CEDEIRA

A VILA
Oficina de Turismo: Palacete Municipal
Avenida de Castelao s/n Tel. 981 482 187Tlfo: 981 18 00 00
turismo.cedeira.galmar.lopez@cedeira.es
Ferrol 34 Km
A Coruña 80 Km
Viveiro 61 Km
Santiago 123 Km

Cedeira é unha vila historicamente vinculada ao mar. O seu propio nome procede do latín cetarea, que fai referencia ás especies mariñas. A súa proximidade á ría impulsou a tradición pesqueira que caracterizou á localidade desde o seu nacemento. A pegada mariñeira é visible no casco histórico cedeirés, no que se poden ver as típicas casas galegas dos pobos mariñeiros.
A pesar do pequeno tamaño da vila, Cedeira conta con moitos espazos para que os rapaces e rapazas fagan actividades ao aire libre que se poden aproveitar nunha xornada de excursión. O concello apostou nos últimos anos pola instalación de infraestruturas deportivas a ceo aberto e de uso libre. Preto da zona do instituto construíuse un “pump track”, un circuíto para percorrer en bicicleta, skate ou patinete con curvas e montículos.
No parque do Camiño Real estreáronse este ano un “skate bowl”, unha bañeira para patinar con superficie irregular con pendentes e formas redondeadas; e unha tirolesa de 28 metros de longo, catro metros de altura na saída e tres na chegada e chan de caucho. A oferta de espazos para a mocidade tamén inclúe un parque de calistenia, proposto polo alumnado do IES Punta Candieira, no que se pode adestrar usando o propio peso corporal.
Esta é unha ampla zona na que desenvolver calquera actividade ao aire libre, con dous parques de xogos, un deles adaptado aos máis pequenos, que discorre paralela á praia urbana da Magdalena. Tanto esta como a de Area Longa, máis próxima ao porto, teñen area branca e fina e augas tranquilas, ideais para a práctica de deportes acuáticos. Ambos areais son de doado acceso e dispoñen de duchas e servizos de restauración próximos.


Idade: Primaria e ESO
Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Educación Física
Máis información:
turismo.cedeira.gal

O MAR
Casa do Pescador. Camiño de Arealonga, 1
620 972 981
www.maresdecedeira.gal
maresdecedeira@gmail.com

A diversidade biolóxica das augas de Cedeira é o motor da súa importante tradición pesqueira, que caracterizou e impulsou á vila desde o seu nacemento. Esta riqueza valeulle ademais á ría cedeiresa a declaración de Reserva Mariña de Interese Pesqueiro no ano 2009, o que favoreceu a protección e explotación sostible do seu fondo mariño.
Un dos espazos chave para achegarse á economía da localidade é a Lonxa de Cedeira, que é visitable concertando a cita previamente coa confraría. Neste lugar, os nenos e nenas poden aprender o funcionamento deste tipo de instalacións, o proceso de compra-venta de peixe, os tipos de etiquetado e as técnicas de pesca da frota local.
Outra visita de gran interese para facer co alumnado é o Museo Mares de Cedeira, que alberga nas súas salas de exposición diferentes elementos que dan conta da conexión entre o pobo cedeirés e o mar: embarcacións, aparellos de pesca, útiles de navegación, fotografías… O museo abriu as súas portas no 2016 e desde entón a súa colección non deixou de crecer grazas as doazóns de pezas da veciñanza. Ademais, presume de contar cunha gran colección de malacoloxía, cedida por Manuel Suárez, con máis de 5.000 cunchas de bivalvos e gasterópodos.
O museo ofrece visitas guiadas para os centros educativos axendando previamente a data. Ademais, o profesorado pode solicitar a organización de distintas actividades lúdicas. Para os alumnos máis maiores realízanse obradoiros de nudos mariñeiros e lectura de cartas náuticas. E para todas as idades, o museo estreou este ano unha actividade con motivo do Día dos Museos consistente nun xogo no que o alumnado, organizado en pequenos equipos, busca pistas agochadas polas instalacións ata chegar a unha mensaxe oculta.
Desde hai un par de anos, este museo está integrado na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), á que pertencen outros espazos de difusión do patrimonio marítimo e pesqueiro de Galicia, Asturias e Portugal.


Idade: De Infantil a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia
Horario: Horario de verán (desde o 1 de xuño ao 30 de setembro): de mércores a domingo de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Horario de inverno (do 1 de outubro ao 31 de maio): de martes a domingo de 10:30 a 13:00
Prezo da entrada ao museo: entrada gratuíta para menores de 7 anos, 1 euro para nenos/as entre 7 e 10 anos e 2 euros para maiores de 10 anos.
Máis información sobre o museo: maresdecedeira.gal
www.turismoortigueira.com/rutas/espasante-ruta-de-los-marinerosVisitas á lonxa: Contacto da Confraría 981 480 389

UN PASEO POLA HISTORIA
Oficina de Turismo: Palacete Municipal
Avenida de Castelao s/n
Teléfono: 981 482 187
turismo.cedeira.gal
mar.lopez@cedeira.es
Ferrol 38 Km
A Coruña 83 Km
Viveiro 64 Km
Santiago 127 Km

