CAMIÑO INGLÉS

Separador

FERROL

O peirao de Curuxeiras é o punto de inicio do Camiño Inglés, un percorrido de case 120 quilómetros ata Compostela, empregado desde o século XII por peregrinos
escandinavos, centroeuropeos e das Illas Británicas, que chegaban á cidade por mar para iniciar posteriormente esta ruta xacobea.

Ao seu paso por Ferrol, o Camiño discorre por algúns dos puntos máis emblemáticos da cidade. Desde o porto adéntrase no barrio de Ferrol Vello, onde o itinerario continúa pola emblemática rúa de San Francisco, atopando a igrexa co mesmo nome e os xardíns de Herrera, cunhas vistas privilexiadas do Arsenal.

Seguindo pola rúa Real atópanse tamén o Parador de Turismo e o Pazo de Capitanía, que pode ser visitado o primeiro sábado de cada mes, baixo petición previa á empresa encargada das visitas, que é Ferrol Guías.

O barrio da Magdalena é unha das xoias da Ilustración na cidade, con forma de cuadrícula, que recorda a unha libra de chocolate. Moitos dos edificios do barrio son de arquitectura modernista, deseñados na súa maioría por Rodolfo Ucha, artífice da Casa Romero ou o Teatro Jofre, entre moitos outros, ambolos dous situados na praza de Galicia.
Ao carón desta praza atópase o Cantón de Molíns, que foi a primeira gran alameda de Galicia, onde se atopan Exponav ou o Museo Naval aos que tamén se pode realizar unha visita co alumnado (ver páxinas respectivas). A ruta continúa pola marxe da muralla do Arsenal e os estaleiros ata o barrio de Caranza, onde se pode facer unha parada para gozar da súa praia urbana e da vista da ermida, situada a carón do paseo marítimo.

  • Idades: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Distancia: Sete quilómetros

  • Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Educación Física

  • Máis información: Para visitar o teatro Jofre contactar previamente coa concellería de Cultura: 981 944 180
    Para visitar o Pazo de Capitanía (primeiro sábado de cada mes) contactar coa empresa Fertur con antelación no 696 531 070 ou no correo ferturguias@yahoo.es. A visita ten un prezo de cinco euros por persoa, menores de 5 anos gratis. É necesario levar o DNI ou o pasaporte
    A visita ao Museo Naval é gratuíta e ten incluído un servizo de visitas guiadas. Máis información en museonavalferrol@fn.mde.es ou no 981 336 027
    A visita ao Museo de Construción Naval (Exponav) é gratuíta para os grupos escolares reservando a visita previamente en exponav@exponav.org ou no 981 359 682

rutas por Ferrol

NARÓN

  • Punto de partida: Avenida do Mar, A Gándara
    43°28’52.2”N 8°12’23.9”W

  • Concello de Narón, Concellería de Turismo: 981 337 700 Ext. 1307

    turismo.naron.es/es/conoce-naron

  • Ferrol 5Km
    A Coruña 50Km
    Viveiro 85Km
    Santiago 93Km

A ruta xacobea continúa polo municipio de Narón, un tramo sen dificultade e moi interesante para realizar co alumnado. Ademais, pode solicitarse unha visita desta parte do Camiño con Andrés Pena Graña, que é o historiador municipal, polo que ofrecerá información moito máis completa e detallada sobre o percorrido.

Adéntrase desde Ferrol polo barrio da Gándara, por onde se bordea a ría ata chegar á Faisca. Un pouco máis adiante encóntrase o mosteiro de San Martiño de Xuvia, unha das construcións de maior valor eclesiástico da localidade. É un templo de estilo románico con tres naves, cuxa orixe data da primeira metade do século XII. Popularmente é máis coñecido como mosteiro do Couto. Para visitar o interior da igrexa e coñecer todos os seus segredos é necesario concertar previamente unha cita co cura.

Desde este mosterio, o itinerario segue polo Camiño do Salto e logo polo lugar de Outeiro, no que se atopa o muíño das Aceñas, unha edificación do século XVIII adicada á recollida de auga das mareas para empregala na moenda. Recibiu o título de Real Fábrica de Fariñas, expedido polo monarca Carlos IV.

Nesta zona, ademais das vieiras amarelas que indican o camiño xacobeo, hai uns peixes vermellos. Estes símbolos marcan a ruta ata San Andrés de Teixido, un percorrido que tamén discorre polo concello de Narón e que coincide co Camiño Inglés ata O Ponto.

No último tramo da localidade, desde O Ponto, chégase ata o Paseo Marítimo de Xuvia, unha extensa área verde onde facer unha parada co alumnado para xantar, descansar ou seguir xogando ao aire libre.

