CAMIÑO INGLÉS

FERROL
Oficina de turismo Via Compostellam
Porto de Curuxeiras
FerrolTlfo: 981 944 252
www.visitferrol.com/ruta-de-camino-inglesFerrol 0 Km
A Coruña 56 Km
Viveiro 91 Km
Santiago 99 Km

En Ferrol arranca a primeira milla do Camiño Inglés, que recibe o seu nome dos camiñantes das Illas Británicas que dende o século XII chegaban en embarcacións á cidade para iniciar a súa peregrinaxe. A etapa ferrolana é sinxela e percorre na súa totalidade a contorna urbana, pasando por algúns dos puntos máis emblemáticos do concello. É posible solicitar á empresa Ferrol Guías un roteiro guiado polo tramo do casco histórico, moi recomendable para grupos de
estudantes.
O Camiño comeza no porto de Curuxeiras onde se atopan a Oficina de Atención ao Peregrino e algunhas construcións defensivas da ría que datan da época da Ilustración, así como restos da antiga muralla de errol. Desde aí a ruta se adentra en Ferrol Vello -xermolo inicial da urbe- e continua pola rúa de San Francisco ata chegar aos xardíns de Herrera, onde se pode gozar dunha fermosa panorámica do Arsenal. Ao carón dos xardíns está o Pazo de Capitanía, ao que se organizan visitas o primeiro sábado de cada mes solicitando cita previa en Ferrol Guías.
Continúase pola Madalena, o barrio emblema do casco histórico co seu característico trazado de pastilla de chocolate. Nas súas rúas atópanse algunhas das xoias da arquitectura modernista de Rodolfo Ucha, como a Casa Romero ou o Teatro Jofre, entre moitos outros edificios.
Avanzando polo Camiño chégase á alameda do Cantón de Molíns, a primeira gran alameda urbana de Galicia. Nesta zona están situados o Museo Naval e Exponav, dúas visitas interesantes para facer co alumnado (ver páxinas respectivas). O itinerario segue bordeando o perímetro dos estaleiros e chega ata o barrio de Caranza, último punto do percorrido por Ferrol, onde se pode aproveitar para facer unha parada na praia urbana.


Idade: Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Educación Física.
Máis información:
Para visitar o teatro Jofre, contactar previamente coa concellería de Cultura (981 944 013. Extensión 630.
Para visitar o Pazo de Capitanía (primeiro sábado de cada mes) contactar con Ferrol Guías con antelación no 696 531 070 ou no correo ferrolguias@yahoo.es. A visita ten un prezo de 5 euros por persoa, menores de 5 anos gratis. É necesario levar DNI ou pasaporte.
Para as visitas ao Museo da Construción Naval e o Museo Naval ver as páxinas correspondentes.

NARÓN
Concellería de Turismo
Tlfo 981 337 700. Extensión 1307
Ferrol 5 Km
A Coruña 50 Km
Viveiro 85 Km
Santiago 93 Km

Ao seu paso por Narón a ruta xacobea ofrece ao camiñante un itinerario de pouca dificultade con varios puntos de interese nos que facer paradas. O percorrido, que comeza no polígono da Gándara e remata na desembocadura do río Xuvia, ten unha extensión de pouco máis de seis quilómetros polo que pode facerse o tramo completo nunha saída escolar dun día. Ademais, é posible enriquecer a experiencia solicitando o acompañamento de Andrés Pena Graña, o historiador municipal.
O primeiro lugar no que vale a pena deterse é o mosteiro de San Martiño de Xuvia, unha construción de estilo románico cuxa orixe se remonta ao século IX e que viviu o seu maior esplendor no XII, cando se adheriu a orde de Cluny. Recoméndase visitar o interior da igrexa para mostrarlle ao alumnado as características arquitectónicas dos templos románicos, concertando previamente unha cita co párroco.
A man dereita do mosteiro, a ruta segue polo camiño do Salto e máis adiante polo lugar de Outeiro, onde se atopa o muíño das Aceas, que funcionou no século XIX recollendo auga das mareas para empregala na moenda dunha das maiores fábricas de fariña de Galicia.
Ademais das xa coñecidas vielas amarelas, ao longo do camiño tamén atopamos indicacións con debuxos de peixes vermellos que mostran a ruta alternativa a Compostela que pasa por San Andrés de Teixido.
O último punto da etapa de Narón é o Paseo Marítimo de Xubia, un extenso espazo verde á beira do río onde se pode aproveitar para descansar, xantar ou xogar cos nenos e nenas.


