Afundación vén de celebrar esta semana no colexio As Mirandas de Pontedeume e no instituto Saturnino Montojo de Ferrol senllas sesións do seu programa interxeracional «Fálame da emigración». Foron dúas reunións nas que oito maiores, todos eles emigrantes retornados, contaron aos nenos e mozos cales foron as súas motivacións para marchar ao extranxeiro, as dificultades que atoparon, o contraste entre o que eles viviron e a inmigración actual a Galicia…

Estes faladoiros entre vellos e rapaces é parte dun interesante proxecto desenvolvido por Afundación, no que atopamos unha compoñente didáctica moi importante. Na páxina web falamedaemigracion.afundacion.org os profesores poden atopar un material didáctico moi completo para traballar na aula, con alumnos de diferentes niveis, e reflexionar e aprender a través do que significou a emigración na historia de Galicia.

Na revista DeExcursión hai unha ruta que enlaza directamente co estudo da emigración. Trátase do percorrido por Redes, pertencente ao Concello de Ares, onde hai unha evidente pegada da arquitectura indiana. Os indianos foron galegos que emigraron a lugares como Cuba ou Arxentina, fuxindo dunha situación de pobreza. Despois conseguiron medrar e facer fortuna, o que lles posibilitou exercer a filantropía coa súa terra de orixe desde ultramar, e mesmo voltar, xa en situación acomodada.

O percorrido por Redes

Eses indianos foron responsables da construción de moitas escolas que contribuíron a sacar a Galicia do seu atraso educativo. Entre elas está A Tenencia, en Redes, que no ano 2011 celebrou o seu centenario e que actualmente acolle á Agrupación Instrutiva de Caamouco. Nesta entidade bríndanse a guiar as visitas de grupos polo porto e as estreitas rúas de Redes. Alí, os alumnos poden descubrir a Casa de Concha Amado, a de Paco Bello e outras edificacións de indianos, caracterizadas polo seu gran tamaño, o seu estilo, a miúdo modernista, e cores e adornos que contrastaron na súa época, e tamén o seguen a facer agora, coas construcións populares. Nesta ligazón da web da agrupación de Caamouco podedes atopar información sobre a historia desta escola.

Na revista de estudos eumesa Cátedra tamén hai varios artigos que poden ser de interese para traballar na aula sobre os indianos e a súa pegada na comarca. No número 8, publicado en 2001, hai un de Marina Cabada González, sobre esta arquitectura nas rúas de Ferrol e Ares.

No número 17, de 2010, hai un traballo sobre a escola indiana de Mugardos, de Juan A. Carneiro, e outro sobre a Alianza Aresana, de Henrique Dacosta.

Na ruta por Redes podemos aprender tamén outras cousas relacionadas coas artes tradicionais de pesca e en particular da cabria, onde os mariñeiros colgas as rúas redes a secar.

Para organizar unha excursión a Redes e escoitar a súa historia directamente da voz dun dos socios da Agrupación Instrutiva de Caamouco hai que chamar ao número 680 161 929.