ESMELLE

Separador

VAL DE ESMELLE

A parroquia de Esmelle é unha das máis importantes zonas naturais de Ferrol. Desde o ano 2003, a súa asociación de veciños desenvolve un proxecto de posta en valor do seu patrimonio material e inmaterial que está a facer de Esmelle un lugar de referencia para os afeccionados ao sendeirismo ou a bicicleta, entre outras actividades.
Existen tres rutas moi axeitadas para unha excursión escolar xa que ao percorrido polas súas fermosas paisaxes se engade unha importante compoñente didáctica. A denominada RUTA DOS SENTIDOS atravesa o que Álvaro Cunqueiro chamou “selva de Esmelle”. Polo camiño atópanse unha serie de paneis que recollen fragmentos da súa obra “Merlín e familia” e mesmo hai unha estatua dedicada ao mago xunto ao Muíño de Otero.

A RUTA DA POZA DAS LAGOAS percorre montes, prados e regatos ata chegar ao mar e continúa ata o miradoiro de Pedrouzo, desde onde se pode contemplar a espectacular paisaxe da Costa Ártabra.

A RUTA DOS MUÍÑOS DE ESMELLE inclúe 22 destas edificacións, situadas na beira dos ríos Roxedoiro, Saído, Migues e San Xurxo. Catro destes muíños e unha fonte foron rehabilitados polos veciños e son excelentes exemplos para explicar aos escolares a importante función que cumprían na economía agrícola da zona. O profesorado pode solicitar á asociación unha UNIDADE DIDÁCTICA para traballar este tema na aula.
En Esmelle hai tamén empresas de lecer e deporte coas que se pode contactar para aproveitar a excursión a esta parroquia.

A ficha

  • Rutas de natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física, Lingua e Literatura (Ruta dos Sentidos), Tecnoloxía
  • Idades: Quinto e sexto de Primaria-ESO-Bacharelato
  • Ruta dos Sentidos (3 km, fácil, dúas horas)
    Ruta da Poza das Lagoas (3 km, dif. media, dúas horas)
    Ruta dos Muíños (6 km fácil, dúas horas e media ida)
  • A Ruta dos Muíños ten unha unidade didáctica para traballar na aula que se pode solicitar á entidade
  • Proxecto educativo sobre “A auga na contorna de Tui”: pincha aquí
  • Proxecto educativo en torno á auga e ós ríos do CEIP Agro do Muíño, de Ames: pincha aquí
  • Programa de voluntariado ambiental en torno aos ríos para escolas do medio rural de Cantabria: pincha aquí
rutas por Ferrol