MOECHE

Separador

CASTELO DE MOECHE

  • Concello de Moeche
    San Xurxo s/n

  • Concello de Moeche
    Tlfo. 981 404 006
    www.moeche.gal

  • Ferrol 28 Km
    A Coruña 68 Km
    Viveiro 70 Km
    Santiago 111 Km

Entre vales e montañas atópase protexido o castelo de Moeche, unha edificación medieval do século XIV, construída por Fernán Pérez de Andrade “O bo” para defender as súas posesións na comarca eumesa. Conta cunha planta octogonal, un patio de armas e unha torre homenaxe de 18 metros de altura. Ademais, está rodeado dun enorme foso de varios metros de ancho que servía como protección aos ataques inimigos. Foi o protagonista da Revolta Irmandiña, unha das primeiras de tipo social en Europa e que constitúe un dos episodios máis importantes da historia de Galicia. Farto dos continuos abusos dos señores feudais, o campesiñado da Irmandade Fusquenlla, liderada por Roi Xordo, iniciou unha revolta social no ano 1431 contra Nuno Freire de Andrade “O Mao”, quen conseguiu fuxir e protexerse en Compostela ao amparo do arcebispo.

Coa furia, o campesiñado derrubou o castelo de Moeche pero as tropas “do Mao” e do seu aliado conseguiron a vitoria. Anos máis tarde, xa en 1467, produciuse a Segunda Revolta Irmandiña. Os campesiños saíron derrotados de novo e foron obrigados a reconstruír o castelo. A finais do século XIX, a fortaleza pasou ao poder da Casa de Alba, que puxo en venda o edificio por 3.000 reais ao consideralo “pedra do montón”. A presión social, co arqueólogo Federico Maciñeira como cabeza visible, conseguiu evitar a súa demolición e, grazas a iso, a construción segue en pé e constitúe un lugar interesantísimo cun patrimonio excepcional. Todos os anos, a veciñanza e visitantes conmemoran a revolta campesiña realizando un paseo nocturno con fachos ata o castelo, recreando o momento en que o campesiñado decidiu destruír o castelo en sinal de protesta contra o señor Andrade.

A ficha

rutas por Ferrol

ÁREA RECREATIVA E PATRIMONIO

  • Concello de Moeche
    San Xurxo s/n
    Moeche

  • Concello de Moeche
    Tlfo. 981 404 006
    www.moeche.gal

Na mesma parroquia que o Castelo de Moeche, o Concello habilitou a Área Recreativa Souto Grande, cun extenso campo, árbores autóctonas e boas instalacións, a fin de que grupos escolares e familias poidan pasar unha boa xornada rodeados de natureza. Está equipada con bancos, mesas, e grellas nas que preparar o xantar, unha zona de cafetería e un parque infantil con diferentes atraccións. Ademais, conta con piscina, que está aberta desde mediados de xuño ata mediados de setembro, polo que é un espazo idóneo para organizar actividades de inicio ou final de curso. Dúas veces ao mes, o 11 e o 23, celébrase tamén no municipio unha feira que promove a venda de produtos locais (como froita e verduras frescas, pan ou empanadas, queixo, etc), venda de gando ou degustación de polbo.

É unha das feiras máis antigas da zona e, de feito, existen referencias dela desde o século XVIII. Conserva a esencia daqueles tempos e xoga un papel fundamental para a economía local. Cada 23 de abril celébrase nos arredores do castelo a tradicional Feira do Cabalo, á que chegan visitantes de diferentes puntos da xeografía galega e incluso de Asturias ou do norte de Portugal. Durante a xornada pódese gozar de diferentes competicións ecuestres, mercar produtos locais ou degustar a gastronomía da zona grazas aos postos de comida que se instalan no lugar.

A ficha

  • Materias relacionadas: Educación Física, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
  • Idades: Desde Educación Infantil ata Bacharelato
  • Prezo: menores de 12 anos 1,50 euros, maiores 2,80 euros
  • Horario da piscina:
    En xuño, de luns a venres de 16.00 a 21.00 horas;
    os sábados, domingos e festivos, de 12.00 a 21.00
    En xullo e agosto, de luns a venres de 14.00 a 21.00 horas
    (de 12.00 a 13.00 para cursos de natación);
    os sábados, domingos e festivos, de 12.00 a 21.00
    En setembro, de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas;
    os sábados, domingos e festivos, de 12.00 a 20.00
rutas por Ferrol