CERDIDO

Separador

LECER EN PLENA NATUREZA

  • Ruta do río Pontellas
    43°37’23.0”N 7°58’39.1”W
    Fraga dos Casás
    43°35’53.2”N 7°54’33.2”W

  • Concello Tlf.: 981 410 000

  • Ferrol 39 Km
    A Coruña 78 Km
    Viveiro 58 Km
    Santiago 122 Km

O concello de Cerdido conta cun dos mellores lugares para unha excursión escolar, a área recreativa do Castro. Este lugar, situado sobre a acrópole (Croa) do antigo castro de Cerdido, ten unhas magníficas instalacións e constitúe a última parada do roteiro do río Pontellas, unha ruta de case dous quilómetros de lonxitude coa que somerxerse na natureza durante 45 minutos. O percorrido está rodeado de especies de ribeira como bidueiros, carballos, castiñeiros, abeleiras e ameneiros. O inicio do percorrido atópase no Muíño de Máximo, aínda sen rehabilitar e de titularidade privada. Ao longo da ruta podemos ver tamén outras construcións fariñeiras e unha pequena central eléctrica. Ademais, atoparemos pontes de pedra que permiten cruzar o río sen dificultade e engaden ao itinerario un valor etnográfico único. O traxecto remata no lugar do Castro, un antigo poboado da Idade de Ferro que aínda conserva as murallas e o foso.

Xa na área recreativa do Castro podemos descansar e relaxarnos grazas ao seu contorno, que é perfecto para pasar unha xornada de lecer ou mesmo para xantar. Conta con mesas, un parque infantil, unha pista polideportiva e incluso con piscina climatizada, que está aberta sempre excepto nos meses de decembro a marzo. Non podemos esquecer visitar a Fraga dos Casás, un dos últimos bosques atlánticos virxes que quedan na zona e onde podemos apreciar unha gran variedade de aves e especies vexetais. É recomendable visitar tamén as foias do carbón, que son as vellas carboeiras vexetais, e as covas dos ourizos, nas que se almacenaban as castañas para evitar que as comeran os animais. Na mesma parroquia dos Casás atopamos o Museo de Maquinaria Agrícola Antiga, unha iniciativa da Asociación de Restauración Amigos dos Casás para dar a coñecer as tarefas que se desenvolvían no campo ou os utensilios que se empregaban.

A ficha

  • Ruta de Natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Naturais, Bioloxía, Educación, Física, Ciencias Sociais, Historia
  • Idades: A ruta das Pontellas e a da fraga dos Casás recoméndase para segundo ciclo de Primaria, ESO e Bacharelato. A área recreativa do Castro é apta para todas as idades
  • Prezos: Gratuíto agás o uso da piscina, na que o baño libre custa 3 euros por neno e hora (consultar posibles cambios no concello: 981 41 10 00). A piscina da área recreativa do Castro permanece pechada nos meses de decembro a marzo
  • Pódese chegar ata Cerdido no tren da costa, para máis información consultar a web www.renfe.com
  • Para acceder ás inmediacións da área recreativa do Castro pódese ir en coche, autobús ou a pé
rutas por Ferrol