FERROL
AS MENINAS
Barrio de Canido, Ferrol
43°29’03.9”N 8°14’24.6”WFerrol 0 Km
A Coruña 54 Km
Viveiro 89 Km
Santiago 97 Km
Un dos cadros máis recoñecidos e reinterpretados da historia, as Meninas de Velázquez, é o elemento vehicular do movemento pictórico iniciado no barrio de
Canido en 2008. Nese ano, o artista ferrolán Eduardo Hermida, farto da situación de decadencia na que se encontraba a zona, comezou a pintar nas paredes dun edificio en mal estado, sen imaxinar todo o que sucedería despois.
Mediante a colaboración da veciñanza e o atractivo da iniciativa para numerosos artistas, as paredes do barrio comezaron a encherse de obras pictóricas de gran valor.
Cada ano, durante a primeira fin de semana de setembro ten lugar unha xuntanza de pintores nacionais e internacionais para continuar ampliando esta ruta de arte urbano. De feito, no 2017 deixouse un espazo para Banksy, un dos referentes do street art, e aínda que nos días marcados non se fixo ningún mural, meses máis tarde apareceu unha obra que algúns lle adxudican ao artista.
As Meninas de Canido non só son un reclamo turístico, pois as obras superan o estético e artístico, mostrando ademais un carácter de loita e reivindicación social, con murais que aluden ao feminismo, á diversidade sexual ou ao ecoloxismo. En 2018 o Consello Europeo nomeou as Meninas de Canido como un Itinerario Impresionista de Street Art.
Esta ruta amplíase cada ano con novas obras, polo que sempre hai algo diferente para ver. Este curso contemplarase o traballo realizado polos artistas participantes na edición de setembro de 2021.
A ruta pode ser unha actividade moi interesante para facer cos alumnos, dada a sinxeleza do percorrido, e ademais é posible realizar unha visita guiada. Como aliciente engadido, organízase o itinerario en diferentes idiomas.
Idades: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato
Materias: Plástica, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Educación Física, Historia do Arte
Guía: É posible facer un tour con Eduardo Hermida para grupos pequenos, pero os centros educativos tamén poden realizar un percorrido guiado, que ademais se organiza en diferentes idomas. Esta opción está dispoñible todo o ano baixo petición chamando ao número de teléfono 681 069 845.
Máis información: ferrolturismo@ferrol.es
visitferrol.com/ruta-de-las-meninas
Teléfono 981 944 272.
AUGA E NATUREZA
AQUACIENCIA
Parque Raíña Sofía, s/n 15401 Ferrol
430 28’ 53”N 80 14’ 35”WTlfo. 981 944 221
www.ferrol.es/aquaciencia
MUSEO SGHN.
Praza de Canido s/n 15401 Ferrol
430 29’ 17”N 80 14’ 8.8”WTlfo. | 881 931 315 | 698 141 384
www.sghn.org
A cidade de Ferrol ten unha importante vinculación coa auga, tanto pola súa historia naval coma pola riqueza da súa costa, con numerosas praias ou lagoas como a de Doniños, unha das maiores extensións de auga doce de Galicia.
O parque Raíña Sofía é unha área verde con diferentes especies arbóreas, bancos, unha praza, fontes, e o máis singular, pavos reais que viven en liberdade no recinto. Nel atópase Aquaciencia, un xardín didáctico sobre a auga, no que é posible coñecer os diferentes usos deste ben tran prezado á vez que os escolares poden pasar un rato de lecer.
Nos 5000 metros cadrados das instalacións, a auga é a protagonista do espazo, nun percorrido con trebellos, maquetas, xogos e paneis cos que divertirse e descubrir as diferentes utilidades da auga. Entre os elementos máis distintivos destacan unha bóla xigante que se pode mover coas mans, ou o faro, situado nun illote en medio dunha lagoa. Ademais, na web de Aquaciencia hai dispoñibles fichas temáticas sobre a auga para seguir traballando os contidos nas aulas.
No barrio de Canido atópase o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, situado nun antigo cuartel militar. Estas instalacións albergan unha importante
colección de especies vexetais, minerais e animais que proceden da doazón de particulares e da propia actividade da entidade, pero sempre sen ocasionar ningún dano á natureza, pois desenvolven un gran labor de recuperación de especies que logo son devoltas ao seu hábitat.
