FERROL

Separador

AS MENINAS

As Meninas de Canido naceron no ano 2008 da man de Eduardo Hermida, un artista local canso da decadente situación na que se atopaba o seu barrio tras a crise dos estaleiros. Pintou unha Menina de Velázquez na fachada dun edificio en mal estado para darlle vida e color, e gustou tanto a iniciativa que diferentes artistas de renome de todo o mundo viaxan cada ano ata Canido para plasmar o seu arte na rúa durante a primeira fin de semana de setembro. No ano 2018 o Consello Europeo nomeou as Meninas de Canido como un Itinerio Impresionista de Street Art. Ademais de ser un reclamo turístico, este proxecto foi a base para a revitalización do barrio, pois o Concello de Ferrol realizou diferentes accións urbanísticas que permitiron a apertura de novos negocios para converter a Canido nunha zona de moda.

rutas por Ferrol

Cada ano píntanse murais novos polo que a ruta nunca queda obsoleta e pódese facer cantas veces se queira. Existe a posibilidade de realizar un tour con Eduardo Hermida, o creador. Unha aplicación móbil de realidade aumentada, AR Ferrol, permite -unha vez descargada- observar diferentes efectos de música, movemento, etc. nas Meninas indicadas nos mupis e planos específicos que se entregan nas oficinas municipais de turismo. Na edición do 2017, a organización deixou un espazo en branco reservado para que Banksy pintara un mural. O artista non fixo manifestación algunha no momento pero meses despois apareceu nese lugar unha pintada que moita xente afirma que é del.

rutas por Ferrol

A ficha

  • Ruta urbana
  • Materias relacionadas: Educación Plástica, Xeografía e Historia, CC. Sociais, Educación Física
  • Idades: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
  • É posible facer un tour con Eduardo Hermida de aproximadamente dúas horas de duración. Os grupos teñen que ser de, polo menos, 10 persoas
  • Esta opción está dispoñible todo o ano baixo petición
  • Máis información ferrolturismo@ferrol.es ou no 981 84 42 74
  • A aplicación móbil (AR Ferrol) pode descargarse en Apple Store ou en Google Play
  • Folleto descargable en visitferrol.com/ruta-de-las-meninas
rutas por Ferrol
rutas por Ferrol
rutas por Ferrol

AUGA E NATUREZA

AQUACIENCIA

MUSEO SGHN.

  • Praza de Canido s/n 15401 Ferrol
    430 29’ 17”N 80 14’ 8.8”W

  • Tlfo. | 881 931 315 | 698 141 384
    museo@sghn.org
    www.sghn.org

rutas por Ferrol

Aprender as propiedades da auga e crear conciencia sobre o seu uso é posible grazas a Aquaciencia, un xardín didáctico no que os escolares poden aprender xogando. É unha superficie duns 5000 metros cadrados, situada no parque Raíña Sofía de Ferrol, o pulmón verde da cidade. Foi unha antiga horta de frades convertida na actualidade nun parque urbano con fontes, sendeiros, zonas de árbores e áreas para descansar, aínda que o que máis chama a atención, sen dúbida, son os pavos reais que viven en liberdade no recinto. Aquaciencia ten diferentes percorridos que poden ser adaptados en función dos intereses ou idades dos visitantes e dispón de guías que explican o funcionamento das diferentes atraccións. Algúns dos atractivos do traxecto son a bola xigante que se pode mover coas mans, o reloxo de auga ou o ariete hidráulico. Na súa web poñen á disposición das escolas fichas temáticas sobre a auga para descargar e traballar na clase.

rutas por Ferrol

Dentro do casco urbano atopamos tamén o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, un importante espazo de conservación e defensa do medio. Teñen unha importante colección de especies vexetais, animais e minerais que foron doadas por particulares. Destaca por ter a maior colección de osos de cetáceos de España e unha das mellores do mundo. De feito, o máis espectacular do museo é o esqueleto dunha balea de 18 metros de lonxitude que teñen colgado do teito da sala principal. A entidade desenvolve ademais un importante labor na recuperación de especies da fauna galega enfermas ou feridas, que son devoltas ao medio natural unha vez curadas.

