A escola é un lugar preocupado polo coidado do medio ambiente. O profesorado traballa desde hai moitos anos para concienciar aos pequenos, e a través deles a toda a sociedade, da importancia de protexer o planeta. E neste eido, a xestión dos residuos é una cuestión capital! No municipio das Pontes está a ECOescola das Campeiras, un centro creado especificamente para aprender a pequenos e maiores sobre que hai que facer cos refugallos e cales son os efectos nefastos de botalos sen máis á natureza.

A ECOescola está nas Campeiras, nun edificio que foi orixinalmente unha escola rural. Alí vive «Refu», a simpática mascota feita de residuos que capta sempre o interese dos nenos. A técnica responsable de organizar as visitas, Xela Rodríguez Leira, cóntanos a recente visita do grupo de terceiro de Primaria do colexio pontés de Santa María. A asegúranos que na hora e media que durou a visita, aos 23 nenos e nenas do centro quedoulles claro que non hai que tirar os residuos ás toas.

Segundo conta Xela Rodríguez, aos escolares normalmente chámalles moito a atención os datos concretos que lles aporta. Como por exemplo, que con un litro de aceite usado poden chegar a contaminarse 1.000 litros de auga, ou que unha botella de plástico pode tardar 700 anos en descomponerse na natureza. A técnica ocúpase de explicarlles a importancia das famosas 3R -reduce, reutiliza e recicla- e ponlles uns vídeos, de catro ou cinco minutos, que sempre conseguen captar o seu interese.

A visita adecúase ás idades e particularidades de cada grupo, de maneira que se poden facer diferentes obradoiros e xogos. No caso dos alumnos e alumnas do CEIP Santa María de As Pontes, Xela Rodríguez propuxo un exercicio: tirar os refugallos do almorzo desa mañá no colector axeitado. A ECOescola ten no seu patio exterior un de cada cor, e tamén dentro, no interior, unhas caixas para facer este xogo cando chove, como foi o caso. A ocasión, conta a técnica con humor, serviu tamén de paso para recomendarlles aos pequenos que fuxan dos produtos procesados e que inxiran froita e alimentos saudables. «So unha nena traía as mondas dunha mandarina!», di.

A ECOescola é una das novidades que aparece na segunda edición da revista DeExcursión –neste enlace tedes as rutas das Pontes– e desde aquí recomendamos vivamente a visita. Na web http://www.auladareciclaxe.es/ tedes cumprida información e os datos de contacto para concertar a cita coa técnica, que conecta moi ben coa cativada e que fai o percorrido moi participativo e divertido.

Feria de Fungos

O centro didáctico das Campeiras tomou parte activa na última Feira de Fungos e Cogomelos das Pontes, un dos eventos máis importantes do municipio. A ECOescola puxo unha carpa e levou xogos e materiais para que tanto persoas maiores como nenos e nenas tiveran unha aproximación lúdica ao tema da xestión de residuos e tomasen conciencia. A iniciativa tivo moi boa acollida e contribuiu a que «Refu» se fixese máis coñecido!