CERDIDO

Separador

LECER EN PLENA NATUREZA

  • Ruta do río Pontellas
    43°37’23.0”N 7°58’39.1”W
    Fraga dos Casás
    43°35’53.2”N 7°54’33.2”W

  • Concello Tlf.: 981 410 000

  • Ferrol 39 Km
    A Coruña 78 Km
    Viveiro 58 Km
    Santiago 122 Km

Unha excursión a Cerdido permite viaxar no tempo ata a prehistoria, gozar de paisaxes autóctonas perfectamente conservadas e organizar actividades de lecer moi axeitadas para unha saída escolar.

Neste concello do interior da comarca de Ortegal atópase a área recreativa do Castro, situada sobre a croa do antigo castro de Cerdido, no que se achou un torques de ouro dunha tipoloxía pouco habitual e moi semellante aos aparecidos en Irlanda. Este espazo conta cunhas instalacións moi completas, con piscina climatizada que abre todo o ano (excepto de decembro a marzo), vestiarios, un parque infantil e unha pista polideportiva ao aire libre. Tamén hai mesas, bancos e grellas para facer un xantar en medio do piñeiral. Atópase nesta mesma zona a antiga escola, actual Centro Social e Cultural no que hai unha cafetería e onde se poden practicar xogos de mesa.

Esta área recreativa é a última parada da ruta do río Pontellas, un percorrido de case dous quilómetros entre bidueiros, carballos, castiñeiros, abeleiras e ameneiros. A andaina comeza no Muíño de Máximo, sen restaurar e de titularidade privada, e continúa por un camiño no que se atopan outras aceas e unha central eléctrica. O itinerario remata no lugar do Castro, un asentamento da Idade de Ferro do que se conservan as murallas e o foso.

A Fraga dos Casás é un dos poucos bosques atlánticos virxes que quedan na zona e no que hai gran diversidade de flora e fauna autóctona que converten este espazo
nunha auténtica xoia. Tamén é interesante descubrir as ouriceiras, unhas construcións de pedra nas que se gardaban as castañas para mantelas a salvo dos animais. Na fraga é posible visitar asimismo as foias do carbón, antigas carboeiras vexeitais á beira do Mera.

Na mesma parroquia está o Museo de Maquinaria Agrícola Antiga, unha iniciativa da Asociación de Restauración Amigos dos Casás que busca mostrar as tarefas e as ferramentas que se usaban tradicionalmente no campo.

  • Idades: Ruta de Pontellas, para quinto e sexto de Primaria, ESO e Bacharelato. A área recreativa do Castro, para todas as idades

  • Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Educación Física, CienciasSociais, Xeografía e Historia

  • Prezo: Gratuíto agás o uso da piscina, na que o baño libre custa 3 euros por neno e hora (consultar posibles cambios no concello: 981 411 000). A piscina da área recreativa do Castro permanece pechada nos meses de decembro a marzo

  • Máis información: Pódese chegar ata Cerdido no tren da costa; consultar a web www.renfe.com Para acceder ás inmediacións da área recreativa do Castro pódese ir en coche, autobús ou a pé.

rutas por Ferrol