rutas por Ferrol

A ficha

  • Museo-Centro de Interpretación
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Matemáticas, Física, Tecnoloxía
  • Idades: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato
  • Duración: Media xornada cada unha das visitas
  • Gratuítos con visitas guiadas concertadas previamente
  • Aquaciencia.- de Martes a sábados 10.00-14.00 e 16.30-19.30
  • SGHN: de luns a sábado de 9:30 a 13:30 e de 16:30 a 20:30
    domingos e festivos de 10:00 a 14:00
  • Fichas para facer na clase www.ferrol.es/aquaciencia/educadores
  • Programa educativo sobre o uso da auga: www.laescueladelagua.com/aqualogia
rutas por Ferrol

DONIÑOS

  • Praia de Doniños
    43°29’43”N 8°19’13”W
    Castro de Lobadiz
    43°30’30.8”N 8°19’39.3”W

  • Ferrol 9 Km
    A Coruña 62 Km
    Viveiro 94 Km
    Santiago 105 Km

O areal de Doniños é unha praia de area fina cunha lonxitude de 2 quilómetros, perfecta para a práctica de deportes náuticos como o surf e situada entre Punta Penencia e o lugar de Outeiro. Na súa zona norte conta cun aparcadoiro, cafetería, un piñeiral con grandes áreas de sombra e un paseo marítimo con zona infantil. Está rodeada dun sistema de dunas que acolle unha gran variade de especies vexetais e animais. De feito, constitúe un ecosistema tan excepcional que a zona foi incluída na Rede Natura como lugar de importancia comunitaria. Ao seu encontro co mar xorde a lagoa de Doniños, declarada zona húmida de interese nacional pola vexetación que a rodea e cunha cota máxima de profundidade de 9 metros. Unha vez ao ano, xúntase co mar formando unhas marismas impresionantes. As lendas locais contan que baixo a lagoa hai unha cidade somerxida por unha ola xigante á que só sobreviviron dous nenos, e que de aí xurdiu o nome de Doniños.

Máis alá do piñeiral atopamos os restos do castro pre-romano de Lobadiz. Pódese acceder en coche ou camiñando, grazas ás numerosas rutas de sendeirismo que recorren a zona. Dende o punto máis alto do Castro as vistas son espectaculares e pódese contemplar todo o Golfo Ártabro. A praia de Doniños é unha parte moi importante da historia de Ferrol. No ano 1800 desembarcou nela a armada inglesa, capitaneada polo almirante Warren, disposta a conquistar Ferrol. Aínda que os recursos defensivos dos españois eran escasos, os ingleses saíron derrotados. A batalla desenvolveuse nos Montes de Brión e na actualidade, cada verán, celébrase na zona unha representación da mesma, nun ambiente relaxado e festivo, para conmemorar o triunfo das tropas locais.

rutas por Ferrol

A ficha

rutas por Ferrol

CASTELO DE SAN FELIPE

  • San Felipe
    Ferrol
    43°27’53.0”N 8°16’54.0”W

  • Ferrol 8 Km
    A Coruña 60 Km
    Viveiro 95 Km
    Santiago 103 Km

rutas por Ferrol

O castelo de San Felipe é unha das edificacións militares máis importantes de Ferrol. Foi construído en 1557 por orde de Felipe II pero a maioría das zonas que se conservan hoxe forman parte dunha remodelación feita no século XVIII. Está situado fronte ao castelo da Palma (Mugardos) e as ruínas do castelo de San Martiño (Ares). Xuntos formaban o famoso triángulo defensivo da entrada por mar a Ferrol que ningún barco inimigo se atrevía a cruzar, polo que a cidade e as instalacións militares tiñan unha seguridade absoluta. De feito, San Felipe e A Palma estaban unidos por unha cadea que se tensaba e impedía o paso de barcos rivais nos momentos de baixa garda.

