CEDEIRA

Separador

A VILA

  • 43°39’39.1”N 8°03’14.0”W

  • Oficina de turismo. Palacete Municipal.
    Avda. de Castelao s/n.
    Tlfo. 981 482 187

    turismo.cedeira.gal
    mar.lopez@cedeira.es

  • Ferrol 34 Km
    A Coruña 80 Km
    Viveiro 61 Km
    Santiago 123 Km

A vila de Cedeira ten unha longa tradición mariñeira e unha gran historia na súa arquitectura. Paseando polo casco histórico podemos atopar edificacións da Idade Media que aínda conservan escudos da época nas súas fachadas ou mesmo as típicas casas galegas dos pobos mariñeiros coas súas galerías. Outro recuncho do pobo para camiñar é o Paseo Fluvial da Xunqueira, onde podemos atopar especies animais como cisnes e gansos que viven en liberdade no recinto. Este lugar é perfecto para gozar e descansar e conta cunha zona de xogos para os máis pequenos. Percorrendo a vila podemos atopar tamén outros parques infantís. De feito, os máis concorridos son os da praza Roxa e o que está máis próximo á praia da Madalena.

Moi cerca do centro da vila atópase o Castelo da Concepción, unha fortaleza defensiva do século XVIII construída polos propios veciños despois dunha batalla con Inglaterra que os advertiu da necesidade de se protexer. Hoxe en día é considerado un estupendo miradoiro de toda a Ría de Cedeira. Ademais, ten un museo no seu interior e un centro de interpretación que está aberto ao público. Outros dous destinos que os escolares non poden perder na súa visita a Cedeira son o Faro de Punta Candieira e a Ermida de San Antón de Corveiro. Nestes lugares os nenos e nenas poden gozar dunhas vistas incribles da ría e ao mesmo tempo aprender sobre a utilidade dos faros ou as características da arquitectura local.

A ficha

  • Ruta Urbana
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Educación Física
  • Idades: Primaria e ESO
  • Gratuíto
  • Horario de visita ao castelo da Concepción: Martes a venres: de 11.00h a 14.00h Sábado e domingo: de 17.00h a 20.00h (consultar cambios na oficina de Turismo)
rutas por Ferrol

O MAR

Debido á súa extensa tradición mariñeira, moitas das actividades que os escolares poden realizar na vila están relacionadas co mar, que é, sen dúbida, o símbolo de Cedeira. A lonxa permite a grupos escolares a súa visita. Desta forma, os nenos e nenas poden ver e coñecer o seu funcionamento, o proceso de etiquetado, a venda ao público ou as diferentes técnicas de pesca que se empregan a día de hoxe. Para ir é necesario falar previamente coa confraría (Tlfo. 981 48 03 89). O Museo Mares de Cedeira é outro dos lugares de visita obrigada. Naceu no ano 2016 co obxectivo de conservar e poñer en valor a historia dun pobo ligado ao mar nun momento no que os seus costumes están a caer no esquecemento. No seu interior podemos atopar embarcacións, diferentes aparellos de pesca, fotos, etc.

Consérvanse, ademais, pezas únicas como os restos dun buque que estivo presente no desembarco de Normandía ou fósiles e vértebras de antigos cetáceos. Podemos atopar tamén maquetas que recrean en miniatura as doce fábricas de salgadura e de conserva que tivo Cedeira e os barcos de pesca que formaron parte da flota. Un dos maiores tesouros do museo é a colección de malacoloxía depositada por Manuel Suárez. Contén un total de 5.091 cunchas que pertencen a bivalvos e gasterópodos de todo o mundo. O museo pasa xa dos 11.000 visitantes e, de feito, meses despois da súa apertura, a Xunta de Galicia concedeulle a consideración de “colección visitable”.