A punta do Sarridal, a pequena península situada no extremo leste da vila, conforma un enclave sorprendente pola súa beleza e pola concentración de elementos patrimoniais.
O xacemento arqueolóxico de Sarridal é un dos máis importantes. Trátase dun castro que -polos achados que se produciron ata o momento- estivo habitado desde o século V a.C. ata o IV d.C., da época castrexa ata a entrada dos visigodos e a cristianización. O complexo presenta un sistema defensivo con dous fosos e unha muralla. Entre os seus elementos máis destacados está o monumento con forno, que funcionaba como sauna de vapor. A técnica do carbono 14 datouna no 230 a.C. e é a quinta deste tipo achada en Galicia. O castro conta cun panel informativo para facilitar a interpretación dos restos.
Nas inmediacións do castro está ubicado o Castelo da Concepción, unha fortaleza militar construída en 1747 polos propios veciños e con fondos da Coroa, a raíz dun ataque da frota inglesa á ría de Cedeira. No seu interior abriuse este verán un centro de interpretación do Castro Sarridal no que se expoñen obxectos achados durante as escavacións. Entre estas pezas destaca unha moeda romana co rostro de Vibia Sabina, muller do emperador Adriano, datada do I a.C. Dentro do castelo hai tamén unha mostra sobre a historia de Cedeira nos séculos XVIII e XIX.
Tamén moi preto están unhas antigas cetarias, que veñen de ser rehabilitadas no último ano, nas que os barcos pesqueiros gardaban o peixe e o marisco vivo para logo envialo a diferentes puntos do país. Baixar ao pé das cetarias ou contemplalas desde o alto permite gozar dunhas vistas extraordinarias ao tempo que se aprende, a través dos paneis informativos, algo máis sobre a tradición pesqueira da vila. A poucos metros, ao pé do cantil, está a paradisíaca cala de Sonreiras, de augas cristalinas de cor azul intensa, á que se accede por unhas escadas de madeira moi empinadas.
O acceso ao alto da península pode facerse a pé desde o porto ou ben en coche, pois conta con espazo habilitado para estacionar. Viaxando en autobús, o máis recomendable é aparcar no porto e subir polas escadas e o camiño que levan ata o castelo e ao castro.
Idade: De Primaria a Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física
Máis informacións:
castrosarridal.esPrezo: Gratuíto
Horarios: Consultar coa Oficina de Turismo a dispoñibilidade de horarios e visitas guiadas ao Castelo da Concepción.
Contacto: 981 482 187



SERRA DA CAPELADA E SANTO ANDRÉS DE TEIXIDO
Oficina de Turismo: Palacete Municipal
Avenida de Castelao s/n Tel. 981 482 187turismo.cedeira.gal
mar.lopez@cedeira.es

A Serra da Capelada é un conxunto montañoso de gran extensión que abrangue o litoral dos concellos de Cedeira, Cariño e Ortigueira. Trátase dunha zona de gran beleza paisaxística e valor xeolóxico que forma parte do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.
A Capelada presume de contar cos cantís máis elevados da Europa continental, que ofrecen unhas vistas privilexiadas da costa do noroeste atlántico. O pico máis alto deste conxunto atópase en Vixía Herbeira, de 620 metros sobre o nivel do mar, que recibe o seu nome pola garita de Herbeira, unha pequena construción de pedra que data do século XVIII e servía para a vixilancia costeira. Dende o seu miradoiro poden divisarse as Illas Sisargas e a Punta de Estaca de Bares. Ademais, é habitual atopar na contorna cabalos e vacas en liberdade. Unha vez ao ano, no mes de xuño, celébrase a rapa das bestas, unha tradición ancestral na que os cabalos son guiados ao recinto do curro para cortarlles as crinas.
No medio do fermoso paraxe da Capelada atópase o máxico pobo de Santo André de Teixido, envolto en numerosos mitos e lendas e espazo de culto relixioso xa dende tempos prerrománicos. Existe unha crenza popular que di que a Santo André “vai de morto quen non foi de vivo” reencarnado nun insecto ou réptil. Quizais este sexa un dos motivos polos que o seu santuario é o segundo maior centro de peregrinaxe de Galicia despois de Santiago de Compostela.
Un dos mellores xeitos de visitar a Serra da Capelada e aprender sobre o seu patrimonio xeolóxico é aproveitando algunha das catro xeorrutas guiadas polo xeólogo Francisco Canosa e gratuítas (ver páxinas sobre o proxecto do Xeoparque).
Ademais, pola Capelada e Santo Andrés de Teixido vai o coñecido como Camiño do Mar, unha variante do Camiño do Norte en vías de ser recoñecido como Ruta Xacobea a Santiago e que ten a particularidade de ser o único percorrido que pasa polos dous puntos de peregrinación de Galicia.
Idade: De Infantil a Bacharelato
Materia: Ciencias Naturais, Bioloxía e Xeoloxía, Xeografía e Historia
Material didáctico sobre mitos, lendas e contos: es.slideshare.net/PepaBotellaPrez/unidad-didctica-mitologa
Máis información:caminoasanandres.com/asociacion
Historia de Santo André de Teixido: turismo.cedeira.gal/conece-cedeira/san-andres-de-teixido