  • Idades: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais, Educación Física

  • Máis información: Hai posibilidade de concertar cita co historiador municipal Andrés Pena Graña. Para visitar o Mosteiro de San Martiño de Xuvia é preciso falar previamente co cura no 659 920 253. Dependendo da idade ou intereses do grupo, a ruta pode iniciarse directamente no Mosteiro de San Martiño de Xuvia

rutas por Ferrol

NEDA

  • Punto de partida: Ponte sobre o río Xuvia, no lado da rúa Aldea Empedrón
    43°30’51.3”N 8°09’09.2”W

  • Protección Civil de Neda Telf. 981 38 00 39

  • Ferrol 9Km
    A Coruña 49Km
    Viveiro 79Km
    Santiago 92Km

No fondo da ría de Ferrol atópase o municipio de Neda, cuxa ponte sobre o Xuvia é o punto de inicio do Camiño Inglés ao seu paso por este concello. Cinco dos máis de cen quilómetros desta ruta xacobea atópanse na localidade, que conta cun albergue, pois é moi habitual que os peregrinos fagan noite aquí antes de continuar co seu percorrido ata Compostela. Esta hospedaxe abre durante todo o ano e conta con 28 prazas.

Este tramo do Camiño é sinxelo, sen grandes pendentes e practicamente peonil en todo o traxecto, polo que é un itinerario adecuado para facer con alumnado de diferentes idades. Seguindo a ruta chégase ata a igrexa barroca de Santa María. A súa orixe é do século IX, aínda que a construción actual data de 1721. Conta no seu interior co Cristo da Cadea, unha talla gótica de estilo Tudor que chegou a Neda nun barco británico que fuxía das persecucións anglicanas.

Despois de cruzar a pasarela sobre o río Belelle atópase o casco histórico, no que hai edificios de gran valor patrimonial, como o Concello ou o antigo Hospital de Peregrinos do Sancti Spiritus e a súa Torre do Reloxo, que data do 1786.

Casas tradicionais con soportais sitúanse na rúa Real, por onde se chega ata a igrexa de San Nicolás, do século XVI e na que é tradición a peregrinación dos luns. No seu exterior está un dos cruceiros máis antigos de Galicia, datado no século XIV, e tras o templo, o parque dos Subarreiros, polo que cruza o paseo marítimo. Desde esta zona, e continuando polo Camiño do Murallón e o barrio do Puntal, chégase ata o límite con Fene.

rutas por Ferrol

FENE

  • Punto de partida: No lugar de Conces

  • Concellería de Turismo:
    Plaza del alcalde Ramón José Souto González s/n Fene
    Teléfono: 981 492 767 E-mail: turismo@fene.gal

  • Ferrol 6Km
    A Coruña 46Km
    Viveiro 80Km
    Santiago 87Km

Un dos tramos de peregrinación do Camiño Inglés pasa polo concello de Fene, coñecido sobre todo pola súa vinculación coa industria naval e que en como símbolos característicos os guindastres de Navantia, que destacan sobre a paisaxe da zona.

A ruta xacobea adéntrase no municipio polo lugar de Conces, continuando pola rúa Fonte do Campo ata chegar ao rueiro Casanova. Este itinerario cruza pola estrada N-651, que atravesa gran parte da vila e na que se atopa, por exemplo, a igrexa do Divino Salvador, que data do século XVIII. Pouco antes do templo está o Museo do Humor, onde pode ser interesante facer unha parada para visitalo co alumnado. Despois, o percorrido segue ata a casa consistorial, e tras atravesar a rúa da Fraga e posteriormente a de Alcalde Xerardo Díaz continúase polo lugar de Mundín, onde hai un antigo lavadoiro. Subindo por un camiño de terra entre un pequeno bosque vólvese á N-651.

Desde Rego da Moa continúase ata Romariz, e seguindo por un estreito camiño que atravesa unha zona de hortas atópase o Polígono de Vilar do Colo, punto de conexión entre Fene e Cabanas. O itinerario suma pouco máis de tres quilómetros e pese a percorrer zonas de estrada, a ruta pola localidade é un tramo de escasa dificultade.

Este ano 2021 naceu o proxecto Viñetas do Camiño, da man das Concellerías de Turismo e Cultura do Concello de Fene, beneficiario do programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia. Esta iniciativa busca promover o valor patrimonial e a riqueza do Camiño Inglés en Ferrolterra mediante a ilustración e as artes plásticas, as cales teñen gran vinculación co Museo do Humor, un referente do debuxo e o humor gráfico en Galicia, e sinal de identidade desta vila.

rutas por Ferrol

CABANAS

  • Punto de partida: Tras saír do polígono de Vilar do Colo.