Contan ademais, cunha das maiores coleccións de osos de cetáceos de España, e destaca o esquelete dunha balea de 18 metros de lonxitude, exposto na sala principal.
O acceso é gratuíto, e é posible concertar visitas guiadas para o alumnado e coa pandemia están dispoñibles tamén en liña.
Idades: Infantil, Primaria, Eso e Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Matemáticas, Física, Tecnoloxía
Duración e horarios: Media xornada cada unha das visitas. Gratuíto con visitas guiadas concertadas previamente.
Aquaciencia: de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00.
SGHN: de martes a sábado de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30; domingos e festivos de 10:30 a 14:00. Luns, pechadoMáis información:
Pódense realizar visitas en liña desde a clase ao Museo da Sociedade Galega de Historia Natural reservándoas a través deste formulario de inscrición: docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSczXdyYn3Ut22d9uzl3CbF8xziHwM-ToYSW_zplcue85zTvSQ/viewform
SGHN: museo@sghn.org
DONIÑOS
Praia de Doniños
43°29’43”N 8°19’13”W
Castro de Lobadiz
43°30’30.8”N 8°19’39.3”WConcello de Ferrol Tel. 981 944 000
Ferrol 9 Km
A Coruña 62 Km
Viveiro 94 Km
Santiago 105 Km
Cunha extensión de case dous quilómetros, o areal de Doniños é un dos máis populares de Ferrol, e moi valorado polos surfistas por ser unha praia ventosa e de
forte ondada.
De carácter semiurbano, conta con dous accesos, un na zona norte, Outeiro, con aparcadoiro, un paseo, locais de hostalería e un piñeiral; e no sur, Penencia, unha área menos masificada.
Esta praia de area fina está rodeada por un sistema dunar onde se atopa ademais, unha lagoa, incluída na Rede Natura polo seu importante valor ecolóxico e paisaxístico. Cunha profundidade máxima de nove metros, esta zona conta con gran diversidade de especies vexetais e animais, onde destacan as aves migratorias. En épocas de chuvias, o mar traspasa as dunas xuntándose coa lagoa, deixando como resultado unhas marismas impresionantes.
O misticismo rodea Doniños e o seu nome, do que hai numerosas lendas. Unha delas conta que baixo a lagoa existiu unha pequena cidade chamada Valverde, que un
día foi inundada por unha onda xigante, á que só sobreviviron dous nenos, suceso que deu lugar ao nome de Doniños.
Na zona houbo asentamentos celtas, pois na área norte, máis aló do piñeiral, atópase o castro pre-romano de Lobadiz desde o que se pode contemplar todo o Golfo Ártabro, e onde tamén hai restos dunha batería militar do século XVIII. Pode chegarse en coche ou facendo algunha das rutas de sendeirismo existentes.
A historia da praia non remata aí; no 1800 as tropas inglesas baixo o mando do almirante Warren desembarcaron neste areal co obxectivo de conquistar Ferrol, pero pese á escaseza de recursos defensivos dos locais, estes conseguiron vencer ós británicos. A batalla desenvolveuse nos Montes de Brión, e cada verán conmemórase a victoria local cunha representación festiva.
Idades: Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Educación Física, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
Recomendacións: Pódese levar traxe de baño
Máis información: Ruta pola Senda Ártabra:
masrutasymenosrutinas.com/doninos-cabo-priorino
CASTELO DE SAN FELIPE
San Felipe
Ferrol
43°27’53.0”N 8°16’54.0”WFerrol 8 Km
A Coruña 60 Km
Viveiro 95 Km
Santiago 103 Km
A ría de Ferrol acolle un triángulo defensivo conformado por tres castelos, o de San Felipe, na marxe ferrolá, e enfronte, o da Palma (Mugardos) e o de San Martiño (Ares), hoxe en día desaparecido. O castelo de San Felipe é unha das construcións militares máis importantes da cidade, mandado construir por Felipe II en 1557.
A situación destas tres edificacións facía da entrada a Ferrol unha zona inexpugnable, onde ningún barco inimigo se atrevía a tentar pasar.
