O Concello de Narón organiza este sábado, día 18, unha nova edición da Festa do Apego, dirixida a menores de 0 a 6 anos e as súas familias e que terá lugar no parque do río Freixeiro con diferentes actividades, todas elas gratuítas.
O grupo Mamá Cabra abrirá o programa cos obradoiros «Arrolos», que teñen como obxectivo familiarizar aos nenos e nenas coa música desde ben pequenos e que se realizarán en dúas sesións, ás 12.00 e ás 17.00 horas.
Xarope Tulú levará a Narón o espectáulo «Arrieira», ás 13.00 e ás 18.00 horas, cunha narradora e un músico que farán viaxar aos asistentes a través do conto tradicional.
E xa por último, ás 19.00 horas, Pakolas presentará «Rockeando con Ramona Órbita», baseado na historia dunha labrega do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas e ten tamén unha máquina do tempo, o seu mellor invento.