  • Concello de Cabanas, rúa do Concello, 22. Tlfno. 981 49 59 59

  • Ferrol 13Km
    A Coruña 42Km
    Viveiro 72Km
    Santiago 85Km

A ruta xacobea no seu discorrer por Cabanas é unha oportunidade coa que os escolares poden achegarse a coñecer algúns dos atractivos naturais e patrimoniais do municipio, que se sitúa en pleno estuario do río Eume. O itinerario do Camiño Inglés chega a Cabanas tras rodear o polígono de Vilar do Colo, e percorre algúns dos principais reclamos turísticos da zona.

Seguindo a ruta marcada polas vieiras amarelas desde a saída do polígono chégase ao primeiro lugar de interese, o muíño de Batán, situado a beira do rego de Laraxe.
Continuando o percorrido xacobeo e xa case na área urbana de Cabanas encontramos a igrexa de San Martiño do Porto, que data do século XV, cunha mezcla de estilo renacentista e barroco. Está situada na estrada que conduce á vila de Ares, onde tamén achamos a pouca distancia outro dos atractivos da ruta, o muíño do Priorato do Porto, actualmente coñecido como muíño de Cabada.

Tras a parada na acea, a ruta pode continuarse de dúas maneiras: no camiño orixinal baixa ata a praia da Madalena, un areal de 1.100 metros de lonxitude que posúe un frondoso piñeiral onde se pode facer unha parada para xantar, descansar ou incluso darse un baño se o tempo o permite.

A outra opción sería continuar pola AC-112/N-651 ata o núcleo urbano do concello para chegar ata a Igrexa de Santo André de Cabanas, do século XVIII e situada moi preto da casa consistorial. Esta sería a última parada antes de dirixirse cara a zona do río onde cruza a ponte do Eume, que conecta Cabanas coa vila de Pontedeume.

  • Idades: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais e Educación Física

  • Percorrido: Seis quilómetros. Aproximadamente dúas horas

rutas por Ferrol

PONTEDEUME

  • Punto de partida: Ponte sobre o río Eume

  • Oficina de Turismo-Torreón dos Andrade
    Praza do Conde s/n, 15.600 Pontedeume
    pontedeumeturismo.es

  • Ferrol 19Km
    A Coruña 39Km
    Viveiro 78Km
    Santiago 82Km

O Camiño Inglés discorre por algo máis de dous quilómetros polo concello de Pontedeume, localidade fundada en 1270 por Alfonso X e cunha importante relación coa peregrinación ata o sepulcro do Apóstolo. A ruta chega ata este enclave medieval pola ponte de pedra que a conecta con Cabanas e continúa polo casco histórico do pobo.

No seu paso pola zona é posíbel descubrir algúns dos monumentos máis relevantes desta localidade, cun pasado cheo de historia. Con motivo do legado medieval
de Pontedeume e a súa vinculación xacobea, o Concello puxo en marcha unha aplicación móbil de realidade aumentada coa que se poden visualizar algúns dos puntos máis emblemáticos da vila eumesa. Para utilizala basta con achegarse ata as mesas ou peanas onde se atopan os códigos QR, ubicadas na ponte de Pedra, o Torreón dos Andrade, a alameda de Raxoi ou a igrexa de Santiago.

Con esta aplicación é moi sinxelo e divertido coñecer en profundidade lugares como a praza do Conde e o antigo pazo dos Andrade, ou ver a evolución do convento dos Agostiños, entre outros, grazas á recreación dos espazos que ofrece esta tecnoloxía.

Ademais, outro aspecto interesante da ferramenta é que permite facer este tramo xacobeo acompañando virtualmente a Margery Kempe, a primeira peregrina da que se ten constancia do seu paso polo Camiño Inglés no ano 1417. É unha maneira diferente de descubrir todos os segredos do percorrido.

Dende a Idade Media, Pontedeume conta cun albergue de peregrinos. Ao principio, o servizo prestábase na antiga ponte medieval e servía para aloxar a todos aqueles que estaban a facer o Camiño Inglés. Na actualidade continúa a funcionar emprazado nos antigos almacéns do peirao, xunto ao vello xulgado.

  • Idades: Primaria, ESO e Bacharelato

  • Materias: Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais e Educación Física

  • Percorrido: Dous quilómetros

  • Máis información: Aínda que se trata dun treito breve, o trazado do Camiño Inglés ao seu paso por Pontedeume ten certa dificultade cun desnivel a ter en conta de case 160 metros sobre o nivel do mar.
    Pode planificar a súa ruta na web:
    www.caminodesantiago.gal/es/planifica/las-rutas/camino-ingles

MAPA INTERACTIVO

rutas por Ferrol