Ademais, para asegurar máis o territorio, San Felipe e a Palma estaban unidos por unha grosa cadea que se tensaba para evitar a entrada de barcos durante a noite.
Aínda que a construción data do século XVI, o castelo foi remodelado no século XVIII, polo que se coñece a esta edificación como un exemplo de batería abaluartada. Conta no seu deseño cunha zona de baterías de canónsdirixidos ao mar e un sistema de bastións que cubría os muros frontais para evitar os
ataques por terra. Outros dos seus atractivos son o patio interior co seu pozo e a Casa do Gobernador.
Organízanse visitas guiadas, que poden ser unha gran oportunidade para que o alumnado coñeza máis sobre o castelo, que ademais foi protagonista na Batalla de Brión, pois os ingleses quixeron conquistar sen éxito, a cidade. Nos veráns e na Semana Santa algúns destes tours son teatralizados, cos soldados que custodiaban o castelo no século XVIII.
O castelo vén de ser obxecto dunhas obras de mellora que incluíron a restauración da torre do século XIX da batería baixa, un Ben de Interese Cultural no que permanecerán abertas dúas exposicións permanentes: unha dedicada á evolución das defensas da ría e outra do propio castelo de San Felipe. Tamén se instalaron un centro de recepción aos visitantes e aseos portátiles. O acceso á fortificación pódese facer por terra ou mar. Ademais, existe un percorrido en lancha pola ría co que descubrir outras edificacións do litoral, como a base naval da Graña, os estaleiros ou o Arsenal Militar.
Idades: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Ciencias Sociais, Historia
Horarios: De 10:00 a 18:00 en temporada baixa e 10:00 a14:00 e de 16:00 a 20:00 no verán.
Máis información: Hai un parque infantil nas proximidades do castelo e acceso e zona de estacionamento para coche e autobús. Para as visitas en lancha é necesario contactar coa empresa Fernández Cabana no teléfono 620 926 958 ou en info@fernandezcabana.es
Para concertar visitas con guías oficiais da Xunta pódese chamar a Isabel (696 53 10 70) ou Xulio (661 27 55 45).
A entrada ao castelo é gratuíta.
O folleto do castelo está dispoñible para descarga en
visitferrol.com/castillo-de-san-felipe
MUSEO NAVAL
MUSEO NAVAL
Avda. Irmandiños s/n
FerrolFerrol 0Km
A Coruña 50Km
Viveiro 87Km
Santiago 93Km
O Museo Naval de Ferrol foi inaugurado en 1986, coa intención de reflectir a vinculación da cidade coa Armada. Ubícase no antigo presidio de San Campio, que forma parte do Primitivo Arsenal, proxectado no ano 1765 por Julián Sánchez Bort.
Conta entre os seus fondos con máis de 2.600 pezas relacionadas co mundo naval e marítimo, e por suposto, coa actividade da Armada. A institución xurdiu principalmente para aloxar moitas das pezas recuperadas da fragata Magdalena, que naufragou na ría de Viveiro en 1810 e onde perderon a vida unhas 500 persoas. O museo alberga algunhas partes do casco, instrumentos náuticos e armas rescatadas do seu pecio.
Os obxectos do museo trasladan aos visitantes a algúns dos momentos máis destacados da historia da Armada Española a través dos diferentes séculos. Un dos seus maiores atractivos é a extensa colección de áncoras de distintas épocas, considerada unha das mellores do mundo. Tamén son interesantes as maquetas de barcos
antigos, como as carabelas de Colón, o buque-escola Galatea ou o navío San Carlos Real de España, que comparten protagonismo con bandeiras, utensilios de navegación e cartografía, e tamén material bélico e de artillería.
As cociñas do antigo cárcere úsanse na actualidade para a recreación de esceas cotiás da vida mariñeira no século XVIII, mostrando os alimentos habituais durante a navegación ou ensinando como eran as enfermarías da época. Ademais de ser un museo que recolle a historia naval da zona, conta con algúns obxectos ben curiosos, como a medalla que Hitler concedeu ao cruceiro Canarias ou a cadeira que Franco empregaba para pescar desde o iate Azor. Para coñecelo en maior profundidade é posible facer unha visita guiada.
