MOECHE

Separador

CASTELO DE MOECHE

  • Concello de Moeche
    San Ramón s/n

  • Concello de Moeche
    Tlfo. 981 404 006
    www.moeche.gal

  • Ferrol 28 Km
    A Coruña 68 Km
    Viveiro 70 Km
    Santiago 111 Km

Declarado Ben de Interese Cultural, o edificio máis emblemático do concello de Moeche é o seu castelo, enclavado na parroquia de San Xurxo nun val protexido por montañas. Esta fortaleza medieval foi construída no século XIV por Fernán Pérez de Andrade, “O Bo”, co obxectivo de protexer as súas propiedades na comarca. A edificación ten carácter defensivo, e conta entre os seus elementos máis destacables cun gran foso perimetral, un patio de armas e unha torre de homenaxe.

O castelo pasou á historia polas Revoltas Irmandiñas, nas que, fartos de abusos, os campesiños se rebelaron contra os señores feudais. A Irmandade Fusquenlla, liderada por Roi Xordo, iniciou no 1431 o primeiro levantamento contra Nuno Freire de Andrade, “O Mao”, obrigando a este a fuxir da súa fortaleza en Pontedeume. Porén, a vitoria resultou efémera e os amotinados foron axiña derrotados. No1467 produciuse a Segunda Revolta Irmandiña, aplastada de novo e tras a que se obrigou aos campesiños a reconstruir o castelo de Moeche.

Este feito histórico conmemórase cada ano no penúltimo fin de semana de agosto co Festival Irmandiño. A actividade ten carácter simbólico e lúdico e inclúe xogos populares e concertos durante a noite, na que os veciños, armados con fachos asaltan de novo o castelo.

No século XIX a edificación estivo a piques de desaparecer cando pasou ás mans da Casa de Alba, quen o puxo a subasta coma “pedra do montón”. A demolición evitouse grazas á presión social dos veciños coa colaboración do arqueólogo Federico Maciñeira. A pesar de parar a destrución do edificio, perdéronse moitos elementos construtivos.

A fortaleza é visitable -tamén se organizan percorridos guiados- e conta cun Centro de Interpretación sobre as Revoltas Irmandiñas onde o alumnado pode coñecer máis en profundidade eses feitos históricos.

Ao pé do castelo pódese ver a plantación “Galicia nun ferrado” que recolle 37 especies arbóreas silvestres e un panel explicativo.

rutas por Ferrol

ÁREA RECREATIVA E PATRIMONIO

  • Concello de Moeche
    San Ramón s/n
    Moeche

  • Concello de Moeche
    Tlfo. 981 404 006
    www.moeche.gal

No coñecido como Fondo de Moeche atópase a Área Recreativa de Souto Grande, á beira do río Xubia e rodeada de árbores autóctonas nun lugar privilexiado que conta cunha fermosa presa. Este espazo de lecer constitúe unha ampla e coidada zona natural equipada con mesas e bancos, grellas para facer churrasco, un parque infantil para os nenos e nenas e unha cafetería, que o convirten no lugar idóneo para unha xornada de descanso e divertimento para escolares e familias. Ademais, a área conta cunha piscina ao aire libre que abre durante o periodo estival, desde mediados do mes de xuño e ata a mesma data en setembro.

Se visitamos Moeche os días 11 ou 23 de cada mes teremos a oportunidade de visitar a súa feira, que é das máis antigas da zona segundo as referencias históricas, que a sitúan xa no século XVIII. O concello conserva e potencia na actualidade a realización destes mercados tradicionais galegos, nos que se promove fundamentalmente a venda de produtos locais (froitas, verduras, queixos, panes ou empanada, entre outros), pero tamén de gando e artigos agrícolas. Cada sábado hai, ademais, un mercado de produtos de proximidade.

Outro dos atractivos de Moeche e a súa Feira do Cabalo, que se celebra o 23 de abril de cada ano -como as mensuais- no recinto situado na parroquia de San Ramón. Neste evento teñen lugar diferentes exhibicións ecuestres e competicións, pero tamén é posible mercar produtos da zona e degustar a súa gastronomía nos establecementos hostaleiros da contorna. A importancia desta feira é tan grande que ata ela acuden persoas de todas partes da xeografía galega e doutros territorios veciños coma Asturias ou incluso Portugal.

  • Idades: Desde Infantil ata Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Educación Física, Xeografía e Historia

  • Prezo da piscina: menores de 12 anos 1,50 euros, maiores 2,80 euros

  • Horario da piscina: En xuño, de luns a venres de 16.00 a 21.00 horas; os sábados e domingos e festivos, de 14.00 a 21.00 En xullo e agosto, de luns a venres de 15.00 a 21.00 horas (de 12.00 a 13.00 para cursos de natación); os sábados, domingos e festivos, de 14.00 a 21.00 En setembro, de luns a venres de 16.00 a 20.00 horas; os sábados, domingos e festivos, de 14.00 a 20.00

rutas por Ferrol