A ficha

rutas por Ferrol

UN PASEO POLA HISTORIA

  • Oficina de Turismo
    Palacete Municipal
    Avenida de Castelao s/n
    Tel. 981 482 187
    43°39’36.3”N 8°04’30.8”W

  • Oficina de turismo. Palacete Municipal.
    Avda. de Castelao s/n.
    Tlfo. 981 482 187

    turismo.cedeira.gal
    mar.lopez@cedeira.es

  • Ferrol 38 Km
    A Coruña 83 Km
    Viveiro 64 Km
    Santiago 127 Km

O xacemento arqueolóxico de Punta Sarridal é un poboado castrexo da Idade de Ferro escavado no ano 2017. Ocupa a maior parte da península e está protexido por fosos e murallas na parte máis próxima á terra. A súa ocupación esténdese desde o século V a.C. ata os séculos I e II d.C. As escavacións deixaron ao descuberto fragmentos de louza e muros primitivos, pero o máis interesante que se atopou foi unha sauna castrexa de vapor. É a quinta que se localiza en Galicia pero a máis antiga ata o de agora. Desta construción chama a atención a disposición das estancias, a conservación da zona lousada que dá acceso á cámara, á antecámara e ao forno, e a presenza no chan dos restos dunha columna que puido servir como soporte dalgunha edificación anexa á principal.

Pódese chegar a pé ou en autobús. De facelo camiñando, teremos que subir polas escaleiras situadas ao final do porto pesqueiro, ao lado do castelo da Concepción, e no caso de ir en autobús haberá que coller o camiño de San Antón. Nas inmediacións do Castro hai un extenso aparcadoiro e no extremo da Punta Sarridal atópase un fantástico miradoiro sobre a ría de Cedeira. Nas proximidades está a praia das Sonreiras, que é un dos lugares naturais máis fermosos desta zona. Trátase dun pequeno areal de augas cristalinas cunha espectacular paisaxe na súa contorna. Atópase nas inmediacións das antigas cetarias utilizadas para o crecemento do marisco e está moi próxima ao faro que orienta aos barcos nas súas entradas e saídas da ría. Accédese a ela descendendo por unhas escaleiras de 150 chanzos e pódese chegar a pé ou en coche ata o lugar.

A ficha

  • Ruta patrimonial e de natureza
  • Materias relacionadas: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais
  • Idades: Infantil , Primaria, ESO e Bacharelato
  • Prezo: Gratuíto
  • Suxestión: Bo espazo para almorzar na natureza
rutas por Ferrol

SERRA DA CAPELADA E SAN ANDRÉS DE TEIXIDO

  • Tel. 981 482 187
    43°42’32.6”N 7°59’02.1”W

  • Oficina de turismo. Palacete Municipal. Avda. de Castelao s/n.
    Tlfo. 981 482 187
    mar.lopez@cedeira.es

  • Ferrol 46 Km
    A Coruña 92 Km
    Viveiro 66 Km
    Santiago 135 Km

A Serra da Capelada pertence aos concellos de Cedeira, Cariño e Ortigueira. Constitúe un lugar de importancia natural cun gran valor xeolóxico e, debido a iso, organízanse rutas guiadas polos lugares de maior interese baixo o nome de Xeorutas. Estas excursións, que se fan tamén por outros lugares do municipio, só teñen lugar en época de vacacións. A garita de Herbeira é unha construción de 1805 situada sobre os cantís máis altos de Europa, que teñen unha caída vertical de máis de 600 metros e se localizan na mesma serra. Conta cunhas vistas impresionantes dun contorno totalmente salvaxe.

Moi preto atopamos o Santuario de San Andrés de Teixido, o segundo punto de peregrinación máis importante en Galicia despois de Santiago de Compostela. É un pobo con moito encanto, rodeado de misterios e protagonista de moitas lendas. Unha das máis antigas di que “vai de morto quen non foi de vivo”, é dicir, os que non visitaron a ermida en vida, vense obrigados a facelo reencarnados nun animal. Por iso é moi importante ter coidado de non pisalos se vemos algún durante o percorrido. Este pequeno pobo está tamén cheo de tradicións. É moi típico, por exemplo, facer un ramo cunha vara de abeleira, unha pola de teixo e herba de namorar (propia da zona), ou mesmo mercar os amuletos coñecidos como “sanandresiños”, as famosas rosquillas ou calquera outro tipo de recordo.

A ficha

rutas por Ferrol