CARIÑO
O BARRIO MARIÑEIRO
Casa do Concello
Avenida da Paz, 2
CariñoTlfo: 981 405 064
www.concellodecarino.galFerrol 55 Km
A Coruña 94 Km
Viveiro 54 Km
Santiago 137 Km
Unha excursión a Cariño dá para moito pola variedade de propostas que encontramos neste concello. A zona histórica da vila ten estilo mariñeiro galego, con casas estreitas de cores vivas e galerías de balconadas. A axustada distribución das vivendas responde á pouca dispoñibilidade de áreas de cultivo e á proximidade co peirao, que provocaron que se aproveitase ao máximo o espazo dispoñible. Sobre o seu nome, Cariño, debátese se procede do antropónimo Carinus, que sería o nome do propietario das terras na época dos romanos, ou derivaría dun topónimo prerromán que significa “lugar pedregoso”.
A orixe deste municipio costeiro remóntase á época dos Castros. Moi preto, na Serra da Capelada hai unha serie de túmulos do Megalítico que parecen indicar que houbo poboamento na localidade desde o 3.000 a. C.
Na parte alta do barrio destacan os miradoiros da Rúa Antiga, O Pósito e O Castro, cunhas vistas impresionantes da localidade. Ademais, nesta zona atópanse prazas como a da Porta da Pulida, onde se celebraba antigamente o mercado e as festas, ou a igrexa parroquial de San Bartolomé, na parte máis alta da vila, que data de 1923.
Outro dos puntos de interese de Cariño é a praia da Concha e o seu paseo marítimo, situados moi preto do barrio mariñeiro. Ademais, desde o areal accédese á ruta de sendeirismo da Figueiroa. Esta área de natureza é un lugar de gran atractivo para os rapaces e rapazas, que poden gozar da praia se o tempo acompaña.
Como actividade complementaria tamén é interesante para os escolares unha visita á nave das redeiras, onde se elaboran de xeito artesanal as redes de pesca.
Idades: Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Xeografía e Historia, Tecnoloxía, Ciencias Sociais
Máis información: Pódese chegar en autobús (Ferrol-Viveiro/Ferrol-Cedeira-Cariño) ou en tren, xa que en Ponte Mera hai un apeadeiro de FEVE, unha liña de vía estreita que percorre a costa norte. No caso de que a excursión sexa en inverno ou que o día non sexa moi bo na tempada estival, pódese ir á piscina climatizada municipal.
ROCHAS E AVES
Faro do Cabo Ortegal
43°46’17.3”N 7°52’08.3”WTel. 981 405 064
www.concellodecarino.galFerrol 55 Km
A Coruña 94 Km
Viveiro 54 Km
Santiago 137 Km
Moi preto da vila de Cariño atópase o Cabo Ortegal, unha península montañosa con cantís de 300 metros de altitude que posúe dous extremos: a Punta do Limo e a Punta dos Aguillóns, onde está o faro e o punto de encontro do océano Atlántico e o mar Cantábrico.
Os Aguillóns son unhas pedras con forma punzante que emerxen escalonadas en dirección Norte. No século II foron nomeadas polo xeógrafo Ptolomeo coma “Trileuco”, que significa “Os tres brancos”. Estas xoias xeolóxicas poden ser observadas desde o miradoiro do faro, desde onde tamén son visibles os Cantís de Herbeira, os máis elevados da Europa Continental.
No límite occidental do Cabo Ortegal están as fervenzas do río do Limo, que caen cara ao mar polos cantís. Entre Os Aguillóns e a Punta do Limo atópase a Enseada da Cova, un gran arco onde emerxen formacións rochosas coma a “Longa da Moreira”, unha rocha vertical de gran altura que remata en pico.
Como parte do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, a riqueza xeolóxica de Cariño é elevada, destacando na contorna do Cabo a presenza de rochas de orixe metamórfico coma Afibolitas, Granulitas ou Gneises e o maior e mellor afloramento de Ecloxitas do mundo.
A meirande parte do municipio conta con algún tipo de protección medioambiental, e é un lugar excepcional onde observar diferentes aves. Pola súa situación xeográfica, Cariño é punto de referencia para ornitólogos, e en concreto dos coñecidos como “twitchers”, que son aqueles especialistas que percorren centos de quilómetros para contemplar unha nova especie divagante. As mellores localizacións para practicar “birding” son a praia da Concha, a ría e os prados próximos, sendo o outono a mellor época do ano para realizar esta actividade, na que o alumnado pode desfrutar dunha xornada de inmersión na natureza.
Idades: ESO e Bacharelato
Materias: Ciencias Naturais, Bioloxía
Recomendación: Levar protección contra o vento na visita ao Cabo Ortegal, prismáticos e cámara de fotos
Máis información: Folletos sobre a Rede Natura e itinerarios polo complexo xeolóxico do cabo Ortegal descargables en:
www.concellodecarino.gal/que-facer-ver
AS CONSERVEIRAS
Conservas La Pureza
Rúa do Río Grande, 2conservas@lapureza.es
Ferrol 55 Km
A Coruña 94 Km
Viveiro 54 Km
Santiago 137 Km
Ata finais do século XVIII, Cariño foi un municipio dedicado fundamentalmente á pesca e á agricultura, como moitos da súa contorna.
A industrialización da vila xurdiu a raíz da implantación da industria conserveira, que marcou á súa vez o aumento da poboación na zona e o establecemento de novas empresas relacionadas co peixe.
Ademais de ser, xunto coa pesca, o motor económico do municipio, a conserveira tivo impacto tamén na arquitectura da localidade. As diferentes fábricas contaban con fachadas señoriais propias dos primeiros anos do século XX, pois a maioría das veces a empresa conserveira estaba integrada no mesmo edificio que a vivenda familiar dos propietarios.
O mellor momento da industria da salgadura foi nos anos 60, cando a vila de Cariño contaba con 24 fábricas e unha poboación de 5.000 habitantes, que foi medrando cada vez máis da man desta actividade económica.
A día de hoxe algunhas destas empresas tradicionais seguen funcionado. É o caso da Conserveira “La Pureza”, que elabora artesanalmente conservas de pescados e mariscos desde 1924.
Tamén ofrece a través da súa marca Amieiro marmeladas e conservas vexetais. De momento ten suspendidas as visitas guiadas á fábrica pola pandemia e a súa recuperación depende da evolución da situación sanitaria. O obxectivo é que os nenos e nenas fsexan testemuñas de todo o proceso, desde a selección das materias primas ata o enlatado e os diferentes controis de calidade que pasan todos os seus produtos.
Idades: Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Tecnoloxía, Ciencias Naturais
Máis información: As visitas guiadas á fábrica de La Pureza están temporalmente suspendidas pola pandemia, pero merece a pena achegarse á vila para visitar o exterior dos edificios que albergaron e albergan as conserveiras pola súa arquitectura.
O estacionamento é grande (pódese aparcar na entrada do porto ou na zona alta da vila)