FRAGAS DO EUME

MOSTEIRO DE CAAVEIRO E FRAGAS DO EUME

  • Centros de recepción de visitantes:
    Estrada Pontedeume-Mosteiro de Caaveiro, km 6, Ombre
    Estrada DP-5003 Mosteiro de Monfero
    Museo Etnográfico da Capela. O Pazo, s/n. A Capela

  • Ferrol 25 Km
    A Coruña 45 Km
    Viveiro 85 Km
    Santiago 88 Km

As Fragas do Eume están recoñecidas como un dos bosques atlánticos costeiros mellor conservados de Europa. Coas súas 9.000 hectáreas de extensión é o segundo bosque máis grande de Galicia e nel habitan diferentes especies arbóreas que en conxunto forman unha contorna natural única.
Desde a Deputación da Coruña promóvese o coñecemento deste patrimonio entre os escolares a través de propostas de turismo escolar, entre as que se inclúen rutas polas Fragas do Eume. O obxectivo destas iniciativas é inculcarlle aos nenos e nenas o interese por descubrir a contorna da provincia e o valor da conservación e preservación destes contornos naturais.
“O segredo do Eume” é o itinerario proposto para adentrarse no bosque eumés e descubrir o Mosteiro de Caaveiro, un templo do século X erixido no alto dun montículo rochoso entre os ríos Eume e Sesín. Dentro do recinto existe un pequeno centro de interpretación do patrimonio do mosteiro onde se explican as distintas estancias que albergaba: as igrexas, a sancristía, o cabildo, o arquivo, a torre do campanario, etc.
Ademais desta, existen catro rutas escolares máis para percorrer outros puntos da provincia, adaptables segundo as necesidades e intereses de cada centro:
“Testemuñas de pedra” traza un itinerario desde o Pazo das Torres do Allo, un dos máis antigos de Galicia, ata o castelo de Vimianzo, datado no século XIII.
“Ritual e tradición” é unha ruta para coñecer a historia da tradición da olería facendo parada no ECOmuseo Forno do Forte en Buño. A excursión complétase cunha visita ao Dolmen de Dombate, mostra da arte megalítica da provincia.
No itinerario do “Bosque animado”, descubrirán as históricas casas señoriais galegas coa visita a dúas vivendas, o Pazo de Mariñán e a Villa Florentina, inspiración da novela de Wenceslao Fernández Flórez que bautiza a ruta.
“Romanos no Mandeo” inclúe a visita ao Centro de Interpretación de Teixeiro para coñecer o patrimonio natural das ribeiras dos ríos galegos.

  • Idades: De Infantil a Bacharelato

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Educación Física

  • Información sobre as rutas guiadas: A Deputación ofrece visitas e actividades guiadas dunha duración estimada de dúas horas. Para reservar data e ruta o profesorado debe poñerse en contacto coa Deputación.
    Teléfono de contacto: 981 080 753
    Correo electrónico: turismo.escolar@dacoruna.gal

rutas por Ferrol