CAMIÑO INGLÉS

Separador

FERROL

Entre Ferrol e Santiago hai 120 km de historia e patrimonio, un gran predominio da natureza e moita tranquilidade. O Camiño Inglés ten as súas orixes na Idade Media, cando peregrinos escandinavos, centroeuropeos e das Illas Británicas desembarcaban no porto de Ferrol co obxectivo de camiñar ata Santiago de Compostela e visitar a tumba do Apóstolo. O camiño está sinalizado en todo momento cunha cuncha
de peregrino e podemos atopar a primeira na oficina de información turística Via Compostellam, situada no porto de Ferrol e onde ofrecen todo tipo de información sobre o percorrido. O itinerario continúa pola rúa San Francisco ata chegar ao antigo Pazo da Capitanía Marítima, que está na rúa Real. Esta construción está a carón dos xardíns de Herrera e do Parador de Turismo, e dende ela hai unhas vistas privilexiadas do Arsenal Militar de Ferrol. Pódese visitar o primeiro sábado de cada mes, contactando previamente coa empresa responsable das visitas (Fertur).

No seu interior aínda se conservan os grandes salóns co mobiliario e obras de arte da que foi a residencia do capitán xeral da Zona Marítima do Cantábrico. Continuando pola rúa Real, entramos no barrio da Magdalena, que está deseñado en forma de libra de chocolate e conta con dúas prazas: a de Armas e a de Amboage. É importante destacar as edificacións modernistas que hai na zona, a maioría deseñadas por Rodolfo Ucha Piñeiro. Unha delas é o Teatro Jofre, unha das obras da arquitectura teatral máis importantes do século XIX que destaca pola acústica e a súa fermosa decoración. É posible visitalo pero necesítase unha reserva previa. Ao lado deste emblemático edificio atopamos o Cantón de Molíns, a primeira alameda urbana de Galicia e dende onde podemos visitar o Exponav e o Museo Naval. O camiño continua ata o barrio de Caranza, percorrendo todo o paseo marítimo. Este tramo ten unha extensión de case 7 quilómetros, a maioría por zona urbana, así que non ten dificultade.

A ficha

  • Ruta urbana
  • Materias relacionadas: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Educación Física
  • Idades: Primaria-ESO-Bacharelato
  • Para visitar o teatro Jofre contactar previamente coa concellería de Cultura: 981 944 013 Ext. 630
  • Para visitar o Pazo de Capitanía (primeiro sábado de cada mes) contactar coa empresa Fertur con antelación no 696 531 070 ou no correo ferturguias@yahoo.es. A visita ten un prezo de tres euros por persoa, menores de 5 anos gratis. É necesario levar o DNI ou o pasaporte
  • A visita ao Museo Naval é gratuíta e ten incluído un servizo de visitas guiadas. Máis información en museonavalferrol@fn.mde.es ou no 981 336 027
  • A visita ao Museo de Construción Naval (Exponav) é gratuíta para os grupos escolares reservando a visita previamente en exponav@exponav.org ou no 981 359 682
rutas por Ferrol

NARÓN

  • Punto de partida: Avenida do Mar, A Gándara
    43°28’52.2”N 8°12’23.9”W

  • Concello de Narón, Concellería de Turismo: 981 337 700 Ext. 1316

    turismo.naron.es/es/conoce-naron

  • Ferrol 5Km
    A Coruña 50Km
    Viveiro 85Km
    Santiago 93Km

A ruta do Camiño Inglés pasa tamén polo municipio de Narón e ten unha extensión aproximada de 6 quilómetros. É un itinerario doado para os escolares e pode modificarse en función da idade e os intereses do grupo. Existe a posibilidade de concertar cita con Andrés Pena Graña, o historiador municipal, que pode impartir unha clase moi interesante. Comezamos o percorrido no barrio da Gándara e bordeamos toda a ría ata chegar á Faísca. Un pouco máis adiante atopamos o mosteiro de San Martiño de Xuvia, tamén coñecido como o mosteiro do Couto. Trátase dunha igrexa románica de tres naves da primeira metade do século XII. Ten unha arquitectura e un pasado tan interesantes que é moi recomendable visitala, aínda que, para facelo, hai que contactar previamente co cura.

Continuamos polo Camiño do Salto ata chegar ao lugar de Outeiro, onde se atopa o muíño das Aceñas, unha construción do século XVIII. Foi unha das principais fábricas de fariñas no seu tempo e recollía a auga das mareas para traballar na moenda. Durante o percorrido podemos atopar, ademais dos sinais xacobeos, outros decorados cun peixe vermello. Estas figuras marcan o itinerario que vai a San Andrés de Teixido, que tamén pasa polo municipio de Narón e coincide co Camiño Inglés ata O Ponto. Este tramo continua dende O Ponto ata o Paseo Marítimo de Xuvia, unha zona verde moi ampla e tranquila afastada dos coches onde se pode descansar ou facer todo tipo de xogos cos escolares.

A ficha

  • Ruta urbana
  • Materias: Xeografía e Historia, Ciencias
    Naturais, Ciencias Sociais. Educación Física.
  • Idades: Primaria-ESO-Bacharelato.
  • Hai posibilidade de concertar cita co historiador municipal Andrés Pena Graña
  • Para visitar o Mosteiro de San Martiño de Xuvia é preciso falar previamente co cura no 659 920 253
  • Dependendo da idade ou intereses do grupo, a ruta pode iniciarse directamente no Mosteiro de San Martiño de Xuvia
rutas por Ferrol

NEDA

  • Punto de partida: Ponte sobre o río Xuvia, no lado da rúa Aldea Empedrón
    43°30’51.3”N 8°09’09.2”W

  • Protección Civil de Neda Telf. 629 224 622

  • Ferrol 9Km
    A Coruña 49Km
    Viveiro 79Km
    Santiago 92Km

O último tramo desta etapa iníciase sobre a ponte que cruza o río Xuvia, moi próxima ao albergue de peregrinos, no que é posible hospedarse por seis euros por persoa e noite. Bordeando a ría de Ferrol por unha zona maioritariamente peonil e de fácil acceso, chegamos ata a igrexa de Santa María. Esta edificación barroca é de 1721 e garda o Cristo da Cadea, unha figura gótica que chegou a Neda no século XVI nun barco británico que fuxía das persecucións anglicanas. Se cruzamos a ponte do Río Belelle accedemos ao casco histórico, de trazado medieval e formado por vivendas do século XVII e XVIII.

Na parte máis alta atopamos a Torre do Reloxo, unha construción do século XVII que pertencía ao antigo Hospital de Peregrinos do Sancti Spiritus, cuxos restos se atopan ao lado da Casa do Concello. Nese mesmo lugar tamén está un teixo plantado pola Confraternity of Saint James, unha asociación fundada en Londres en 1983 que axudaba aos peregrinos antes, despois e durante o camiño. Descendendo pola rúa Real chegamos á igrexa de San Nicolás, que ten un dos cruceiros máis antigos de Galicia. Despois de percorrer o Camiño do Murallón e o barrio do Puntal, chegamos ao final do tramo de Neda, que está no límite co termo municipal de Fene.

A ficha

rutas por Ferrol