Imaxe do santuario de Teixido

O Concello de Cedeira ten unha especial relación co mar, unha parte fundamental da súa economía. E conta con moitos recursos que ofrecer para unha visita escolar. Esta é unha interesante opción agora que chega a primavera e con ela o momento de saír das aulas. Para programar excursións, cumpre empezar polo que nos queda máis cerca.

Para comezar está a propia vila, cun casco vello ben fermoso, parques infantís, unha praia urbana e ata un castelo. E, como non, o Museo Mares, que ten o recoñecemento de «colección visitable» por parte da Xunta. Nel amósanse embarcacións tradicionais,  maquetas e pezas procedentes de antigas fábricas de salgadura e conserva. Tamén hai diferentes útiles de pesca, ademais dunha exposición de cunchas e outra de crustáceos mariños.

Na visita é interesante incluír a lonxa da Confraría de Pescadores. É unha das máis importantes da provincia e nela pódense ver todo tipo de peixes e mariscos. Tamén os percebes que lle dan sona á vila. A confraría abre desde hai uns meses en horario de mañá e tarde.

Cedeira e Teixido

Pero Cedeira destaca tamén por ter unha das rutas de peregrinación máis importantes de Galicia, a de Santo André de Teixido. Trátase dun espectacular santuario ao que, segundo a lenda, «vai de morto o que non vai de vivo». A herba de namorar, os sanandresiños, a fonte dos tres canos… todo neste lugar remite á maxia e á mitoloxía galega. Que mellor lugar para que a aprendan os nenos e nenas!

E non hai que esquecer que a Teixido se chega pola serra da Capelada. Trátase dun paradisíaco lugar onde viven vacas e cabalos en liberdade e onde se atopan os cantís máis altos da Europa Atlántica. No alto hai bancos onde poder compartir un almorzo ou unha merenda mentres se contemplan o mar e os animais que fan a súa vida sen se preocupar da presenza dos humanos..

Cedeira é un lugar excepcional para aprender sobre Ciencias Sociais e Naturais e un dos máis bonitos pobos de Galicia que merece a pena visitar (tedes máis nformación aquí).