San Felipe sorprende tanto polas vistas que ten da ría como polo seu deseño. Os maiores atractivos do castelo son o patio interior co seu pozo, a Casa do Gobernador, a zona de canóns e o sistema de bastións que protexía dos ataques por terra. Foi protagonista na Batalla de Brión, cando os ingleses intentaron conquistar, sen éxito, a cidade. No verán e Semana Santa organízanse visitas teatralizadas cos soldados que custodiaban San Felipe no século XVIII. O acceso ao castelo pódese facer por terra (coche ou autobús) ou por mar. Existe un percorrido en lancha pola ría que permite ver tamén os estaleiros, o Arsenal Militar e a base naval da Graña.

rutas por Ferrol

A ficha

  • Ruta Patrimonial
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Historia
  • Idades: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato
  • Hai un parque infantil nas proximidades do castelo e acceso e zona de estacionamento para coche e autobús
  • Para as visitas en lancha é necesario contactar coa empresa Fernández Cabana no teléfono 981 340 778 ou en info@fernandezcabana.es
  • As visitas teatralizadas realízanse os sábados e só en Semana Santa, xullo e agosto
  • Para concertar visitas con guías oficiais da Xunta pódese chamar a Isabel (696 53 10 70) ou Xulio (661 27 55 45)
  • De 10.00 a 18.00 en temporada baixa e 10.00-14.00 e de 16.00-20.00 no verán
  • A entrada ao castelo é gratuíta
  • O folleto do castelo está dispoñible para descarga en visitferrol.com/castillo-de-san-felipe
rutas por Ferrol

MUSEO NAVAL

Separador

MUSEO NAVAL

A antiga prisión de San Campio é un edificio do século XVIII que formaba parte, con outros seis, do primitivo Arsenal de Ferrol deseñado polo enxeñeiro militar Julián Sánchez Bort. Foi un cárcere onde chegou a haber ate 1.500 presos, e hoxe acolle o Museo Naval de Ferrol, un espazo que naceu coa función fundamental de aloxar moitas pezas recuperadas do pecio da fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro no ano 1810. Alí podemos ver desde pezas de vaixela ata munición e outros obxectos procedentes desta embarcación. O museo chama a atención das visitas mesmo desde antes de entrar, porque ten unha gran colección de áncoras de todas as épocas e tamaños que é única no mundo, pero tamén soi moi interesantes para os escolares os mascaróns de proa que se exhiben por toda a planta baixa do edificio.

Modelos e maquetas de barcos como as carabelas de Colón, o buque-escola Galatea ou o navío San Carlos Real de España comparten protagonismo con curiosidades como a fotografía que se fixo a dotación do acorazado Alfonso XIII cando foi premiada co Gordo da Lotería de Nadal ou a medalla que Hitler concedeu ao cruceiro Canarias, que ten detrás unha interesante historia. No museo exponse tamén armamento e material bélico, xunto con aparatos de navegación, unha sala dedicada as últimas colonias españolas e ata a cadeira que usaba Franco cando pescaba desde o iate Azor. As 19 lareiras que antigamente eran as cociñas do presidio utilízanse na actualidade para recrear diferentes escenas da vida mariñeira no século XVIII, desde os alimentos que formaban parte das navegacións ata o terrible que era unha enfermaría da época.

A ficha

  • Museo/Centro de Interpretación
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Tecnoloxía
  • Idades: Desde Infantil ata Bacharelato
  • Duración: Media xornada
  • Horario: De luns a venres, de 9.30 a 13.30 / Sábados, domingos e festivos: de 10.30 a 13.30
  • Prezo: Gratuíto
  • Tenda de recordos
rutas por Ferrol

EXPONAV

Separador

MUSEO DA CONSTRUCCIÓN NAVAL-EXPONAV

  • Edificio de Herrerías
    Avda. Irmandiños s/n
    Ferrol
    Tel. 981 336 027

  • Ferrol 0Km
    A Coruña 50Km
    Viveiro 87Km
    Santiago 93Km

O Museo da Construción Naval, xestionado pola Fundación Exponav, é un destino de especial interese para os escolares porque o sector naval é o principal sinal de identidade de Ferrol como cidade e o medio de vida de moitas familias de toda a contorna. A visita achéganos á evolución dos estaleiros, desde a carpintería de ribeira ata os modernos sistemas de construción, pero tamén nos permite coñecer un edificio concebido no século XVIII como forxa para o Arsenal que foi rehabilitado con gran coidado e que mantén as súas impresionantes bóvedas e as características chemineas na cuberta. Maquetas, barcos reais, ferramentas de traballo, planos… un sinfín de elementos lévannos nun percorrido por toda a historia da construción naval. Hai pezas moi especiais, como a xigantesca caderna que dá a benvida aos visitantes e, sobre todo, os restos da fragata Magdalena, afundida nas costas de Viveiro no ano 1810 e recuperada do fondo do mar a mediados dos anos 70 do pasado século.

