CERDIDO

LECER EN PLENA NATUREZA
Ruta do río Pontellas 43°37’23.0”N 7°58’39.1”W
Fraga dos Casás 43°35’53.2”N 7°54’33.2”W
Tel. 981 410 000 www.cerdido.org
Ferrol 39 Km
A Coruña 78 Km
Viveiro 58 Km
Santiago 122 Km

Unha visita escolar ao pequeno concello de Cerdido pode dar para moito grazas á boa oferta de espazos de interese educativo e orientados ao lecer infantil dos que dispón.
A contorna natural da localidade é perfecta para organizar un día de sendeirismo. Unha das rutas que se pode escoller é a do río Pontellas, un percorrido de dous quilómetros no que se poden admirar diversas especies de árbores autóctonas como bidueiros, carballos, castiñeiros, abeleiras e ameneiros. Ao longo do camiño tamén se atopan varios muíños, unha pequena central eléctrica e as antigas pontellas que lle dan nome ao río.
O itinerario remata no lugar do Castro, onde existe un xacemento arqueolóxico dun poboado castrexo que data da Idade de Ferro. Arredor da zona do castro construíuse unha área recreativa cunha ampla oferta de servizos. O recinto conta cunha piscina climatizada, que abre de marzo a novembro e ten vestiarios a disposición dos usuarios; un parque infantil e unha pista polideportiva ao aire libre. Ademais disto hai varias grellas e mesas con bancos que se poden aproveitar para organizar un xantar no medio da natureza. Na zona atópase o edificio da antiga escola que os emigrantes do concello construíron no 1932, de arquitectura indiana. A día de hoxe funciona como Centro Social e Cultural e conta cunha cafetería na que se pode pasar o tempo con xogos de mesa.
Outro enclave natural de gran atractivo é a Fraga dos Casás, un dos poucos bosques atlánticos virxes que existen na zona, onde habita unha gran diversidade de flora e fauna autóctona. Neste lugar pódense descubrir as ouriceiras, unhas construcións de pedra nas que antigamente se gardaban as castañas para protexelas dos animais; e restos da Foia do Carbón, onde se conservan antigas carboeiras vexetais.
Na parroquia dos Casás tamén se atopa o Museo de Maquinaria Agrícola Antiga, un espazo no que os escolares poden coñecer as tarefas e ferramentas que se usaban tradicionalmente para traballar o campo.


Idade: A ruta das Pontellas e a da fraga dos Casás recoméndase para quinto e sexto de Primaria, ESO e Bacharelato. A área recreativa do Castro é apta para todas as idades
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía, Educación Física, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
Máis información: Teléfono de contacto 630 871 602 . Para acceder ás inmediacións da área recreativa do Castro pódese ir
en coche, autobús ou a pé.Prezo: Gratuíto agás o uso da piscina, na que o baño libre custa 3 euros por neno e hora (consultar posibles cambios no concello:
981 411 000). A piscina da área recreativa do Castro permanece pechada nos meses de decembro a marzo
