MOECHE

OCIO E ACTIVIDADES LÚDICAS
Concello de Moeche. San Ramòn s/n
Tel. 981 404 006
www.moeche.galFerrol 28 Km
A Coruña 68 Km
Viveiro 70 Km
Santiago 111 Km

Moeche dispón dunha boa oferta de espazos verdes con servizos orientados ao lecer. Un deles é a área recreativa de Souto Grande, que se atopa no denominado Fondo de Moeche, á beira do río Xubia, un contorno de gran beleza que conta cunha fermosa presa. A área está equipada con todo o necesario para pasar unha divertida xornada en familia ou cos nenos e nenas do cole: mesas, grellas, parque e cafetería son algúns dos servizos dispoñibles. E no verán conta ademais cunha piscina ao aire libre para refrescarse!
Outro dos atractivos do concello é a famosa Feira de Moeche, que se celebra os días 11 e 23 de cada mes, na que poden adquirirse todo tipo de materias primas locais e de calidade como froitas, verduras, pan, empanada, mel ou carne e produtos artesanais. Trátase dun dos mercados galegos máis antigos que continúan celebrándose e reivindica o valioso papel que as feiras tiveron tradicionalmente no eido rural. Visitar estes lugares cos pequenos é sen dúbida un bo xeito de inculcarlles a importancia de priorizar a compra de produtos de proximidade e de achegalos a unha parte tan importante da nosa cultura.
O Concello vén de retomar a actividade do seu particular circuíto de educación viaria, situado no recinto feiral de San Ramón. Este espazo, proposto e deseñado pola rapazada de Moeche, está equipado con todo o necesario para que os nenos e nenas poidan probar a experiencia da condución con seguridade do xeito máis achegado posible á realidade do tráfico. O Circuíto Modestino, bautizado así polos seus promotores, dispón de cascos, chalecos, karts de pedais e bicicletas entre outros materiais para que os pequenos aprendan as normas de circulación e se conciencien como futuros condutores responsables e como peóns.


Idades: Desde Infantil ata Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Educación Física, Xeografía e Historia
Prezo da piscina: Menores de 3 anos gratis; menores de 12 anos, 1,50 €; e maiores de 13 anos, 2,80 €
Horario da piscina: En xuño, de luns a vernes de 16:00 a 21:00 e sábados, domingos e festivos de 14:00 a 21:00. En xullo e agosto, de luns a venres de 15:00 a 21:00 (de 12:00 a 13:00 para cursos de natación) e sábados, domingos e festivos de 14:00 a 21:00. En setembro, de luns a venres de 16:00 a 20:00 e sábados, domingos e festivos de 14:00 a 20:00
Horario do circuíto: Abre o primeiro e terceiro sábado de cada mes de 11:00 a 14:00 sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan

O CASTELO
Concello de Moeche. San Ramón s/n
Tel. 981 404 006
www.moeche.galFerrol 28 Km
A Coruña 68 Km
Viveiro 70 Km
Santiago 111 Km

O principal punto de interese do concello de Moeche é sen dúbida o seu castelo medieval, declarado Ben de Interese Cultural polo seu valor histórico e patrimonial. Fernán Pérez de Andrade, “O Bo”, foi quen mandou construír esta fortaleza no século XIV para controlar as súas terras e aos seus campesiños e decidiu ubicala no medio dun val no canto dun lugar elevado, o común na época. Alí, protexido entre montañas, mantense cun excelente estado de conservación grazas ás sucesivas restauracións que se levaron a cabo.
A arquitectura da construción é moi singular, pois ten unha planta octogonal irregular, e conta con diversos espazos de interese como o impoñente foso, o patio de armas e a icónica torre da homenaxe.
A construción pasou á historia por ser un dos escenarios emblemáticos das Revoltas Irmandiñas, as primeiras guerras de clase de Europa, que se produciron durante o século XV entre o campesiñado e os señores feudais. No 1431, os campesiños das terras próximas ao castelo, gobernadas por Nuno Freire de Andrade, “O Mao”, organizáronse na Irmandade Fusquenlla e foron os protagonistas da Primeira Revolta Irmandiña. Liderados polo fidalgo Roi Xordo, tomaron o castelo, prendéronlle lume e conseguiron que marchase de alí o señor de Andrade. A pesar deste primeiro éxito, finalmente derrotáronos na Segunda Revolta Irmandiña, no 1468. A modo de castigo, foron obrigados a reconstruír o castelo.
No concello de Moeche conmemóranse estes acontecementos históricos cada mes de agosto desde 1980 no Festival Irmandiño, coa organización de concertos e todo tipo de actividades entre as que destaca a reprodución do episodio do asalto ao castelo protagonizada pola veciñanza de Moeche.
O interior do castelo pode visitarse entre abril e outubro e, con previa reserva, é posible gozar de percorridos guiados gratuítos. Ademais, dentro da fortaleza atópase o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas, que alberga unha exposición permanente para afondar na historia e curiosidades da fortaleza.

Idades: Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais (Galicia nun ferrado, plantación ao pé do castelo que recolle 37 especies arbóreas silvestres e un panel explicativo)
Horarios: Mudan en función da época do ano. Pódense consultar na web www.moeche.gal.
Prezo: 1,50 € para grupos de escolares (para o centro escolar de Moeche é gratuíto), familias numerosas, menores de idade e maiores de 65 anos. A entrada xeral custa 2,50 €