Pronto poderemos acceder ademais a unha recreación desta embarcación a través da realidade virtual. Unha reprodución do interior dunha daquelas naves que surcaban os mares no século XVIII e outra das modernas fragatas coas que conta a Armada permiten comparar a diferencia entre a vida dos mariños dunha e outra época. Na primeira planta pódese coñecer a historia dos estaleiros da ría axudándose de todo tipo de material para facela didáctica, e tamén visitar unha chamativa exposición de faros e sinais marítimos. O museo organiza obradoiros destinados aos rapaces e rapazas sobre temas como a flotabilidade dos barcos ou a elaboración de nós mariñeiros. Os máis pequenos poderán coñecer á mascota do museo, Cormonav -un corvo mariño pirata- e participar tamén nunha actividade de busca do tesouro que sempre ten premio.

A ficha

  • Museo-Centro de Interpretación
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Física e Tecnoloxía
  • Idades: Desde Infantil ata Bacharelato
  • De martes a domingo, de 10.00 a 20.00 horas (para grupos, concertar a visita tres días antes)
  • Media xornada
  • Gratuíto para visitas escolares
  • Tenda de recordos
rutas por Ferrol

ESMELLE

Separador

ESMELLE

A parroquia de Esmelle é un dos territorios naturais máis relevantes de Ferrol. Catro regatos cruzan o val e permitiron na antigüidade a construción de 22 muíños, ademais de moitas fontes e lavadoiros que hoxe constitúen o patrimonio cultural da zona. No ano 2003, os veciños iniciaron o Proxecto Esmelle co obxectivo de rehabilitar esas edificacións derruídas e converter a zona nun lugar de referencia para turistas. Hai tres rutas de sendeirismo aptas para os escolares que poden facerse a pé ou en bicicleta, e existe a posibilidade de que os integrantes da Asociación de Veciños sexan os guías do grupo. A ruta dos muíños permite visitar todas as edificacións que noutros tempos formaban parte da vida cotiá da xente. A AVV pon a disposición das escolas unha unidade didáctica para traballar este tema nas aulas. A ruta da poza da lagoa sae de San Xoán de Esmelle e ascende por un antigo camiño militar rodeado de natureza ata chegar á Poza da Lagoa. O miradoiro de Pedrouzo, desde onde se pode contemplar toda a Costa Ártabra, é un dos seus principais atractivos.

A ruta dos sentidos é un paseo inspirado na obra Merlín e Familia de Álvaro Cunqueiro. Mestura cultura con imaxinación e pon a proba os cinco sentidos dos visitantes para que gocen ao máximo da natureza. O camiño está sinalizado con paneis que recollen fragmentos deste libro e mesmo hai unha estatua dedicada ao mago xunto ao Muíño de Otero. Na parroquia está tamén o Centro BTT Valle de Esmelle, un espazo de libre acceso onde debutantes e expertos poden practicar con tranquilidade o deporte da bicicleta de montaña mentres coñecen as riquezas paisaxísticas, naturais e culturais do lugar. Ademais, impulsa o uso da bicicleta nun contorno respectuoso co medio ambiente e é unha maneira de protexer e manter o hábitat da zona, evitando a súa degradación ambiental. O centro está xestionado polo club BTT Esmelle desde o 2013 e ten como principais actividades unha Escola Deportiva (Biciescola), o aluguer de bicicletas de montaña e a organización de rutas guiadas e de distintos eventos deportivos.

A ficha

  • Ruta de Natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física, Lingua e Literatura (Ruta dos Sentidos), Tecnoloxía
  • Idades: Terceiro ciclo de Primaria-ESO-Bacharelato
  • Ruta dos Sentidos (3 km, fácil, dúas horas)
  • Ruta da Poza das Lagoas (3 km, dif. media, dúas horas)
  • Ruta dos Muíños (6 km fácil, dúas horas e media ida)
  • A Ruta dos Muíños ten unha unidade didáctica para traballar na aula. Solicítaa no enderezo electrónico avvvalledeesmelle@gmail.com
  • Información sobre o aluguer de bicicletas no 981 36 53 90 ou en cbttvalledeesmelle@gmail.com
rutas por Ferrol