Idades: Primaria, Eso e Bacharelato.
Materias: Xeografía, Historia, Historia da Arte, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Educación Física.
Máis información:
Para visitar o mosteiro de San Martiño de Xubia é preciso falar previamente co párroco chamando ao 659 920 253.

NEDA
Protección Civil Neda
Tlfo. 981 380 039
www.neda.galFerrol 9 Km
A Coruña 49 Km
Viveiro 79 Km
Santiago 92 Km

A localidade de Neda acolle cinco quilómetros da ruta xacobea do Camiño Inglés. O municipio é un punto de parada habitual dos peregrinos xa que ata o momento é o único lugar da zona que dispón dun albergue. O aloxamento é público, da Xunta de Galicia, e atópase na zona do Empedrón. A súa capacidade é de 28 persoas.
Trátase dun percorrido doado e sen grandes pendentes, polo que resulta axeitado para organizar co alumnado unha xornada de camiñada. O punto de partida do itinerario é a ponte do río Xuvia e continúa bordeando a ría de Ferrol. Polo camiño atópase a igrexa barroca de Santa María, un templo que data do 1721 aínda que a súa orixe remóntase ao século IX. No seu interior pode admirarse unha das pezas máis valiosas da arte relixiosa galega, a escultura do Cristo da Cadea, unha talla que chegou a Neda a bordo dunha embarcación británica que fuxía das persecucións da época da iconoclastia.
Tras pasar pola pasarela que cruza o río Belelle, chégase ao casco histórico do concello. Nas súas rúas o camiñante atopa edificios de interese patrimonial. Algúns deles están vinculados á tradición xacobea, como o antigo Hospital de Peregrinos do Sancti Spiritus, cuxa Torre do Reloxo data do século XVIII.
Percorrendo a rúa Real chégase á igrexa de San Nicolás, erixida no século XIV, na que se atopa un dos cruceiros máis antigos de Galicia. Detrás do templo hai un parque infantil, o de Subarreiros, que conta cunha construción dun barco pirata para que xoguen os máis pequenos. Dende este punto, continuando polo Camiño do Murallón e o barrio do Puntal chégase ao límite co concello de Fene.


Idade: Primaria, ESO e Bacharelato
Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Educación Física.
Máis información:
Información sobre o albergue de peregrinos de Neda nesta dirección
No portal Wikiloc podedes consultar todo o itinerario da primeira etapa do Camiño Inglés.

FENE
Concellería de Turismo.
Praza do Alcalde Ramón José Souto González, s/n Fene
Tlfo. 981 492 767

A peregrinaxe a Compostela pasa nun dos seus tramos polo Concello de Fene, nun itinerario sinxelo e de curta duración –pouco máis de tres quilómetros– ao longo do cal o camiñante pode gozar da paisaxe da contorna e facer paradas en puntos de interese patrimonial. O percorrido discorre por unha parte urbana e outra en plena natureza, aínda que incluso desde os espazos máis verdes é posible divisar o emblemático guindastre de Navantia e os “jackets” que están en construción, nun chamativo e fermoso contraste.
O camiño ten o seu punto de partida no lugar de Conces e continúa pola rúa Fonte do Campo ata chegar ao lugar da Casanova. Pouco despois cruza a estrada N-651 e chega á Casa do Concello de Fene. Dentro da vila pódese aproveitar para facer un descanso visitando a igrexa do Divino Salvador, datada no século XVIII, ou o Museo do Humor Xaquín Marín, un espazo único en Galicia e de atractivo para a rapazada (ver páxina adicada a esta mostra).
Ao final da avenida do Concello haberá que xirar á esquerda e na rotonda tomar dirección á dereita cara a rúa Alcalde Xerardo Díaz. Estas indicacións levan ao camiñante ao lugar de Mundín, onde se atopa un antigo lavadoiro. Neste lugar crúzase tamén por un bosque de árbores caducifolias e eucaliptos polo que se regresa á N-651.
Desde o Rego da Moa camíñase ata Romariz, onde un pequeno camiño de terra a carón dunha zona de hortas conduce ao final do itinerario fenés, o Polígono de Vilar de Colo, que conecta este concello con Cabanas.
Idade: Primaria, ESO e Bacharelato
Materia: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Educación Física
Máis información: En fene.gal/turismo/camino-de-santiago.es podedes consultar a descrición completa da ruta e descargar un documento detallado con fotografías e ubicacións.