Idades: De Infantil a Bacharelato
Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Tecnoloxía
Horarios e duración: De martes a venres, de 9.30 a 13.30 / Sábados, domingos e festivos: de 10.30 a 13.30. Media xornada para a visita
Servizos: Tenda de recordos
EXPONAV
MUSEO DA CONSTRUCCIÓN NAVAL-EXPONAV
Edificio de Herrerías
Avda. Irmandiños s/n
Ferrol
Tel. 981 336 027Ferrol 0Km
A Coruña 50Km
Viveiro 87Km
Santiago 93Km
O museo máis importante de Europa dedicado á construción naval atópase en Ferrol. Presta especial atención ao público infantil e xuvenil, polo que constitúe unha visita imprescindible para os centros educativos, que ademais poden facelo de xeito gratuíto. Os seus guías teñen visitas adaptadas para todas as idades e mesmo obradoiros complementarios nos que aprender desde conceptos básicos de flotabilidade ata como facer os diferentes tipos de nos mariñeiros.
No seu empeño de avanzar na dixitalización, o museo conta entre as súas novidades con dúas “guiaventuras” -unha para os máis pequenos e outra para mozos e mozas ou adultos- ás que se pode acceder desde o teléfono móbil sen necesidade de descargar unha app e que permiten percorrer o museo resolvendo unha serie de pistas. É unha maneira moi divertida de fixar na mente aquilo que imos vendo no percorrido.
Que podemos encontrar na visita? A primeira, un edificio que é unha auténtica xoia, unhas antigas ferrerías da Armada situadas no Arsenal e que manteñen a súa estrutura orixinal do século XVIII cun traballo de rehabilitación impecable. Pero, atravesando unha caderna xigantesca que nos mostra o que son as costelas dun barco, hai moito máis: dúas pezas do casco da fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro no 1810; dúas cámaras que mostran o interior dunha nave do século XVIII e dunha fragata moderna; a reprodución dunha antiga ferrería co oficial, o mestre e o aprendiz; unha talladora coa que se facían hai unhas décadas os modelos a escala de diferentes embarcacións; multitude de maquetas e barcos reais; unha exposición de faros; outra que reflicte a evolución da construción naval na ría… sen esquecer a multitude de útiles e obxectos relacionados coa carpintería de ribeira ou a construción naval máis recente. Ata hai autómatas cos que comprobar como funcionan as cadernas dun barco ou como se comporta un buque no medio das ondas.
Idades: Desde Infantil ata Bacharelato
Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Física e Tecnoloxía
Horarios: Martes a Venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00; Sábados de 10.00 a 20.00 e Domingos de 10.00 a 15.00 (as visitas de grupos e obradoiros hai que concertalas con anterioridade no teléfono 981 359 682 ou en exponav@exponav.org). Duración: Media xornada. Gratuíto para visitas escolares
Servizos: Posibilidade de organizar obradoiros adaptados ás idades dos grupos/ Tenda de recordos
Máis información: www.exponav.org
ESMELLE
ESMELLE
Local social de Esmelle
15594 FerrolTlfo 605 932 677
facebook.com/valledeesmelle/
avvvalledeesmelle@gmail.comFerrol 8Km
A Coruña 57Km
Viveiro 88Km
Santiago 100Km
De gran atractivo natural, Esmelle é un val cun enorme patrimonio etnográfico. No ano 2003 e grazas á veciñanza púxose en marcha o Proxecto Esmelle, coa fin de revalorizar e recuperar a zona mediante a restauración dos muíños e a conservación do bosque autóctono.
Esta parroquia conta con diferentes rutas de sendeirisimo que é posible facer co alumnado camiñando ou en bicicleta. Pódese solicitar que algún membro da Asociación de Veciños sexa o guía do grupo. Ademais, estes dispoñen de unidades didácticas para que se poida continuar traballando sobre o tema nas aulas.
Por este val pasan catro pequenos ríos entorno ós que se sitúan un total de 22 muíños, fontes e lavadoiros. A Ruta dos Muíños permite visitar estas edificacións, que no pasado foron un elemento esencial da vida cotiá. Actualmente, e grazas á veciñanza, varias das aceas están restauradas.
