O proxecto Terra de Vida impulsado este ano polo Concello de San Sadurniño en colaboración coa Cooperativa Rexenerando organiza o 28 de outubro pola mañá unobradoiro para descubrirmos os recursos ambientais e agroecolóxicos da zona da Cortiña, ademais da riqueza verde e histórica que atesouran os xardíns municipais. Trátase dun itinerario ambiental concibido como un xogo no que as familias con rapazada terán a oportunidade de mergullarse na paisaxe a través dos cinco sentidos. Para participar nesta viaxe polos espazos verdes de San Sadurniño fai falla inscribirse no 604 033 515 -de 8:30 a 14:30h- ou enviar un correo a paola@rexenerando.com. O prezo: 6€ rapazada ata 14 anos e 9€ as persoas maiores desa idade.
O percorrido inclúe a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, onde se atopan centos de variedades de froita do país; o arboreto da Cortiña, que reproduce a escala os distintos tipos de bosque autóctono existentes en Galicia; o colmear didáctico, onde se pode ver a certa distancia como traballan as abellas; a marabillosa Fraga Máxica poboada por animais e seres fabulosos; a estatua da Deusa Navia, única en Galicia, que representa a patroa do tránsito ao Alén, das fontes e da fertilidade (disque Santa Mariña é o trasunto desta deidade precristiá); e, por suposto, o propio paseo fluvial, que atesoura unha grande riqueza en flora e fauna.
Moi preto do río e da Cortiña tamén se encontra o conxunto formado polo pazo e os xardíns municipais, outro dos grandes recursos paisaxísticos e culturais cos que conta San Sadurniño, ademais de ser testemuño dunha longa historia e unha chea de historias curiosas que se irán lembrando durante o obradoiro.