo esencial en Roma, xa que dedicaban moito tempo ao baño e ao coidado do corpo. Nenos e nenas de Secundaria poderán elaborar os seus propios perfumes coas técnicas empregadas na época.

rutas por Ferrol

PORTO DE MUGARDOS E O SEIXO

  • Avenida do Mar, Mugardos
    43°27’48.6”N 8°15’22.7”W

    Ferrol 18 Km
    A Coruña 49 Km
    Viveiro 86 Km
    Santiago 93 Km

  • Concello de Mugardos
    Telf. 981 470 290
    www.concellodemugardos.gal

A vila de Mugardos é moi coñecida pola súa tradición mariñeira. O seu peirao ofrece unha gran variedade de actividades relacionadas co mar. Podemos chegar en lancha desde Ferrol e atracar no porto. Alí mesmo atoparemos a pedra de mazar o polbo, que é o produto estrela de toda a vila. De feito, podemos degustalo en calquera dos bares e restaurantes do paseo marítimo e de seguro que estarán encantados de explicar a súa preparación ou mesmo contar a mellor forma de “asustalo”. Todos os anos, celébrase na vila a Festa do Polbo, sempre no segundo sábado de xullo, á que acoden visitantes de toda a zona e mesmo doutras poboacións da península. Outros lugares de interese son a Fonte do Loureiro, unha antiga construción de granito que serve auga para todos os veciños do pobo, e o monumento As Meninas, adicado aos Dereitos da Infancia. Cómpre deterse na Casa de Serea, unha edificación do século XVI coa figura mitolóxica esculpida na súa fachada, que pertenceu á familia do alcalde Mariño de la Barrera. Baixo o seu mandato, en 1805, a vila conseguiu liberarse do señorío de Montefaro e pasar a depender da Coroa. A edificación está xusto á altura do Cantón de Cora, onde podemos parar e descansar, xa que hai bancos e sombra.

Ao final do paseo, podemos ir ata a praia de Bestarruza, ao pé da que aínda están os restos dunha antiga fábrica de salgaduría, onde se preparaba o pescado para seren trasladado ao interior en boas condicións. A praia é un bo lugar para xogar, aínda que cabe tamén a posibilidade de subir ao parque Rosalía de Castro, polas escaleiras que parten desde A Bestarruza, e rematar alí a xornada coas randeeiras, esvaradoiros e outros elementos recén anovados. O Seixo é outro núcleo de Mugardos cheo de historia. É un lugar moi mariñeiro, pegado á ría, no que podemos descubrir moitas casas indianas, construídas polos emigrantes que fixeron fortuna fóra e que, fundamentalmente ao final do século XIX e comezos do XX, retornaron e contribuíron a mellorar a economía da súa terra. Do Seixo era o pintor Bello Piñeiro (1886-1952), que ben puido construír a súa sensibilidade artística sobre o alicerce da beleza destas terras. Outros persoeiros repararon nelas, como é o caso de Rosalía de Castro, que lle adicou uns versos de “Cantares Gallegos”. Un recente estudo apunta que a poeta estivo neste lugar e participou na súa festa, invitada pola familia que antigamente posuia alí unha fábrica de tecidos. Tamén era do Seixo o aviador Xosé Piñeiro, un pioneiro de cruzar o ceo que naceu en 1878, como recorda outra placa conmemorativa. O percorrido pola zona pode incluír, ademais da historia, un tempo de xogos no Campo do Río, un parque con randeeiras situado na desembocadura do río Baa.

A ficha

  • Ruta Urbana
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
  • Idades: Infantil, ESO
  • Duración: A duración é de media xornada ou completa
  • Gratuíto e se eliximos a viaxe en lancha desde Ferrol custa entre 3 e 5 euros segundo o número de viaxeiros. A empresa responsable é Fernández Cabana e pódese contactar con eles nos teléfonos 620 926 958 e 981 340 778
  • www.festadopolbodemugardos.gal
rutas por Ferrol