A Ruta dos Sentidos é outra das andainas que se poden facer por Esmelle. Está inspirada no libro Merlín e Familia do escritor Álvaro Cunqueiro. No percorrido, ademais de paneis con fragmentos da obra, atópase o muíño de Otero, no que hai unha estatua adicada ao mago. Neste traxecto búscase gozar mediante o uso dos sentidos e a imaxinación nun entorno natural máxico.
A Ruta da Poza da Lagoa comeza en San Xoán de Esmelle e continúa por un antigo camiño castrense actualmente abandonado ata a Poza da Lagoa. Na parte final do itinerario é posible achegarse ata o miradoiro do Pedrouzo, no que se atopa un antigo búnker militar empregado para vixiar o tránsito marítimo.
Ademais de plans de natureza, nesta parroquia está o Centro BTT Valle de Esmelle, no que principiantes e expertos poden desfrutar da bicicleta de montaña á vez que descobren os atractivos naturais de zona. Promoven a realización de deporte respectuoso coa contorna e a protección do hábitat. O centro, xestionado desde 2013 polo club BTT Esmelle, conta cunha Escola Deportiva (Biciescola), aluga bicicletas de montaña e tamén realiza rutas guiadas e eventos deportivos.
Idades: Terceiro ciclo de Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Bioloxía, Ciencias Naturais, Xeografía e Historia, Lingua e Literatura, Educación Física
Duración: Ruta Muíños: entre dúas e tres horas, 6km, fácil
Ruta dos Sentidos: sobre dúas horas, 3km, fácil
Ruta da Poza da Lagoa: sobre dúas horas, 3km, dificultade mediaMáis info: A Ruta dos Muíños ten unha unidade didáctica para traballar na aula. Solicítaa no enderezo electrónico avvvalledeesmelle@gmail.com
Información sobre o aluguer de bicicletas no 646 109 150 ou en cbttvalledeesmelle@gmail.com
BATERÍAS DE COSTA
Ligazón de descarga para a guía informativa:
www.observersciencetourism.com/upload/documents/c1de093a777e819bfd9a20956f16687e.pdfFerrol 8Km
A Coruña 60Km
Viveiro 95Km
Santiago 103Km
O Concello de Ferrol vén de incorporar á súa rica oferta turística unha ruta polas súas baterías militares. Trátase dun percorrido por nove puntos da costa ferrolá nos que ao longo da historia foron instalándose defensas coas que protexer aínda máis unha ría que polas súas condicións naturais era practicamente inexpugnable.
No século XVI levantáronse as primeiras: tres fortalezas situadas a ámbolos dous lados da ría. San Felipe (ver a páxina seguinte), San Martín e A Palma estaban preparadas para atacar con fogo cruzado aos barcos inimigos, pero non foi ata o século XVIII cando empezou a completarse o equipamento mellorando as características do primeiro destes castelos e proxectando as baterías de Doniños, Prioriño Chico, Viñas, Cariño, San Cristobo e San Carlos. Estas entran en acción a comezos do XIX e xogan un papel importante contra a invasión inglesa que xa relatamos noutras páxinas da publicación. Principiado o século XX equípanse co armamento máis moderno, destacando os famosos canóns Vickers, cos que se podían disparar proxectís de 800 quilos e unha serie de baterías antiaéreas que foron desmanteladas nos anos 90.
Unha excursión escolar por estas baterías, que contan con paneis explicativos de cada unha delas, ten un innegable atractivo para os estudantes. Facer o percorrido entre San Felipe e San Cristobo supón camiñar uns 8 quilómetros ida e volta, pero pódese chegar en coche ata calquera delas. A de Punta Viñas foi reconstruída pola Autoridade Portuaria e ao seu carón atópanse o Centro de Interpretación de Cabo Prioriño e a batería de Prioriño Chico. Menos aconsellable é visitar con nenos/as as de Prior e Monte Ventoso, porque teñen algunhas zonas perigosas.
Como aliciente engadido están as calas e praias próximas e non se poden esquecer os prismáticos para observar as illas Gabeiras e as aves da zona, entre as que destacan os corvos mariños.
Idades: Últimos cursos da ESO e Bacharelato
Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Educación Física
Máis información: Plataforma virtual con guía e vídeos en www.observersciencetourism.com/es/destino/baterias-militares-de-ferrol-a-coruna